Congreso en Pequín
Xulio Ríos   
Mrcores, 31 de Outubro do 2007

 Vivir en directo un congreso do Partido Comunista de China é como asistir a un grande espectáculo. No interior do Gran Palacio do Pobo, a posta en escena é cegadora. Ningún detalle escapa ás previsións dos organizadores.

[Galicia Hoxe]

Vivir en directo un congreso do Partido Comunista de China é como asistir a un grande espectáculo. No interior do Gran Palacio do Pobo, a posta en escena é cegadora. Ningún detalle escapa ás previsións dos organizadores. Desta vez, ademais da apertura, algunhas sesións de "debate" estiveron abertas á observación dos medios estranxeiros que puideron constatar de preto a unanimidade dos delegados, tanto nas exposicións -lidas-, como nas votacións, á hora de analizar as teses congresuais. Nas sesións plenarias todo eran mans ergueitas que imitaban os movementos do secretario xeral, Hu Jintao. Na presentación dos novos líderes, a prensa, muda, debía contentarse con facer fotos pero non preguntas. Nun contexto tan previsible a atención só pode centrarse na observación e interpretación das anécdotas por se delas se pode desprender algo relevante: se Hu Jintao agarda por Jiang Zemin para saír do palco presidencial, cal é o grao de satisfacción que amosan as caras máis buscadas....

Nos arredores, a presenza policial adquiriu tinguiduras non menos sorprendentes, en especial, nas inmediacións de Tiananmen e nos centros estratéxicos e hoteis onde se hospedaban os delegados. De chegar á capital chinesa eses días e non saber da celebración do Congreso, ben podería imaxinarse vivir un golpe de Estado. Respirábase o temor a que o descontento rural -e outros- chegase a Pequín. A sorprendida cidadanía seguiu en boa medida este importante encontro, en parte polo simple feito de que máis de 70 mi- llóns de persoas militan hoxe neste partido, pero tamén porque aínda non perderon a esperanza de que a mensaxe de xustiza social que promove Hu Jintao chegue a mudar as insatisfaccións do presente. A maiores, é difícil subtraerse, xa que todos os medios dedican moitas horas e espazos a comentar e informar da súa evolución.

O congreso estaba pechado antes de empezar e, non obstante, deuse o paradoxo de quedar aberto unha vez pechado. Todo chega cociñado e resulta moi difícil que se produzan novidades relevantes. Non obstante, o feito de que o sucesor de Hu Jintao quedara sen definir, deixa aberto todo un longo maratón ata 2012 onde o boato do espectáculo pode dar paso ao drama. Polo de agora, a traca final foi o lanzamento da primeira sonda lunar chinesa e o anuncio de que unha primeira célula comunista podería establecerse no espazo sideral. A esta China ascendente, a Terra xa lle sabe a pouco. •


Xulio Ríos
Sobre o autor ou autora:
Director do Igadi.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >