| Querida Guatemala |
| Xabier Macías | ||||||||
| Domingo, 29 de Xullo do 2007 | ||||||||
Cando fixeron ao home, fabricárono de terra, e alimentárono de árbores, alimentárono de follas. Unicamente terra quixeron que entrara [na súa formación]. Mais non falaba, non andaba, non tiña sangue nin carne, segundo contaban os nosos antigos pais e avós, oh meus fillos! Non se sabía que debía entrar [no home]. Por fin atopouse de que facelo. Só dous animais sabían que existía o alimento en Paxil, nome do lugar onde se atopaban aqueles animais que se chamaban o Coiote e o Corvo. O animal Coiote foi morto e entre os seus despoxos, ao ser despezado, atopouse o millo. E indo o animal chamado Tiuh-tiuh a procurar para si a masa do millo, foi traido de entre o mar polo Tiuh-tiuh o sangue da danta e da cobra e con el amasouse o millo. Desta masa fíxose a carne do home polo Creador e o Formador. (…) Rematado de facer ao home formado resultaron trece varóns e catorce mulleres; había [unha muller] de máis. Axiña falaron, andaron, tiñan sangue, tiñan carne”.Memorial de Sololá. Anales dos Kaqchikeles.
Rita e Lola son antigas xefas da guerrilla guatemalteca. Xuntas reviven, camiño de Atitlán, os difíciles anos da montaña, alzadas en armas contra a ditadura. Guatemala vivira desde outubro de 1944 unha década de cambios progresistas e reformas sociais; fóra, en palabras do Che Guevara: “a primeira nación latinoamericana que ergueu a voz sen medo contra o colonialismo”, pero a intervención norteamericana de 1954 e o derrocamento do Presidente Jacobo Arbenz deron paso a un dos reximes máis opresivos de América Latina, empurrando a milleiros de mozos e mozas a se rebelar poucos anos despois contra a represión, o racismo e a exclusión social practicada impunemente polo Estado. Lola –Alba Estela Maldonado– é agora deputada da Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca (URNG) e, incansable, traballa na denuncia dos centos de mulleres asasinadas cada ano no país centroamericano perante a ineptitude dun Estado que califica de “anómico”. Estivo en Galiza no 2005, invitada pola Fundación Galiza Sempre, para presentar o libro Feminicidio e foi entón cando naceu a idea de aprofundar nas coincidencias entre o nacionalismo galego e o movemento que reclama os dereitos indíxenas: o 65% dos habitantes. En Sololá, nas beiras do abraiante lago Atitlán, recíbennos na Alcaldía indíxena. As comunidades maias conservan o seu propio sistema de poder, en paralelo á organización local do Estado, e nesta municipalidade reúnense cada semana 51 autoridades comunitarias elexidas en asembleas. Rememoran para nós a brutal represión da ditadura, particularmente cruel coa poboación indíxena considerada a base social da guerrilla. “É triste: matábanos por falar ben, non por ser criminais” resume un dos presentes ao lembrar os máis de 45.000 desaparecidos entre os anos 60 e 80. Silvia Solórzano, “Rita” no seu alcume guerrilleiro, perdeu daquela dous dos seus catro irmáns. O seu drama –como o de tantas outras familias– non rematou con iso. No adro da catedral da Cidade de Guatemala amósanos entre milleiros de nomes gravados nas columnas o da súa nai, Alaíde Foppa, poeta e crítica literaria exiliada en México, secuestrada e desaparecida a comezos dos anos 80 cando viaxou a Guatemala para coñecer a situación dos seus fillos incorporados ao Exército Guerrilleiro dos Pobres (EGP). Alaíde, viuva de Alfonso Solórzano –membro do goberno Arbenz– e unha das pioneiras do feminismo dende a revista Fem, pagou coa vida a súa radicalización e denuncia das atrocidades cometidas polo exército e os escuadróns da morte contra os indíxenas guatemaltecos. En decembro de 1996, tras trinta e seis anos de enfrontamento e 200.000 vítimas –maioritariamente do pobo maia–, asináronse os Acordos que puñan fin ao conflito violento máis longo de América Latina. A URNG, a organización unitaria da guerrilla, subscribiunos lealmente concebíndoos como “Paz con contidos” pero as expectativas de reforma e cambios estruturais non se cumpliron: temas cruciais como a desmilitarización e modernización do Estado ou o recoñecemento do carácter multiétnico, pluricultural e multilingüe da sociedade guatemalteca non se abordaron en profundidade. A Fundación Guillermo Toriello, creada no marco dos acordos asinados en Madrid para propiciar a reincorporación política e cívica dos antigos combatientes, presentaba o pasado 12 de decembro unha interesante publicación co balanzo destes dez anos, denunciando as insuficiencias da legalidade para unha incorporación segura e digna dos máis de cinco mil insurxentes –un 70% indíxenas– desmobilizados. Enrique Corral, o director da Fundación, afirma que ningún dos gobernos da postguerra apostou seriamente polo cumprimento dos Acordos de Paz por sumisión aos sectores do poder económico que sempre cuestionaron o seu carácter de compromiso de Estado, preconizando políticas económicas neoliberais incompatíbeis coas reformas democráticas e sociais previstas inicialmente para atallar as causas desencadenantes do conflito armado. O fracaso inicial das conversas con Rigoberta Menchú para confluír na candidatura da Premio Nobel á Presidencia da República non frustrou totalmente a perspectiva de mudanza que estas iniciativas poden representar para un País marabilloso que merece incorporarse á onda de cambio que percorre América Latina, facendo realidade as fermosas palabras de Augusto Monterroso: “En 1944 naceu en Guatemala a Revolución de Outubro / Hoxe o presidente Arbenz está morto / Nayo, Víctor Manuel, mortos / O quetzal grave / Os ideais que algúns creron ter, simularon ter, / ou de puro boas xentes quixeron ter, mortos / O himno, grave / A caligrafía e os pupitres, mortos / Os zancudos que o ano pasado chucharon o sangue do xefe de calquera merda departamento de policía, mortos / A Bandeira, grave / Dende logo, sei que para nada sirve que o diga eu, pero / estou seguro de que dalgún xeito, nalgunha parte, se cadra / con outro nome ou outro apelido, a Revolución de Outubro atópase viva, está medrando, está ben”. Non hai identidade sen dereitosPablo Ceto, maia ixhil, militante do EGP e deputado no Congreso da República de Guatemala pola URNG entre 2000 e 2004, pronunciábase así de rotundo no Foro sobre Identidade dos Pobos organizado en decembro de 2006 pola Fundación Galiza Sempre na capital centroamericana. Analizaba a situación actual dos pobos Maia, Xinka e Garífuna para concluír que sen o recoñecemento pleno dos seus dereitos non haberá ningún tipo de unidade nacional en Guatemala: “Trátase de tecer a unidade de todas as diferencias, facer o mellor güipil maia de Guatemala, en base ao respecto e exercicio dos dereitos políticos, culturais, económicos e espirituais de todos os guatemaltecos”. Amilcar Pop, avogado especialista en temas indíxenas, salientaba pola súa banda o valor da histórica resistencia cultural fronte á imposición de modelos asimiladores ou integradores, para reivindicar a necesidade de reconceptualizar o vixente Estado homoxéneo e instaurar un Estado plural, nun evidente paralelismo cos puntos de vista expresados no debate pola representación do nacionalismo galego. Na última década houbo avances pero moi insuficientes: Onde estás Fernando Hoyos?• Os innumerábeis encantos das terras de Guatemala cativaron a Fernando Hoyos, xesuíta vigués chegado ao país das cores, dos volcáns e dos lagos a comezos da década dos anos setenta. Formado na Teoloxía da Liberación, o relixioso implicouse decididamente na solidariedade cun pobo privado de todos os dereitos, continuamente masacrado polo Exército en medio dunha pobreza e desigualdade extremas. Acabou como dirixente guerrilleiro.• Fernando añoraba nas montañas de Guatemala as imaxes da ría e os sons da lingua e a gaita galegas. Morreu nun enfrontamento armado en xullo de 1982 e o seu corpo nunca apareceu. Agora, a súa irmá Pilar, antigos compañeiros como Enrique Corral e a Fundación Guillermo Toriello traballan por dignificar publicamente a súa traxectoria, aclarar as circunstancias da súa morte e recuperar os seus restos. Para o vindeiro outono, a Fundación Galiza Sempre ten previstos diversos actos para recuperar tamén onde a nós a memoria deste egrexio galego internacionalista. | ||||||||
| < Ant. | Seg. > |
|---|







