A dignidade humana, ese ben perdido
Altermundo   
Luns, 29 de Outubro do 2007

 Carmelo García: "Os países do Terceiro Mundo naceron pobres porque nós os fixemos pobres e seguimos a empobrecelos acotío".

Na conferencia inaugural do Simposio Internacional Pobre Mundo Rico o director de IEPALA (Instituto de Estudos Políticos para América Latina e África), Carmelo García, fixo un brillante repaso pola orixe e o devir da pobreza do Terceiro Mundo, achacábel na súa maior parte á herdanza da época colonial e á perda da dignidade humana que personifica coma ninguén unha clase política que non ten a vontade de cambiar as cousas. Organizarnos como sociedade civil, presionar os políticos, as empresas, as entidades de crédito; esa é a fórmula para recuperarmos a dignidade, para cambiar o mundo.

Nacen ou fanse?

Un simple repaso á lousa deixada polo colonialismo serve para concluír que os países do chamado Terceiro Mundo naceron pobres porque nós os fixemos pobres, e seguimos a facelos máis e máis pobres.

 Cando Carmelo García comezou a debullar os males do planeta, en África só había dous países independentes, a artificial Liberia construída polos Estados Unidos e a RAU de Nasser. Vinte países dominaban cento cincuenta. Só cincuenta países do mundo eran libres. Algúns xigantes, como Indonesia –220 millóns de habitantes, 17.000 illas– foron dominados durante 342 anos por países menores que Galicia en extensión, como Holanda. Portugal deixou un Mozambique esnaquizado, cun 95% de analfabetismo e unha inxusta herdanza que o levaría a 32 anos de guerra continua. España fixo o mesmo con Guinea Ecuatorial e o Sáhara, como antes fixera con América Latina, disque lexitimada polos reis e pola Igrexa, pola providencia de Deus. Ninguén se salvou. Ningún se salvou. Os países independizados naceron con ese lastre. Moito lastre. Todos foron espoliados, masacrados e abandonados para logo, coa creación en 1944 do FMI, do Banco Mundial e da semente da OMC –institucións non democráticas– pasar de abandonados a endebedados. A pobres eternos.

Sen ese proceso de amoreamento de riqueza extraída de América Latina, de Asia e de África, e que hoxe se emprega para pagar salarios de fame, non existiría a Revolución Industrial. Sen a clase emerxente que se vai enriquecendo dese terríbel proceso durante a antedita Revolución Industrial non sería posíbel a democracia da que hoxe tanto nos gabamos. Somos, xa que logo, historicamente responsábeis da pobreza que abafa á meirande parte da poboación mundial.

A mágoa é que ese Terceiro Mundo naceu coa dignidade herdada do terceiro poder, do pobo ergueito, que xa na Revolución Francesa se enfrontou aos outros dous poderes, a nobreza e o clero. Si, o Terceiro Mundo naceu con dignidade, foi aquela ilusión dun mundo novo que en 1955 lles propuxo unha alternativa –países non aliñados– aos bloques dominantes, ao capitalismo e ao universo soviético. Mais quedou en nada. Esnaquizada a ilusión, o Terceiro Mundo mudou nun mundo de terceira categoría. Se antes había intres de fame grande, hoxe a fame é estrutural. A súa inxusta, moitas veces ilexítima, débeda multiplicouse por dez con respecto á inicial. E así os manteñen, prisioneiros. O Terceiro Mundo non pode pagar a débeda, nin poderá pagala nunca, nin interesa que a pague.

Si, os países pobres naceron pobres, fanse pobres e vanse empobrecendo oprimidos por unhas relacións internacionais que lles impiden desenvolverse.

Pobre Mundo Rico

Porque Pobre Mundo Rico? Se cadra porque perdeu a dignidade, a dignidade da condición humana. Si, o pobre mundo rico non entende o que acontece no mundo, non valora os dereitos humanos, non valoramos nin a nosa propia especie. Temos a capacidade de facer un mundo mellor e non o facemos, basicamente porque non hai vontade política, porque os centros de decisión política están incapacitados para ter esa vontade. Non ven, nin poden ver, o horizonte do que é e debería ser o mundo, e por iso nos atopamos con tanta mediocridade, cunha absoluta degradación da condición humana que nós cremos que ten que ver coa abundancia. Ese é o Pobre Mundo Rico.

Mais o problema está aquí, no opulento e indecente mundo noso. A causa das desigualdades e da pobreza está aquí, de aquí nacen as relacións políticas, as relacións militares… non está o problema no Terceiro Mundo. Velaí a nosa miseria, a de non decatarnos de que podemos solucionar os problemas. Abofé que a mediocridade política existe, pero hogano a política é imprescindíbel, de aí que nós, a sociedade civil, tamén sexamos responsábeis. É necesario organizarnos e actuar. Se hai vinte ou trinta anos non había mozos e mozas que quixeran ser voluntarios hoxe xa non é así. Agora agromou unha conciencia, existe unha difusión dos problemas, pero se cadra somos máis compasivos e menos militantes. Iso é o que hai que mudar.

Se os políticos non son quen de tomar conciencia temos nós que tomala por eles e non quedar impasíbeis ante barbaries como a de Iraq e aberracións como a pobreza. Debemos medrar nesa conciencia, organizarnos para presionar os políticos e as empresas. Temos, ao cabo, que recuperar a dignidade. Digno Mundo Digno sería o bo.

Carmelo García

 Carmelo García é filósofo, sociólogo, economista e politólogo. Milita na corrente de pensamento e acción Economía e Humanismo. Dende 1952 busca teórica e politicamente como construír espazos de liberdade e de loita contra as desigualdades e inxustizas de “clase” e de “pobos”. Vencéllase con formacións políticas progresistas e de resistencia. Dende 1955 estuda e traballa en Cooperación Internacional ao Desenvolvemento dentro do Instituto de Estudos Políticos para América Latina (IEPAL), creando en 1958 IEPALA e a fundación homínima, que hoxe preside.

Dende IEPALA levou a cabo unha morea de actividades, como participar en Cursos e Conferencias, en Congresos temáticos, nacionais, internacionais ou especializados en múltiples campos como a análise da realidade; a situación dos países de América Latina, África, Medio Oriente, Asia...; relacións internacionais; contradicións-conflitos e democracia; contra o appartheid, ou a discriminación; os camiños da solidariedade para a superación de conflitos como Palestina, Leste-Oeste, Centro América (Nicaragua, El Salvador, Guatemala,...), África Austral e os seus pobos etc.

Creou e/ou participou en múltiples Foros e plataformas de organizacións, así como na coordinación de proxectos de desenvolvemento en todos os países de América latina e en boa parte de África, en Palestina, en Filipinas e nalgunhas zonas de Asia.


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >