| Beiras, Tosar, Reixa e Patricia Vázquez van poñerlle voz ó berro contra o Plan Acuícola |
| Rebeca Fernández/Galicia Hoxe | |
| Martes, 30 de Outubro do 2007 | |
|
Dende as terras galegas que mollan os salseiros atlánticos, aquelas que bican o mar dende A Guarda a Ribadeo, os movementos sociais galegos, xentes con amor polo noso, chamamos a Galiza enteira a erguerse connosco nun berro colectivo contra o Plano Acuícola da Xunta. Estas verbas percorrerán este domingo 4 de novembro toda a xeografía galega nun berro colectivo e solidario a prol da conservación do noso territorio e en contra dun Plan de Acuicultura da Xunta que resulta "insustentable co medio, inxusto socialmente e ruinoso dende o punto de vista económico". Baixo o lema Non ao Plano Acuícola. Pola túa terra, polo teu mar. Ata aquí chegamos cos peixes planos, o porto de Corrubedo será ó mediodía deste domingo o punto de partida dun novo Nunca Máis. Unha manifestación nacional percorrerá o litoral desta paraxe senlleira do territorio galego, na que se proxecta a piscifactoría máis grande de todo o proxecto da Xunta, para esixir a retirada do Plan Acuícola e a ordenación deste sector por atentar contra estes criterios fundamentais. Pranto por unha ocupación masiva da nosa beiramar
O actor Luís Tosar, o político Xosé Manuel Beiras, o polifacético Antón Reixa e a actriz Patricia Vázquez serán os encargados de poñerlle voz á sociedade galega "traizoada por parte dos seus gobenantes". O mítico faro de Corrubedo é o lugar elixido para pronunciar este pranto colectivo pola "ocupación masiva da beiramar de máis de 3 millóns de metros cadrados, por unha sentenza demorte contra as nosas praias e cantís, por unha violación das nosas máis sobranceiras paisaxes, por unha insustentable hipoteca para os recursos ambientais e económicos autóctonos, por unha legalización encuberta da contaminación salvaxe do mar". Esta mobilización cidadá é o culme dunha serie de accións de protesta contra un "plan insostible e negativo para Galicia", que desembocou na presentación de 1.000 alegacións e 10.000 sinaturas de apoio cos afectados, que reclaman diálogo e consenso para poder facer un verdadeiro proxecto de país. "Queremos un proxecto transversal e multidiscliplinar, dende o sector pesqueiro, o territorio, a industria e o medio, contando coas poboacións afectadas". Os afectados respóndenlle á Xunta: "O consenso témolo nós"Tras as manifestacións das diferentes consellerías da Xunta afirmando que no interior do Executivo galego existe un consenso favorable para levar adiante o Plan Acuícola, reafirmándose na localización e dimensións das fábricas de peixe, a resposta dos afectados é clara: "O consenso témolo nós". Segundo denuncia a Plataforma Medioambiental de Corrubedo, "unha cousa son os consensos políticos, argallados de costas ao pobo e de cara ás empresas multinacionais, e outra é o contar co consenso do pobo, das galegas e dos galegos que poboamos a nosa terra". Deste xeito, dende a Plataforma advírtenlles ós gobernantes que "unha cousa é consenso político, o dos ollos pechados e petos abertos, e outra o consenso social". Un consenso que, para os afectados, está do lado dos movementos sociais que se negan a que o litoral sexa expropiado "para beneficiar un fato de empresas transnacionais de dubidosa honorabilidade". |
| < Ant. |
|---|

Luís Tosar, Xosé Manuel Beiras, Antón Reixa e Patricia Vázquez poñeranlle voz este domingo á sociedade "traizoada" polo Executivo.