Pedro Ramiro: “Endesa anúnciase aquí como a máis sostíbel e en Bolivia anima a malgastar”
Marga Tojo   
Xoves, 08 de Novembro do 2007

 “Hai cousas que aínda non podemos deixar de facer de vez, como ter os cartos nun banco ou contratar a electricidade nunha transnacional, pero existen solucións a pequena escala e tamén o obxectivo dunha concienciación cidadá que exerza o seu poder contra o mercado”. O químico madrileño participou onte en Pobre Mundo Rico.

Desmitificar o tópico falaz de que non existe un outro modelo posíbel senón é o do mercado, é un dos propósitos do Observatorio de Multinacionais de América Latina (OMAL). O outro, é denunciar con probas o impacto negativo que teñen as compañías transnacionais sobre a ecoloxía e as sociedades dos países en desenvolvemento.

Para facelo, o simposio internacional Pobre Mundo Rico contou onte coa presenza dun dos integrantes de OMAL, o químico Pedro Ramiro, que defendeu en solitario a mesa redonda "Transnacionais enerxéticas: desenvolvemento ou destrución", na que se agardaba a presenza da directora de márqueting de Unión Fenosa, que no último momento anulou a cita. Ramiro, que evitou pronunciarse sobre a ausencia da súa interlocutora, animou a abrir con premura o debate social para cambiar de paradigma económico. "Xa comprobamos as consecuencias que ten un modelo pilotado polo monopolio das empresas agora hai que buscar novas fórmulas máis xuntas".

As reformas económicas implantadas na época dourada do neoliberalismo, aquelas que se coñecen como o Consenso de Wáshington, achandaron o camiño ao despregamento transoceánico das multinacionais e permitíronlles asentar as súas actividades ao longo do continente americano. E o caso é que semella que as empresas transnacionais levan toda a vida establecidas en Latinoamérica, cando o certo é que desembarcaron a mediados dos noventa. Endesa e Repsol eran daquela empresas públicas que, tras a privatización, dispuxeron do capital necesario para expandirse polo territorio e fixérono cun alto custo para as poboacións e os seus ecosistemas.

Unha publicidade diferente segundo o destino

Hoxe tamén, como ocorre todos os días, ocultarase o sol. Por esta razón, porque existe a noite e a escuridade, tes a Unión Fenosa proporcionando luz. É unha das últimas campañas comerciais da eléctrica, recollida polo prolífico Pedro Ramiro nun dos seus artigos, no que fai unha análise comparativa do sagaz motor publicitario que destina coidadosamente unha e outra postura segundo sexa o destino os países do Sur ou os do Norte. E cal é o cariz da promoción no caso que nos atinxe máis de perto, o dos estados ricos? O de vender valores, non produtos, nun mundo obxectualizado e onde os cidadáns se miden en termos de mercado.

E porén, o Índice Dow Jones de Sustentabilidade -"un valor en bolsa realizado con parámetros empresariais internos", segundo o cualifica o experto"- que trata de seleccionar as grandes compañías que son socialmente máis responsábeis. No 2006 -explica Ramiro noutra das súas reportaxes- cinco empresas españolas sumáronse a este índice de sustentabilidade: Iberia, Indra, Rede Eléctrica, Repsol YPF e Unión Fenosa. Así, tendo en conta ás multinacionais que xa estaban presentes (Abertis, BBVA, Santander, Endesa, Gas Natural, Ferrovial, Iberdrola, Inditex e Telefónica), o mercado español ten un total de catorce corporacións na lista das máis sostibles do mundo. Se fixésemos caso a esta clasificación, na que Repsol YPF é a petroleira cunha xestión máis transparente, Endesa é a primeira eléctrica do mundo en canto a sustentabilidade e Gas Natural é a gasista con mellor puntuación ambiental, a conclusión tería que ser evidente: as empresas multinacionais españolas da enerxía son as máis sostibles do mundo. Finalmente, temos o caso de Endesa, que por sexto ano consecutivo foi considerada como a mellor compañía eléctrica de todas as que pertencen ó Índice Dow Jones de Sustentabilidade. Entre os factores nos que Endesa alcanzou as súas valoracións máis elevadas destacan os relativos a códigos de conduta, relacións con clientes, política ambiental, estratexia de cambio climático, seguridade e saúde laboral e acción social. Con todo, hai outras versións menos dulcificadas dos efectos que supuxo a implantación da empresa en diferentes territorios indíxenas e parques naturais".

Pero para Ramiro existe unha prioridade clara, a da concienciación, que é "poder contra as transnacionais. Hai cousas que non podemos deixar de facer a día de hoxe: ter os cartos nun banco ou a electricidade cunha destas compañías, pero hai alternativas que pouco a pouco fan impacto no mercado como a banca solidaria, cooperativas agro-ecolóxicas, comercio xusto...", conclúe o especialista. •


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista de Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >