U-las estrelas vermellas?
Manoel Santos   
Mrcores, 07 de Novembro do 2007

 O principal culpábel desta futura desfeita é pois do partido rosado, que malxestiona as dúas consellerías máis relacionadas co plan, Pesca e Medio Ambiente. Iso si, sen os votos do BNG o plan non sairía adiante, e disque os nacionalistas pretenden votar a favor no Consello da Xunta…

A Marcha Nacional pola Defensa do Litoral deste 4 de novembro no afastado cabo de Corrubedo rachou todas as expectativas. A vila dos montes da area ficou toda a mañá colapsada por un berro colectivo que só pedía dignidade, que reclamaba a atención dos seus gobernantes perante o sangrante ritmo de destrución ao que está sometido o país. Este país noso do que ás veces semella que só interesan os seus recursos naturais, as súas gorentosas terras verdes, e nada a xente que as habita. Non era doado concentrar tanta xente nunha lingua de terra que está máis preto do Atlántico que da propia Galiza. E fíxose. As galegas e galegos responderon de novo.

E tamén de novo semella que os custos políticos, as máis agresivas críticas, van contra o nacionalismo, ou iso é o que moitos e moitas len do acontecido en Corrubedo. Eu non concordo con iso de que a culpa é do BNG, cando menos toda a culpa. Mais si teño unha explicación para este intuíbel castigo.

O Plan de acuicultura naceu do Partido Popular nun escuro Consello dunha Xunta xa en funcións, duns políticos desesperados porque "perdían o país" e con el a súa posición de privilexio e os euros que podía xerar a nosa costa liberada, que non é moita xa. Argumentan os populares que ao seu plan case non houbo alegacións nin contestacións. Trabúcanse de cheo na análise. En primeiro lugar porque a súa aprobación foi ás escuras, camuflada na lea política e por tanto "a traizón", e en segundo termo porque para a xente o plan sectorial nacía morto, tal era a confianza das galegas e dos galegos no cambio. Malia isto, eu ben lembro a Corrubedo en pé contra a piscifactoría que proxectara López Veiga, o mesmo que nunca viu unha marea negra no do Prestige, no Outeiro dos Corvos, no bicarelo do cabo da dignidade, e a marcha atrás que tivo que dar Touriño cun "salvamos Corrubedo" que logo resultaría traizoeiro.

A revisión do Plan por parte da actual Consellería de Pesca, falamos xa que logo do PSdeG, non foi satistactorio. A superficie de fábricas de peixe é moito maior e malia que estes din que non afecta case á Rede Natura engánannos. Non estar no interior da dita rede de espazos -segundo o plan si poden estar as estacións de bombeo- non quere dicir que non lles afecte. O principal culpábel desta futura desfeita é pois do partido rosado, que malxestiona as dúas consellerías máis relacionadas co plan, Pesca e Medio Ambiente. Iso si, sen os votos do BNG o plan non sairía adiante, e disque os nacionalistas pretenden votar a favor no Consello da Xunta -roubarannos xa que logo o debate parlamentar- para non ser despois "pisados" nos seus proxectos. Non falamos pois dun cogoberno e si dun bigoberno, e a un cústalle moito dicir isto que parece tirado da lingua do sensacionalista Núñez Feijóo.

No entanto, o custo para o nacionalismo vai ser moito maior. Por que? Pois se cadra porque o que máis castiga a xente en política é a incoherencia -aí está o de Reganosa-, e nisto do Plan acuícola a organización máis incoherente é o BNG. O pobo galego pode aceptar, e mesmo o espera, o apoio do PP e do PSdeG, partidos de corte neoliberal que sempre se aliñan coas empresas, mais non é quen de entender como unha formación teoricamente de esquerdas, diferente, que defende os sectores produtivos autóctonos, que sempre se laiou de como en Galiza se instalaban empresas de enclave, abandona a xente para pregarse aos desexos multinacionais.

Ese "Bieito Lobeira, antes con Nunca Máis e agora coas multinacionais" que todos puidemos ver en Corrubedo ía directo á liña de flotación nacionalista e semella case que feito dende a propia casa, por decepción, por fraude, mesmo por dor. Mágoa que non sexa só Bieito Lobeira o responsábel, pois abondaría con prescindir dos seus bos servizos polo "ben do país".

A eiva -aínda arranxábel- está na propia estrutura mental do BNG gobernante, que se afasta a pasos de xigante da súa base social e que provoca que os seus leven pancartas coma a que ondaba a mañá do 4 en Corrubedo: "Na rúa. Aquí naceu o BNG". É por isto que, na Marcha de Corrubedo, artellada coma case todas por xentes de ideoloxía nacionalista, o máis significativo foi o das bandeiras, núas de estrelas por primeira vez nunha mobilización desta magnitude. Alguén dixo que o vento de Corrubedo levou as estrelas vermellas das bandeiras galegas. Cómpre que alguén nas filas nacionalistas, nas que por vontade propia reside iso de "facer país", faga a correcta lectura deste simbólico feito, porque dáme a min que estamos a asistir a unha dinámica autodestrutiva do bloque de goberno que pode facer abanear os piares da nación galega. O bo é que aínda estamos a tempo de volver ao rego, de volver á rúa, a nosa verdadeira casa.•


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo, director e fundador de Altermundo

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >