Beiras: "A globalización converte calquera actividade en negocio"
Club Internacional de Prensa   
Mrcores, 31 de Outubro do 2007

 "A globalización converte calquera actividade en negocio". Esta foi a primeiro afirmación do catedrático de Economía aplicada, Xosé Manuel Beiras, na Mesa-Debate que se celebrou en Vigo na última xornada do Simposio do mes de outubro.

BEIRAS: "A GLOBALIZACIÓN CONVERTE CALQUERA ACTIVIDADE EN NEGOCIO. LIBERALÍZASE A CIRCULACIÓN DE CAPITAL PERO NON A FORZA DE TRABALLO. NON PODE ESPERAR QUE SEXA ARRIBA ONDE SE FRAGÜEN AS COUSAS".

Roberto Mansilla sinalou que a deslocalización das empresas afecta negativamente ao desenvolvemento económico, social e ambiental dos países pobres.

Fernanda Couñago: "O 70% da roupa prodúcese en países pobres". "A competitividade que argumentan as industrias para a súa deslocalización é só busca de beneficios".

"A globalización converte calquera actividade en negocio". Esta foi a primeiro afirmación do catedrático de Economía aplicada, Xosé Manuel Beiras, na Mesa-Debate que se celebrou en Vigo na última xornada do Simposio do mes de outubro. No debate sobre "A fuga de industria aos países subdesenvolvidos", Beiras afirmou que "a lóxica da ilóxica da relocalización das empresas, a nova sociedade traslada as súas actividades ao estranxeiro, infrinxindo as leis sociais e económicas dos países de orixe, unha carreira á desregulación onde os principais beneficiados son os países Occidentais cando Occidente só representa o 15% dos traballadores do mundo, fronte ao 85% restante". Ademais de Xosé Manuel Beiras, participaron na Mesa Roberto Mansilla, do Instituto Galego de Análisis e Documentación Internacional -Igadi-, e Fernanda Couñago, directora da ONG Amarante.

Apuntou tamén que nun contexto no que a forza de traballo non é de libre circulación, "é o capital industrial do centro o que se deslocaliza, se despraza á periferia (sexan países ou rexións) e o fan para reimportar os produtos, aproveitando unha sobreexplotación da forza de traballo e logo xerar ademais o desemprego na poboación de aquí e unha competencia insostible aos pequenos produtores, debido á reimportación". Todo iso deriva nunha "destrución do tecido produtivo, baseándose en hiperbeneficios que non serven máis que para a especulación, o coñecido como "Sistema Wall Street"

Deslocalización: custos mínimos, máximos beneficios

"O 70% da roupa que usamos prodúcese en países pobres", afirmou Fernanda Couñago. Este foi un dos eixes en torno ao que xirou o debate sobre a deslocalización das empresas como froito do proceso económico da globalización, ás condicións de traballo nos países receptores e ás consecuencias no desenvolvemento económico e social destes países.

O analista do IGADI, Roberto Mansilla, foi quen iniciou o debate expoñendo as razóns que levan ás empresas a trasladarse aos países pobres: uns "custos laborables mínimos que maximizan os beneficios; dinámica de actuación que comezou nos 70 e tivo o seu despegue nos 90, cando ao modelo económico acompañou -e acompaña- o mínimo proteccionismo do Estado. Foi neste contexto no que as multinacionais asumiron o papel e protagonizan hoxe a toma de decisións. Unha capitalización que, explicou a liña seguida Beiras, "empezou pola esfera de produción, pero non levaba aparellada a deslocalización das unidades de produción ".

Hoxe en día, "as multinacionais buscan centros xeográficos de gran poboación onde os custos laborais e os salarios sexan máis baixos que no Primeiro Mundo", explicou Mansilla. "Opérase así unha segmentación xeográfica que leva consigo un reordenamento xeopolítico moderno (rexións pivotais), onde as grandes multinacionais dividen en tres eixes: Asia Pacífico e Oceanía (con China como epicentro); Asia e Oriente Medio (India como epicentro) e o Hemisferio Central de Latinoamérica (Brasil como epicentro).

Fernanda Couñago sinalou "a coincidencia das multinacionais" de operar a devandita deslocalización en "países cun índice de desenvolvemento humano baixo (o que condiciona que os salarios sexan máis baixos), onde a lexislación laboral é débil ou non se cumpre, onde non existe nalgúns casos liberdade sindical ou está prohibida, e onde se produce unha violación flagrante de Dereitos Humanos.

Consecuencias

O certo -explicou Mansilla- é que a deslocalización das industrias "ten consecuencias a curto prazo, beneficiosas para as multinacionais, pero que resultan prexudiciais a longo prazo e afectan ao desenvolvemento económico, e social ambiental dos países receptores".

Así, o proceso deriva en "factores positivos para as multinacionais", en canto maximizan os seus beneficios e minimizan os seus custos, ademais de que "permite expandir o discurso do declive da actividade económica do Estado". Pero, por outra parte supón uns "factores económicos e sociais nas rexións, que sofren un proceso de desestruturación económica e social: potencia a relación de dependencia centro-periferia, altera o proceso económico dos países".

Ausencia de Estado

Estas consecuencias derivan por outra parte de que estamos ante países receptores nos que predomina unha "ausencia dun sistema de protección social derivado da actividade do Estado, "os países quedan a mercede dos intereses das empresas", explicou Mansilla.

Pola súa banda, Beiras falou da "fase final dos modelos de aparato de Estado herdados das Revolucións do S. XVIII", indicando que resulta curioso que canto máis universal é o modelo e máis vixencia ten na realidade, menos certo son os seus principios: a súa independencia do poder xudicial, que representa os intereses os cidadáns, etc.

Condicións laborais

Fernanda Couñago presentou suficientes datos e probas das súas investigacións, explicando que "o 70% da roupa que vestimos se produce nos países empobrecidos, que non pobres" "o 40% do que vestimos no estado español, prodúcese só en 5 países: China, India, Turquía, Bangla Desh e Marrocos".

Completaba Xose M. Beiras esta situación afirmando que "é na esfera da produción onde se determina se se explota ao ser humano".

Fernada Couñago, apuntou as condicións laborais ás que se ven sometidas os traballadores, que "son similares en todas as partes do mundo, e que logo poden agravarse segundo os países, a súa capacidade de negociación e a dos traballadores": salarios miserables, unha precariedade das condicións laborais non son unha oportunidade para saír da pobreza.

Unhas condicións de traballo nas fábricas que se coñecen xa en Galicia -sinalou- e que a deslocalización a través do peche dos talleres cara a outros países, non é para ser competitivos senón para o aumento de beneficios das empresas. (Inditex, Adolfo Domínguez). Fernanda sinalou ademais que as persoas que traballan baixo estas condicións son maioritariamente mulleres (25 millóns de mulleres, e nalgúns países representan o 90% das mulleres que traballan, polo que é a única saída laboral que teñen). Ademais de existir unha xornada laboral precaria, ausencia de contrato e cobertura social, etc.

Liberalización dos mercados

Os participantes neste debate coincidiron en apuntar o proceso económico da globalización como responsable do traslado das industrias a países subdesenvolvidos. Beiras sinalou que o traslado das industrias é "un fenómeno indisociable da propia política de expansión do modelo capitalista"., mentres que Roberto Mansilla explicou como "a globalización busca rexións subdesenvolvidas, apetecibles na captación de mercados, onde existen custos mínimos e máximos beneficios para as empresas".

Dixo tamén que "coa globalización se liberaliza a circulación internacional do capital mentres non se libera a circulación internacional da forza de traballo. É máis -explicou- póñense barreiras aos centroamericanos que queren ir vivir o paraíso americano". Indicou que "a globalización vai acompañada do control dos medios, do pensamento único, da entronización do mercado, da reconversión do Estado en represor e policial. Converte calquera actividade en negocio".

Fernanda apuntou "o outro lado da liberalización dos mercados, no que dos 90 euros que custan unhas zapatillas Nike ou Adidas o traballador recibe 0.34 euros".  E o futuro sinalou "non é alientador: existen ameazas e intentos de intimidación" por parte dos que pretenden silenciar a situación.

Desregulación

Beiras, citando o ensaio "Dereito e Traballo. Mercado global de normas", sinalou a existencia dun Darwinismo normativo, no que o principio "a mellor lexislación é a que non existe é a tónica; unha lexislación que dá por sentado que o marco do mercado é sagrado e os dereitos laborais son a variable". Así mesmo Beiras acusou a falta de cumprimento do artigo III a Constitución Europea, que recolle que "os Estados Membros traballarán en mercados sensibles ao marco económico".

Dereitos e condicións laborais en China

O caso de China foi abordado tamén por Fernanda Couñago, quen ilustrou as particularidades do que os economistas denominan "o milagre chinés": "China é o caso paradigmático da deslocalización. Todas as empresas do mundo teñen subcontratar a súa produción en China". (Mango produce o 60% da súa roupa en China).

"Un milagre que é a custa da explotación e a represión: en China o 16% da poboación (250 millóns de persoas) vive con menos dun dólar ao día, e o 47% (case 700 millóns) con menos de dous. Agora é o país con maior desigualdade entre os seus habitantes, non existe a liberdade sindical nin o dereito á folga". Ademais, "nove de cada dez empresas non cumpren as leis de dereitos laborais", e "o perfil do traballador é unha muller, menor de 25 anos".

O papel da esquerda

 
Fernanda Couñago e X. M. Beiras

Respecto ao papel da esquerda na loita contra a inxustiza e as desigualdades, Beiras sinalou que "hai unha esquerda social que non está traducida na esquerda das institucións, hai un divorcio entre a sociedade e o aparato político".

Mansilla recordou pola súa parte os casos de Bolivia, Venezuela e Ecuador, nas que xurdiron alternativas da esquerda latinoamericana ao sistema capitalista: "é un momento histórico particular no que o sistema está a atopar as súas propias contradicións".

Responsabilidade cidadá

Xose M. Beiras: "O problema de fondo é responsabilidade nosa, non de quen goberna -que tamén-". Indicou que estamos nun momento histórico no que os cidadáns, con todo o que comporta, asumimos a nosa condición de cidadáns da Declaración Universal de 1791, de que o poder reside en nós e os practicamos". Apuntou así a necesidade de que "a cidadanía asuma o seu rol protagonista, a súa participación con proxectos,", porque "non pode esperar que sexa arriba onde se fragüen as cousas".•


Club Internacional De Prensa
Sobre o autor ou autora:
Club Internacional de Prensa
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >