laboratório Internacional de Mídias Livres
Grecia Libertaria
Querida Guatemala
Xabier Macías   
Domingo, 29 de Xullo do 2007

Cando fixeron ao home, fabricárono de terra, e alimentárono de árbores, alimentárono de follas. Unicamente terra quixeron que entrara [na súa formación]. Mais non falaba, non andaba, non tiña sangue nin carne, segundo contaban os nosos antigos pais e avós, oh meus fillos! Non se sabía que debía entrar [no home]. Por fin atopouse de que facelo. Só dous animais sabían que existía o alimento en Paxil, nome do lugar onde se atopaban aqueles animais que se chamaban o Coiote e o Corvo. O animal Coiote foi morto e entre os seus despoxos, ao ser despezado, atopouse o millo. E indo o animal chamado Tiuh-tiuh a procurar para si a masa do millo, foi traido de entre o mar polo Tiuh-tiuh o sangue da danta e da cobra e con el amasouse o millo. Desta masa fíxose a carne do home polo Creador e o Formador. (…) Rematado de facer ao home formado resultaron trece varóns e catorce mulleres; había [unha muller] de máis.  Axiña falaron, andaron, tiñan sangue, tiñan carne”.

Memorial de Sololá. Anales dos Kaqchikeles.

 
Fotos de Xabier Macías

Alcaldía Indíxena de Sololá

 
III Congreso Nacional Campesiño
(decembro de 2006)
 
Camiños guatemaltecos

De esquerda a dereita:
Silvia Solorzano, Xabier Macías e Pablo Ceto

Silvia Solorzano (esquerda) e
Alba E. Maldonado, de fronte

Rita e Lola son antigas xefas da guerrilla guatemalteca. Xuntas reviven, camiño de Atitlán, os difíciles anos da montaña, alzadas en armas contra a ditadura. Guatemala vivira desde outubro de 1944 unha década de cambios progresistas e reformas sociais; fóra, en palabras do Che Guevara: “a primeira nación latinoamericana que ergueu a voz sen medo contra o colonialismo”, pero a intervención norteamericana de 1954 e o derrocamento do Presidente Jacobo Arbenz deron paso a un dos reximes máis opresivos de América Latina, empurrando a milleiros de mozos e mozas a se rebelar poucos anos despois contra a represión, o racismo e a exclusión social practicada impunemente polo Estado.

Lola –Alba Estela Maldonado– é agora deputada da Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca (URNG) e, incansable, traballa na denuncia dos centos de mulleres asasinadas cada ano no país centroamericano perante a ineptitude dun Estado que califica de “anómico”. Estivo en Galiza no 2005, invitada pola Fundación Galiza Sempre, para presentar o libro Feminicidio e foi entón cando naceu a idea de aprofundar nas coincidencias entre o nacionalismo galego e o movemento que reclama os dereitos indíxenas: o 65% dos habitantes.

En Sololá, nas beiras do abraiante lago Atitlán, recíbennos na Alcaldía indíxena. As comunidades maias conservan o seu propio sistema de poder, en paralelo á organización local do Estado, e nesta municipalidade reúnense cada semana 51 autoridades comunitarias elexidas en asembleas. Rememoran para nós a brutal represión da ditadura, particularmente cruel coa poboación indíxena considerada a base social da guerrilla. “É triste: matábanos por falar ben, non por ser criminais” resume un dos presentes ao lembrar os máis de 45.000 desaparecidos entre os anos 60 e 80.

Silvia Solórzano, “Rita” no seu alcume guerrilleiro, perdeu daquela dous dos seus catro irmáns. O seu drama –como o de tantas outras familias– non rematou con iso. No adro da catedral da Cidade de Guatemala amósanos entre milleiros de nomes gravados nas columnas o da súa nai, Alaíde Foppa, poeta e crítica literaria exiliada en México, secuestrada e desaparecida a comezos dos anos 80 cando viaxou a Guatemala para coñecer a situación dos seus fillos incorporados ao Exército Guerrilleiro dos Pobres (EGP). Alaíde, viuva de Alfonso Solórzano –membro do goberno Arbenz– e unha das pioneiras do feminismo dende a  revista Fem, pagou coa vida a súa radicalización e denuncia das atrocidades cometidas polo exército e os escuadróns da morte contra os indíxenas guatemaltecos.

En decembro de 1996, tras trinta e seis anos de enfrontamento e 200.000 vítimas –maioritariamente do pobo maia–, asináronse os Acordos que puñan fin ao conflito violento máis longo de América Latina. A URNG, a organización unitaria da guerrilla, subscribiunos lealmente concebíndoos como “Paz con contidos” pero as expectativas de reforma e cambios estruturais non se cumpliron: temas cruciais como a desmilitarización e modernización do Estado ou o recoñecemento do carácter multiétnico, pluricultural e multilingüe da sociedade guatemalteca non se abordaron en profundidade. A Fundación Guillermo Toriello, creada no marco dos acordos asinados en Madrid para propiciar a reincorporación política e cívica dos antigos combatientes, presentaba o pasado 12 de decembro unha interesante publicación co balanzo destes dez anos, denunciando as insuficiencias da legalidade para unha incorporación segura e digna dos máis de cinco mil insurxentes –un 70% indíxenas– desmobilizados. Enrique Corral, o director da Fundación, afirma que ningún dos gobernos da postguerra apostou seriamente polo cumprimento dos Acordos de Paz por sumisión aos sectores do poder económico que sempre cuestionaron o seu carácter de compromiso de Estado, preconizando políticas económicas neoliberais incompatíbeis coas reformas democráticas e sociais previstas inicialmente para atallar as causas desencadenantes do conflito armado.
Despois de anos complicados, nos que viron reducirse a súa representatividade social e parlamentaria traballando nas precarias e desiguais condicións do retorno a actividade política legal, Enrique, Silvia e Lola centran as súas esperanzas de revitalización da esquerda no MAIZ (Movimiento Amplio de Izquierda), plataforma impulsada desde a URNG de cara ás vindeiras eleccións de setembro, coa vista posta en agrupar forzas sociais e políticas hoxe disgregadas.

O fracaso inicial das conversas con Rigoberta Menchú para confluír na candidatura da Premio Nobel á Presidencia da República non frustrou totalmente a perspectiva de mudanza que estas iniciativas poden representar para un País marabilloso que merece incorporarse á onda de cambio que percorre América Latina, facendo realidade as fermosas palabras de Augusto Monterroso: “En 1944 naceu en Guatemala a Revolución de Outubro / Hoxe o presidente Arbenz está morto / Nayo, Víctor Manuel, mortos / O quetzal grave / Os ideais que algúns creron ter, simularon ter, / ou de puro boas xentes quixeron ter, mortos / O himno, grave / A caligrafía e os pupitres, mortos / Os zancudos que o ano pasado chucharon o sangue do xefe de calquera merda departamento de policía, mortos / A Bandeira, grave / Dende logo, sei que para nada sirve que o diga eu, pero / estou seguro de que dalgún xeito, nalgunha parte, se cadra / con outro nome ou outro apelido, a Revolución de Outubro atópase viva, está medrando, está ben”.

Non hai identidade sen dereitos

Pablo Ceto, maia ixhil, militante do EGP e deputado no Congreso da República de Guatemala pola URNG entre 2000 e 2004, pronunciábase así de rotundo no Foro sobre Identidade dos Pobos organizado en decembro de 2006 pola Fundación Galiza Sempre na capital centroamericana. Analizaba a situación actual dos pobos Maia, Xinka e Garífuna para concluír que sen o recoñecemento pleno dos seus dereitos non haberá ningún tipo de unidade nacional en Guatemala: “Trátase de tecer a unidade de todas as diferencias, facer o mellor güipil maia de Guatemala, en base ao respecto e exercicio dos dereitos políticos, culturais, económicos e espirituais de todos os guatemaltecos”.

Amilcar Pop, avogado especialista en temas indíxenas, salientaba pola súa banda o valor da histórica resistencia cultural fronte á imposición de modelos asimiladores ou integradores, para reivindicar a necesidade de reconceptualizar o vixente Estado homoxéneo e instaurar un Estado plural, nun evidente paralelismo cos puntos de vista expresados no debate pola representación do nacionalismo galego.

Na última década houbo avances pero moi insuficientes:
• Persiste o carácter asimilacionista da cultura ladina oficial.
• Os recursos e o compromiso oficial coa precaria institucionalización acadada –a Comisión contra a Discriminación e o Racismo; a Academia das Linguas Maias ou a implantación de algunhas Escolas Bilingües– son escasos.
• Aparecen novos problemas que sumar á tradicional explotación económica e exclusión sociopolítica padecida polos indíxenas: o millo –o millo!– transxénico ameaza a riqueza da biodiversidade da súa “nai natureza” e pon en perigo a vida dos “futuros”, a denominación xenérica coa que chaman aos seus descendentes, os nenos e nenas de ollar intenso e sorriso contido que habitan todos os currunchos de Guatemala.

Onde estás Fernando Hoyos?

• Os innumerábeis encantos das terras de Guatemala cativaron a Fernando Hoyos, xesuíta vigués chegado ao país das cores, dos volcáns e dos lagos a comezos da década dos anos setenta. Formado na Teoloxía da Liberación, o relixioso implicouse decididamente na solidariedade cun pobo privado de todos os dereitos, continuamente masacrado polo Exército en medio dunha pobreza e desigualdade extremas. Acabou como dirixente guerrilleiro.
• Fernando añoraba nas montañas de Guatemala as imaxes da ría e os sons da lingua e a gaita galegas. Morreu nun enfrontamento armado en xullo de 1982 e o seu corpo nunca apareceu. Agora, a súa irmá Pilar, antigos compañeiros como Enrique Corral e a Fundación Guillermo Toriello traballan por dignificar publicamente a súa traxectoria, aclarar as circunstancias da súa morte e recuperar os seus restos. Para o vindeiro outono, a Fundación Galiza Sempre ten previstos diversos actos para recuperar tamén onde a nós a memoria deste egrexio galego internacionalista.

Xabier Macías
Sobre o autor ou autora:
Director da Fundación Galiza Sempre
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
PuntoGal