| Os Attac de Europa din “non” ao novo Tratado da UE |
| Attac | |
| Mrcores, 31 de Outubro do 2007 | |
|
[Tirado da CIG] O novo Tratado aprobado en Lisboa é unha versión disfrazada do Tratado Constitucional Europeo (TCE) que os electores franceses e holandeses rexeitaran en 2005. O 11 de marzo de 2007, os Attacs de Europa facían públicos os seus "10 principios para un Tratado democrático", que deberían contribuír a unha refundación da Unión Europea (UE). A lectura atenta do novo Tratado adoptado polos Estados membros da UE no Consello Europeo dos días 18 e 19 de outubro pon de manifesto que non respecta ningún destes dez principios. Este texto é inaceptábel, tanto polo seu método de elaboración como no seu contido. 1. Un método antidemocrático: os Attac de Europa propuñan lanzar un proceso democrático para a elaboración e a aprobación de calquera novo Tratado, que debería contemplar, entre outras cousas, a instauración dunha Asemblea elixida polos cidadáns; a participación efectiva dos parlamentos nacionais e a obriga dunha ratificación mediante referendo en cada Estado membro. Desexaban tamén un Tratado curto, auto-explicativo no seu texto e que puidese ser comprendido por todos os cidadáns. No canto diso, temos, unha vez máis, un texto longo e inintelixíbel, redactado na sombra, que se propón sexa adoptado por vía parlamentaria na maioría dos Estados membros, e iso pola vía rápida, impedindo así calquera debate público real. 2. Un funcionamento pechado: con excepción dalgúns retoques de modesto alcance, o texto actual segue estando caracterizado pola confusión entre os poderes que gobernan a Unión. O Parlamento Europeo permanece excluído do dominio das decisións que se refiren a importantes ámbitos da vida comunitaria, e, sobre todo, privado de toda iniciativa lexislativa. Pola súa banda, os parlamentos nacionais, ata se están relacionados cun número limitado de ámbitos, non poden pronunciarse sobre o fondo dos proxectos das Directivas. A Comisión, órgano executivo da Unión, está dotada con poderes lexislativos e xudiciais, mentres que o Consello segue sendo un órgano lexislativo, ao mesmo tempo que é a reunión dos executivos nacionais. Os grupos de presión seguirán desempeñando un papel esencial, e os membros da Comisión non poderán ser elixidos ou cesados polos parlamentarios. O dereito de iniciativa cidadá queda nunha declaración de intencións non definidas. En canto ao Banco Central Europeo (BCE), escapa a todo control democrático, e conserva como único obxectivo a estabilidade dos prezos, promovido ao mesmo rango que o resto dos obxectivos da Unión. 3. Non se oferece ningunha alternativa ao neoliberalismo: a prensa fixo un gran alboroto en torno ao tema de que a competencia "libre e non falseada" non figura xa entre os obxectivos da Unión. Iso representaría, dísenos, a proba de que se abandonou completamente o Tratado constitucional. Pero, ao longo dos artigos, dos protocolos e das declaracións, decatámonos de que esta competencia segue estando omnipresente, e que é imposíbel escapar do modelo neoliberal. É a competencia a que regula os servizos de interese económico xeral (SIEG) e que corre o risco estenderse ao resto dos servizos públicos. É esta competencia a que aínda que serve de escusa á negativa dunha harmonización social e fiscal por arriba. O Tratado, tal como se presenta, non fai posíbel para os Estados outra elección que o do liberalismo desmandado. 4. Os dereitos fundamentais seguen tendo un alcance limitado: a Carta de Dereitos Fundamentais non ten en absoluto un "valor vinculante", pero estes dereitos teñen ademais un alcance moi de limitado e a súa aplicación remítese ás "prácticas e lexislacións nacionais". Así a Carta non crea ningún dereito social europeo, contentándose con simples formulacións que non comprometen a nada. Ademais, algúns Estados como Irlanda e Polonia prevén quedar dispensados da aplicación dos dereitos fundamentais, por moi limitados que sexan, mentres que o Reino Unido xa o está dispensado. 5. Un Tratado militarista e atlantista: a defensa común da Unión só se contempla no marco da OTAN, e o militarismo foméntase oficialmente: "Os Estados membros comprométense a mellorar progresivamente as súas capacidades militares." "En nome da loita contra o terrorismo, foméntanse mesmo as intervencións militares no estranxeiro." Son algúns dos elementos que xa figuraban no TCE e que foron retomados palabra por palabra no novo Tratado. Este novo Tratado esta marcado, de principio a fin, polo neoliberalismo, tanto nos principios que promove como nas políticas que predica. Os escasos puntos positivos non poñen de ningún xeito en dúbida o funcionamento actual da Unión e o seu profundo déficit democrático. É por esta razón pola que os Attac de Europa non poden aceptalo. Corresponde aos pobos e aos cidadáns europeos decidir o seu futuro, de aí a necesidade dunha ratificación do Tratado por referendo en cada un dos Estados europeos.• |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Este novo Tratado esta marcado, de principio a fin, polo neoliberalismo, tanto nos principios que promove como nas políticas que predica. Os escasos puntos positivos non poñen de ningún xeito en dúbida o funcionamento actual da Unión e o seu profundo déficit democrático.