Do soño de Touriñán á desfeita da Laxe Brava
Caetano Díaz   
Mrcores, 07 de Novembro do 2007

 Cando o presidente Touriño e a conselleira Gallego lle fixeron fronte á intentona bananeira de Pescanova de marcar a política acuícola de Galicia, e converteron o cabo Touriñán no símbolo do cambio, algúns experimentamos unha sensación nova: o orgullo de sermos galegos. Pouco durou o soño.

[Galicia Hoxe]

Cando o presidente Touriño e a conselleira Gallego lle fixeron fronte á intentona bananeira de Pescanova de marcar a política acuícola de Galicia, e converteron o cabo Touriñán no símbolo do cambio, algúns experimentamos unha sensación nova: o orgullo de sermos galegos. Pouco durou o soño. O Plan Acuícola que o Consello da Xunta vai aprobar, coa complicidade ferinte do nacionalismo, suporá a morte da utopía, o regalo do mellor da nosa costa a transnacionais que van sepultar coídos, praias, flora e vida mariña baixo tres milóns de metros cadrados de formigón. Intentan don Emilio e dona Carme –tamén o conselleiro Pachi Vázquez– enmascarar a desfeita con argumentos trampóns: o de que a acuicultura é un sector estratéxico para o país e o de que Galicia non pode perder a oportunidade de ser líder mundial no cultivo de peixes en granxas. E a min, fillo de Corrubedo e periodista, as preguntas brótanme como disparos: por que sector estratéxico?, para que líderes mundiais?, a cambio de que entregamos o noso litoral?

O berro de hoxe en Corrubedo non é contra a acuicultura. É contra un plan que dinamita o espírito de Touriñán e que traizoa o sentir do pobo. Aínda é posible que o poder escoite o común e que entenda que salvar a Laxe Brava, todas as laxes bravas ameazadas pola voracidade multinacional, significa salvar un dos sinais de Galicia: o noso patrimonio natural. Aínda é posible o milagre.•

 

 
< Ant.   Seg. >