Raio verde en Corrubedo
Xosé Luís Groveiro   
Martes, 06 de Novembro do 2007

 Este pasado domingo un raio verde, esta vez de conciencias, percorreu Corrubedo desde o porto ao faro. Miles de almas, máis das que agardarían as previsións máis optimistas, vidas de todas partes de Galiza, representativas polo tanto da consciencia viva da sociedade galega, berraron en defensa unánime dese patrimonio común que é a nosa costa, que ese día chamamos Quilmas, Merexo e Laxe Brava, non se vende.

Xustiño ó desaparecer o disco do sol na liña recta do horizonte, se o día é moi claro e nidia dabondo a atmosfera, entre os ocres do solpor abrolla como explosión cósmica e por brevísimos segundos “o raio verde”. Metalizado e fosforescente, tarda en fuxir da retina e da memoria.

Polo raro e infrecuente do fenómeno, non é de estrañar que moita xente pense que o “raio verde” é un conto ou mesmo que o arrodeen auras esotéricas, pero o raio verde évos tan real como que o vin eu en Corrubedo hai uns anos nun serán dun outono como o que vivimos tamén estes días.

Este pasado domingo un raio verde, esta vez de conciencias, percorreu Corrubedo desde o porto ao faro. Miles de almas, máis das que agardarían as previsións máis optimistas, vidas de todas partes de Galiza, representativas polo tanto da consciencia viva da sociedade galega, berraron en defensa unánime dese patrimonio común que é a nosa costa, que ese día chamamos Quilmas, Merexo e Laxe Brava, non se vende.

Rematados os tempos das alegacións ao Plano Acuícola Galego que a Conselleira de Pesca presentou como “unha revisión do Plano Acuícola do Goberno anterior”, este domingo tratábase de poñer claro o rexeitamento social que este plano suscita e a esixencia da súa retirada por parte de quen o puxo encima da mesa: a conselleira de Pesca Sra. Carme Gallego.

Moitos dos e das presentes este día en Corrubedo manifestaban ter sido “votantes do cambio” nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galiza. Votaron polo tanto por un cambio de Goberno e, tamén, por un cambio de políticas. Por eso é absolutamente necesario que a Consellería de pesca elabore un novo Plano Acuícola que non adoeza dos condicionantes transferidos polo goberno anterior, que non sexa o dictado exclusivamente á medida das multinacionais do sector, que respecte as nosas paisaxes máis senlleiras e que sexa, esta vez si, participado polos sectores afectados.

A Consellería de Pesca en primeiro termo, pero tamén os demais membros que sustentan o Goberno Galego, deben exercer a súa parte de responsabilidade e actuar para  evitar a posta en marcha dun Plano Acuícola que en moi pouco diferencia, neste campo, a política deste Goberno e do anterior e que, de ir adiante tal como está, lixará inxustamente a acción do goberno no seu conxunto.

Nas pasadas eleccións autonómicas a maioría social do noso país –e non só os presentes en Corrubedo, Sra. Conselleira– deu o seu aval a un cambio de Goberno que significara un cambio de Políticas. Se só pretendera unha simple “revisión dos mesmos”, o resultado tería sido outro.

*Xosé Luís Groveiro é Concelleiro do BNG de Ribeira.

 

 
< Ant.   Seg. >