Neofeudalismo na agricultura global
Altermundo   
Domingo, 29 de Xullo do 2007

 Terminar con Terminator, unha loita para a asegurar a soberanía alimentaria dos labregos e dos indíxenas do planeta.

A Campaña Terminar con Terminator busca promover que os gobernos prohiban a tecnoloxía Terminator, apoiando así os esforzos da sociedade civil, agricultores, pobos indíxenas e movementos sociais.

Terminator refírese a unha categoría de tecnoloxías que proporcionan un mecanismo que apaga ou prende xenes introducidos previamente, usando inductores externos químicos ou físicos (por exemplo, un golpe de calor). Manipúlanse os xenes das plantas de xeito que as sementes que produzan sexan estériles. En resume, as sementes da seguinte xeración autodestrúense por autoenvelenamento provocado polo axente inductor. As patentes deste tipo, cuio nome oficial é Tecnoloxías de Restrición no Uso Xenético (TRUGs), foron descubertas en 1998 polo grupo ETC.

 En 1999, en resposta á vaga de protestas a nivel mundial, dúas das corporacións de agroquímicos e sementes do mundo, Monsanto e AstraZeneca (agora Syngenta), comprometéronse a non comercializar estas sementes. En 2000, o Convenio de Diversidade Biolóxica da ONU adoptou unha moratoria no seu uso, mais a tecnoloxía séguese a desenvolver e a promover.

Máis de 1.400 millóns de persoas, principalmente familias de pequenos labregos do mundo en desenvolvemento, dependen da semente colleitada como fonte principal de sementes para o novo ciclo agrícola. Con Terminator obrigaranos depender de fontes externas e destruirase a práctica ancestral de selección, mellora e intercambio de sementes das comunidades indíxenas e locais, fundamento da soberanía alimentaria e do fornecemento global de alimentos.

As 10 compañías de sementes máis grandes do mundo controlan a metade do mercado mundial de sementes. Se Terminator sae á venda, as corporacións incluirán xenes de esterilidade en todas as sementes, pois a esterilización xenética asegúralles un monopolio máis forte cás patentes. No canto de demandar aos agricultores por conservar as sementes, práctica común neste neofeudalismo internacional, as empresas queren que sexa bioloxicamente imposíbel que volvan plantar a semente que colleitaron..

+INFO: www.etcgroup.org | www.banterminator.org

Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.