Iniciativa pola Soberania Alimentar dos Pobos
Foro Social Galego
Voracidade do capital
Ignacio Ramonet   
Xoves, 08 de Novembro do 2007

 Mentres persoalmente gañan fortunas demenciais, os dirixentes destes fondos practican sen escrúpulo os catro grandes principios da racionalización das empresas: reducir o emprego, acoutar os salarios, aumentar os ritmos e deslocalizar.

[Tirado de ‘Le Monde Diplomatique’, novembro de 2007]

Á vez que o discurso crítico -chamado noutro tempo altermundialista- contra o horror económico se enlea e volve repentinamente inaudíbel, instálase un novo capitalismo, aínda máis brutal e conquistador. É o dunha nova categoría de fondos voitre, os ‘private equities’, fondos de investimento rapaces con apetito de ogro que dispón de capitais colosais(1) .

O gran público non coñece ben os nomes destes titáns: The Carlyle Group, KKR, The Blackstone Group, Colony Capital, Apollo Management, Partners Cerberus, Starwood Capital, Texas Pacific Group, Wendel, Eurazeo. E ao abeiro desta discreción apréstanse a apoderarse da economía mundial. En catro anos, de 2002 a 2006, o monto dos capitais reunidos por estes fondos de investimento, que recollen diñeiro dos bancos, das empresas de seguros, dos fondos de pensións e dos bens de particulares moi ricos, pasou de 94.000 millóns de euros a 358.000 millóns. A súa capacidade financeira é fenomenal, supera os 1.100 millardos de euros. Non hai quen se lles resista. O ano pasado en Estados Unidos os principais ‘private equities’ investiron arredor de 290.000 millóns de euros en compra de empresas, e máis de 220.000 millóns só no curso do primeiro semestre de 2007, facéndose así co control de 8.000 empresas... Xa un asalariado estadounidense de cada catro, e un asalariado francés de cada doce, traballa para estes mastodontes(2) .

Despois do Reino Unido e Estados Unidos, Francia é o principal branco. O ano pasado apoderáronse de 400 empresas (por unha suma de 10.000 millóns de euros) e administran xa máis de 1.600. Marcas moi coñecidas, como Picard Surgelés, Dim, os restaurantes Quick, Buffalo Grill, Páxinas Amarelas, Allociné ou Afflelou, están baixo o control dos ‘private equities’, case sempre anglosaxóns, que agora planean sobre xigantes do CAC 40(3) .

O fenómeno destes fondos rapaces xurdiu fai quince anos, pero estimulado por créditos baratos e a favor da creación de instrumentos financeiros cada vez máis sofisticados, cobrou nos últimos tempos unha dimensión preocupante. O principio é simple: un club de investidores afortunados decide comprar empresas ás que inmediatamente despois administra de xeito privado, lonxe da Bolsa e as súas normas coactivas, e sen ter que render contas a accionistas rigorosos(4) . A idea é eludir os principios mesmos da ética do capitalismo apostando exclusivamente ás leis da selva.

Concretamente, as cousas suceden así, segundo a explicación de dous especialistas: "Para adquirir unha empresa que vale 100, o fondo pon 30 do seu peto (trátase dunha porcentaxe media) e pide emprestados 70 aos bancos, aproveitando taxas de xuros moi baixas. Durante tres ou catro anos reorganiza a empresa cos administradores que tiña, racionaliza a produción, desenvolve actividades e capta toda ou parte das ganancias para pagar os xuros... da súa propia débeda. Logo do cal, revende a empresa a 200, polo xeral a outro fondo que fará o mesmo. Unha vez devoltos os 70 pedidos en empréstito, quédanlle 130 no peto, por unha posta inicial de 30, é dicir, máis do 300% de taxa de retorno sobre investimentos en catro anos. Quen dá máis?(5) .

Mentres persoalmente gañan fortunas demenciais, os dirixentes destes fondos practican sen escrúpulo os catro grandes principios da racionalización das empresas: reducir o emprego, acoutar os salarios, aumentar os ritmos e deslocalizar. Alentados nisto polas autoridades públicas, que como hoxe en Francia soñan con "modernizar" o aparello de produción. E en prexuízo dos sindicatos que poñen o berro no ceo e denuncian a fin do contrato social.

Había quen pensaba que coa globalización o capitalismo se daría finalmente por satisfeito. Agora vemos que a súa voracidade parece sen límites. Até cando?

NOTAS:
(1) Véxase Frederic Lordon, "El mundo, rehén de las finanzas", en ‘Le Monde diplomatique’, edición española, setembro de 2007.
(2) Véxase Sandrine Trouvelot e Philippe Eliakim, "Les fonds d'investissement, nouveaux maîtres du capitalisme mondial", ‘Capital’, París, xullo de 2007.
(3) Cotation Assistée en Continu. Índice bursátil francés. É unha medida ponderada segundo a capitalización dos corenta valores máis significativos de entre as 100 maiores empresas negociadas na Bolsa de París.
(4) Véxase Philippe Boulet-Gercourt, "Le retour des rapaces", ‘Le Nouvel Observateur’, París, 19 de xullo de 2007.
(5) Véxase ‘Capital’, op. cit. 

Ignacio Ramonet
Sobre o autor ou autora:
Director de Le Monde Diplomatique
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
ibase