Xogo de espellos
Xosé Manuel Beiras   
Mrcores, 07 de Novembro do 2007

 O sarcasmo contido na expresión "probe mundo rico" ten se cadra máis ferrete aínda considerado no contexto no que se desenvolve, e observado o repertorio de intervintes convidados que, colectivamente, protagonizan a serie de sesións nas que, sexan conferéncias, mesas redondas ou proxeccións audiovisuais, consiste este insólito simposium de dous meses enteiros de duración.

[Galicia Hoxe]

 

 

En dous días consecutivos, nunha tarde primeiro e logo á mañá seguinte, acheime en dous lugares e ambientes ben distintos do meu país, e abondo distantes entre sí, aos que me levou a miña pelerinaxe de predicador itinerante profano e un chisco descreído, na que ando últimamente a voltas da Ceca para a Meca -só que sen facer cartos nen profecías. Primeiro foi en Vigo, no marco do simposium "Pobre mundo rico". Logo en Castro Caldelas, nun cursiño de extensión universitaria ourensán sobre temas xurídico-políticos. Nun caso participaba nunha mesa redonda sobre deslocalización industrial na economía -capitalista- de mercado globalizada. Noutro compríame falar do status político da nación galega. Nada que ver, pensaríase, entre os dous lugares, contornos, públicos e temas. Pois, quen mo ía dicir, foi coma un xogo de espellos.

* * * * *

O sarcasmo contido na expresión "probe mundo rico" ten se cadra máis ferrete aínda considerado no contexto no que se desenvolve, e observado o repertorio de intervintes convidados que, colectivamente, protagonizan a serie de sesións nas que, sexan conferéncias, mesas redondas ou proxeccións audiovisuais, consiste este insólito simposium de dous meses enteiros de duración. O contexto, primeiro, poisque Galiza adoita considerarse parte do mundo rico, dado que está xeográfica e culturalmente situada no continente europeu. Mais non é un rico mundo, senón unha Terra empobrecida, un pais teimosamente espoliado inda hoxe e inda hoxe outravolta desangrado -uns vinte mil mozos e mozas emigran cada ano por falla de oportunidades de traballo axeitadas á sua capacidade e cualificación laborais. Ou sexa que millor diríamos que a probe Galiza está engulida en e por o mundo rico que a ten atrapada na súa arañeira e vaille chuchando excedente económico e recursos naturais e humáns: está apreixada no recinto arácnido do mundo rico, é dicir, como presa, non como depredador, para contribuir á sua riqueza, non para compartila. Por iso non lle permiten ter un status político con poder de seu abondo para decidir por si mesma o que máis lle convén e gobernar a sua casa conforme aos seus intereses. Se preferides, direivolo destoutro xeito : Galiza é mundo rico virtual, e probe mundo real, ou?.

 

 

O repertorio de intervintes, logo. Porque resulta que a maior parte diles son cidadáns de extramuros do mundo rico, mesmamente. E os que non o son, comparten, inteleitual e máis éticamente tamén, as posicións do mundo probe. De xeito que é un simposium sobre o mundo rico visto polos que non forman parte dil, ou non participan na sua riqueza, ou non comparten os seus valores e a sua visión do mundo todo, do mundo globalizado, literalmente. Xa vedes que resulta ben pavero. E xa descubrides, supoño, o ferrete máis agudo e o sarcasmo máis profundo e oculto a simple vista da expresión que agora escribirei co signo gráfico da sarcástica ademiración conmiserativa: Pobre mundo rico!. Porque se trata realmente dun pobre mundo, como cando se di de alguén que é un pobre home -inanque sexa millonario ... ou mande nos "marines" USA.

* * * * *

Na mesa redonda encol da deslocalización industrial, tirei a colación un recente ensaio de Alain Supiot, profesor na universidade de Nantes. O ensaio versa encol das relacións antre Dereito e Traballo no proceso de globalización, saíra publicado na New Left Review o ano pasado, e leva como subtítulo esta solprendente oración interrogativa: "¿Un mercado global de normas?". A suxestiva tese de Supiot ten dous peares que poderían enunciarse abreviadamente meiante as duas aseveracións que transcribo para vós a seguida. A primeira : "Após a desaparición dos principios xurídicos da postguerra, os modelos lexislativos (de dereito laboral) nacionais (quer dicir, estatais) son tratados hoxendía como outros tantos produtos en competencia antre iles no mercado global das normas". A segunda: "o desemprego non depende da lexislación laboral (dun estado), senón que, pola contra, esa lexislación depende da división internacional do traballo, que á sua vez ven determinada polo dereito comercial internacional" - e isto está recoñecido pola propria OIT.

O razonamento que enfía e dota de sentido congruente a esas duas aseveracións é impecábel. Vexámolo. Por unha banda, o constante proceso de progresiva liberalización imposto pola hiperpotencia ianqui a traveso da OMC, dá lugar a que se "foron borrando paulatinamente os lindes territoriais denantes asignados aos mercados" polas fronteiras estatais, ou sexa, polos marcos normativos reguladores dos mercados internos dos respeitivos estados -incluído, claro é, o mercado laboral. A consecuencia é que a configuración dos mercados na globalización, deseñada pola legalidade comercial internacional -para empezar, as normas da OMC- chega a ter "un impacto infinitamente maior sobre o emprego" en calquer pais cá sua propia lexislación laboral. As institucións do poder, tanto orgaísmos internacionais como o FMI ou o Banco Mundial, canto gobernos estatais, en vez de preocupárense polo impacto da liberalización do comercio sobre a seguridade e estabilidade laboral, preocúpanse só polo efecto desa seguridade e estabilidade sobre a "competitividade" das economías. E sentencia Supiot: "Semellante sistema do mundo ao revés dá por sentado que o marco legal do comercio é sacrosanto, mentras que o dos dereitos dos traballadores se considera como unha variábel, susceitíbel de axuste conforme ás esixencias do mercado".

Fican así francas as portas para a prática do "darwinismo social" máis desaprensivo : localizar as factorias de produción industrial alí onde non só os custes salariais son maís baixos, senón que os sistemas de protección e seguridade social dos traballadores son máis precarios ou virtualmente inexistentes. Mais ese darwinismo social enxendra á sua vez o que Supiot denomina "darwinismo normativo" : a competición antre os paises para facilitar a implantación de industrias polos capitais das metrópoles que deslocalizan as suas factorías cara a periferia do sistema, condúceos a unha competición na "flexibilización" das lexislacións laborais e no desarme normativo da protección social. E non só no eido laboral: "é unha carreira cara o abismo da desregulación fiscal, social e meioambiental, xa que os primeiros "beneficiarios" da relocalización son desbotados tan axiña como outros países candidatos rebaixan aínda máis as suas normas".

 

Eis o darwinismo normativo. O Banco Mundial, no seu informe do ano 2005, inclue un capítulo de directrices sobre "contratar e despedir traballadores", centrado no atrancos ao investimento representados polas lexislacións laborais, onde se dá por sentado que as regulacións do mercado laboral constituen "dificuldades", e que as normas protectoras dos traballadores se traducen en "custes". O efecto de rebote xa está á vista: "os estados oucidentais, cuxas poboacións envellecidas representan menos do 15% das masas traballadoras do mundo, enfréntanse á adaptación das suas condicións de emprego e traballo ás do 85% restante". Ou sexa, no canto do ascenso das clases traballadoras da periferia ás condicións laborais e sociais das do centro, descenso das do centro cara os niveis da periferia: feliz mundo pobre para un pobre mundo rico -no camiño da conversión en realidade do Brave New World de Aldous Huxley.

 

* * * * *

En Castro Caldelas, prédica encol do status político da nación galega. Do que ten atribuído hoxe, e do que cumpre que conquira mañán - se quer sobrevivir. No coloquio subseguinte, un rapaz novo espetoume unha sinxela pregunta dunha lóxica esmagadora: "Se Galiza tivese soberania política -veu dicir máis ou menos- ¿en qué milloraría a miña vida?". Estou afeito a escoitar esa caste de preguntas, e a darlles respostas verosímeis e didácticas -levo ben anos de docencia ao lombo, e non dogmática, senón dialóxica. Mais nesta ocasión, mentras contestaba, víñame ás mentes o coloquio da víspora en Vigo. Acheime interrogándome a min mesmo, reformulándome perguntas que me levo plantexado repetidas veces nos últimos decenios, dúbidas que intermitentemente rebrotan a cada pouco -e tentando darlles repostas para o meu proprio esclarecemento, máis que para o do rapaz que me interpelara en percura de argumentos a prol dun ideario que compartía conmigo. Era coma un xogo de espellos, antre il e máis eu, antre Galiza e o mundo globalizado, antre a soberanía necesaria e a insuficiencia do poder baseado nela, mesmo que a tivésemos.

Entramentras, a caverna celtíbera neocon rosmaba polo baixiño, como a madrasta de Brancaneves. "Espejito, espejito, dime ¿hay alguna más hermosa que yo?" E o espelliño, ríspido: "Non sexas mamalona , pois claro que sí: Sarko-Bush!" Fiquei enviso -e moi preocupado. •


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >