Marcos Arruda: “A democracia é un eufemismo”
Marga Tojo   
Mrcores, 07 de Novembro do 2007

 "Por vez primeira a humanidade, ela soa, logrou crear unha situación global de crise", ironiza o profesor brasileiro, que onte participou en Pobre Mundo Rico. "Finalmente, se non o logramos antes, será a propia natureza, co desastre ecolóxico, a que lle poña fin ao sistema do capital", conclúe.

"A democracia é un eufemismo que permite, en nome do libre mercado, dominar petos, corazóns e mentes, con mitos como a promesa de que o sistema fará posíbel globalizar o nivel de consumo dos países ricos, o dogma de que o mercado se autorregula, a consigna do crecemento económico ilimitado". É a certeza do coordinador xeral do PACS, o Instituto de Políticas Alternativas para o Cono Sur, Marcos Arruda, brasileiro, socialista, divulgador dun tándem tan irrenconciliábel para a nosa ideosincrasia conceptual como é o da economía solidaria. Porén, a propia etimoloxía da palabra (do grego oikos, "casa", e nomos, "regra", polo tanto, a administración do fogar) alude ao propósito de estar ao servizo do cidadán, da comunidade.

Arruda, que estivo onte en Vigo dentro do Simposio Internacional Pobre Mundo Rico, que organizan o Club Internacional de Prensa e a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, considera que será a propia natureza sumida no desastre ecolóxico "a que rematará co sistema centrado no capital". Neste sentido, "hai unha involución e escasísimas melloras", que se constatan, por exemplo, ao revisar o discurso de Kyoto do ano 1992 do dirixente cubano Fidel Castro e comprobar que as demandas seguen en completa vixencia e só as estatísticas mudaron. "Mais porque foron a peor", explica o experto. E verbo do Protocolo de Kyoto, Arruda vaticina que se de aquí ao 2050 non se reducen entre un 60% e 80% as emisións de gases con efecto invernadoiro, a terra transformarase de vez. "Con tres graos máis de temperatura que hoxe a foresta amazónica estará destruída". E incide o experto nun factor fundamental e normalmente obviado, que ve a pobreza e a riqueza como dúas caras dunha mesma moeda, entendidos como elementos constituíntes da civilización anglosaxona que hoxe domina o mundo, e do sistema do capital monopolista do Estado que lle dá fundamento. A época neoliberal, que comezou en Inglaterra e Chile, foi extremando unha situación altamente desequilibrada, nos anos setenta, cando o 20% da poboación controlaba o 80% das riquezas, cara á non sustentabilidade mundial, no ano 2000, no que ese 20% adquirira xa o dominio do 89%. "Por vez primeira a humanidade, ela soa, logrou crear unha situación global de crise", asegura Arruda, a quen preocupa a "crecente concentración" de capital nun número reducido de "empresas xigantes e corporacións". Trátase de compañías que controlan o 49% do produto global e só ofertan o 1,9% de empregos. "Non distribúen a riqueza que xeran -conclúe-. Por iso hai que romper o círculo vicioso que ten como eixe central as corporacións privadas que se apoderan dos recursos naturais". Neste sentido, e como revulsivo da escasa información verán que recibe occidente sobre estes temas, asegura que Cuba "é hoxe o país máis ecolóxico do mundo" -o galardón da WWF así o constata- e que Venezuela se converteu nun referente de economía solidaria.

A crise da civilización anglosaxona

A civilización anglosaxona está en crise porque é unha economía profundamente enferma nas súas dimensión económica, social, ambiental, psíquica e espiritual, considera o profesor, quen avoga por unha organización respetuosa co cidadán e co medio. "A única planificación do neoliberalismo é a de equilibrar oferta e demanda e, cando hai desequilibrio, cúlpase o intervencionismo que frea a súa liberdade".

E é que, fronte á habitual falacia da escaseza de recursos, Arruda é tallante: "Hai abondo para todos, pero están mal distribuídos". •


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista de Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >