Retrincos do meu carné II
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 29 de Outubro do 2007

Fora en xuño do 2006. Fixera unha pausa na miña peneirada do acontecer social nestas follas do GH, e ousara tirar á luz algunhas notas do meu carné: "Impúdicamente -transcríbovos- espidas na sua literalidade, sen adubío ningún, sen retoques nen elipses, tal e como as rexistrara alí no outono do ano 2000".

[Galicia Hoxe] 

Para o Tano, ou o Cae,
na intimidade dos amigos de corazón,
en desagravio.

Fora en xuño do 2006. Fixera unha pausa na miña peneirada do acontecer social nestas follas do GH, e ousara tirar á luz algunhas notas do meu carné: "Impúdicamente -transcríbovos- espidas na sua literalidade, sen adubío ningún, sen retoques nen elipses, tal e como as rexistrara alí no outono do ano 2000".

Hoxe, por motivacións anímicas análogas ás de aquela, decido recuncar con estoutras do outono do 2001, máis amarguexas aínda se cadra, por mor da resaca das frustrantes eleicións que viña de padecer. Amarguranza que non durou, curada co mel da dourada luz outoniza do Algarve, ou sexa, o "al-garb", o confín oeste do mundo islámico peninsuar.

* * * * *

Outono 2001.

"Prediqueilles" aos cidadáns a reconquista das liberdades; exorteinos a exerceren a dignidade: un de cada tres pasou de todo, confinado no autismo social; dous de cada catro non autistas, votaron a M.F.I. -léase: M(onetary) F(und) I(nternational). Debinlles resultar algo así como unha reencarnación, unha versión extemporánea de Don Jorgito "el inglés". Il tentaba vender biblias nun país de analfabetos. Eu propúxenlles asumir valores ético-políticos nunha sociedade mercantilizada, metalizada -no meio da barafunda dun mercado de produtos-chirimbolos virtuais. Foi un miragre que, inda así, un de cada catro me dése ouvido, concordase e se apuntase a confiar en que era posíbel ou, cando menos, pagaba a pena tentar seguir a ser unha criatura humán -condición indispensábel pra poder ser suxeito de dereitos e liberdades- e non tornarse "cousa".

* * * * *

¿Até qué punto me sometín ao "xuizo" dos eleitores, ou até qué punto, pola contra, fun eu quen os examinou -e suspenderon?

* * * * *

¿Tería sentido considerar como unha variedade de "maccarthismo" o que está a acontecer coas liberdades -e a conciencia- das "elites" cidadáns baixo as maiorías totalitarias do JMA e o MFI? Poisque, os máis diles, préganse á censura e ceden ás intimidacións por non perderen o auto e a piscina -como dixera aquil analista do maccarthismo ianqui dos cincuenta.

* * * * *

Se eu fose xornalista, sintiría vergoña da miña profesión. Millor traballar de correitor de probas.

A xeneralidade dos xornalistas españois actuais conseguen convirtir en puro e simples xuizo de feito, mostrador dunha descarnada realidade, o xuizo de valor sarcástico encerrado na famosa "boutade" de O. Wilde que tanto gosta ao Pancho Pillado: "A literatura non se lé; o xornalismo é ilexíbel".

* * * * *

Na Galiza está a reproducirse extemporáneamente un cenário de antigo rexime "sub specie" de monarquía absoluta sen rei. ¿Digo de antigo rexime? Podería igualmente ser o cenário da tiranía franquista dende a lei de sucesión do 1946. (Eiquí, desque o MFI rachou o seu compromiso de non optar a un terceiro mandato e decidiu sucederse a sí mesmo até a sua propria extinción física).

* * * * *

Debo dicirlles abruptamente aos cidadáns-súbditos galegos o que penso, sexa ou non "oportuno". Expresarlles a miña solidariedade a eses un de cada catro que foron derrotados o mesmo ca min na batalla -se cadra, na "misión hoxe imposíbel"- pola dignidade, as liberdades e o benestar social. Dicirlles que fomos provisoriamente derrotados no intento de introducir valores ético-políticos nun mercado eleitoral que só cotiza produtos político-mercantís.

En rigor, é un "caso prático" do problema teórico marxián da transformación de valores en prezos: os valores éticos non son transformábeis en prezos porque, como dicimos na linguaxe cotián sen nos decatar do que realmente estamos a dicir, eses valores non teñen prezo -mesmo son a sua antítese, a antítese das mercadurías, como as obras de arte, por caso.

* * * * *

Un traballa toda a vida

defendendo ao país e á sua xente.

Outro chega da metrópolis

o exército colonial.

E votan ao segundo: COLONIA.

Un fala o idioma criado polo proprio povo,

mesmo cando fai o amor.

Outro utilízao só como "liturxia",

e en descoidado castrapo.

E votan ao segundo: COLONIA.

Un di que a sua patria é Galiza,

a que sofre e traballa.

Outro di que "España es mi casa" (ET),

que segue a arrepañar en foros

os froitos do povo que sofre e traballa.

E van, e votan ao segundo: COLONIA.

Finalmente, a proba do nove:

Que haxa que espricarvos isto,

que argumentedes (?) en contra,

só se esprica porque SEGUIDES A ESTAR COLONIZADOS.

Un francés enténdeo, ou un italián.

Un alxerino actual tamén.

Un alxerino de 1950 tampouco o entendía

(e Memmi, ao retratalo daquela, retratáranos

tamén a nós, anque nós non nos vísemos,

non nos recoñecésemos no retrato;

ese retrato, prao alxerino, é pasado xa;

pra vós, segue a ser presente,

e seguides a ser o vivo retrato do colonizado;

¿ou é que sodes "pieds-noirs"?)

* * * * *

Sempre dixen que os galegos eramos coma os negros, coa pexa adicional de que, como non temos a pel negra, a ollada non nos auto-delata.

* * * * *

Cada vegada que estou en Madrid con inteleituais "de postin", retorno independentista. Debera vir con máis frecuéncia.

* * * * *

S.J. é un pedante acedo que apenas sería nada sen Prisa. Descalificou axiomáticamente o libro de Joan Garcés por falla de probas das suas teses. De paso, suspendeume a min pola vía rápida: eu coincido con Garcés. Pola contra, il sostén que a democracia parida na transición non foi tutelada nen inda menos secuestrada. Todo porque Suárez legalizou ao PC contra a vontade do exército -sabíamolo todos: "Acabo de legalizar al PC: fusílenme!"-e seica do Departamento de Estado ianqui. ¿Ónde estaría il mentras Garcés estaba con Allende e máis dispois? ¿E no 25 avril?

Práticamente, nega a relevancia da causalidade esóxena: segundo il, suliñala ven ser victimismo e elusión de responsabilidades proprias. Faltoulle só verbalizar aquela sentencia reaccionária -e cínica- de que cada pobo ten o goberno que se merece.

* * * * *

No coloquio de onte, [en Madrid] pra tentar que algúns comprenderan, plantexeilles este suposto: Imaxinen -díxenlles- que mañán, cando esperten, premen o interrutor do seu radio e a voz do locutor fala en galego; mudan de emisora, e tamén fala en galego, e así outra, e outra vez, até que por fin achan unha, unha soa, que lles fala en español; érguense e van recoller o xornal que lles botaron por debaixo da porta, e está escrito en galego; baixan á rúa, vanse ao kiosko máis próximo, e os xornais están todos en galego, só un, moi mediocre, está en español; entran na cafetería, e o mozo da barra aténdeos en galego, algúns parroquiáns falan entre iles en español, mais ao barman diríxense en galego; etc., etc. ¿Parécelles verosímil? Rinse, ¿non si?. Pois invirtan a posición dos idiomas, e isto é o cenário do acontecer cotián praos cidadáns galegos e galego-falantes, un cuarto de século após o remate do franquismo e dous decenios de "normalización lingüística".

Mais a preocupación primordial da maioría dos inmortais académicos da Galega encol do noso idioma consiste en impedir que se "contamine" do portugés -mentras o poder abre aínda máis francas e largas as portas á invasión que padece do español en situación sociolingüísticamente diglósica. Inda hai poucos días que a RAG botou abaixo, contra pronóstico, o cativo froito -mais froito ao cabo- dun armisticio, primeiro, e un labor de diálogo, logo, a prol dunha normativa de consenso antre as diversas opcións -a oficial incluída- enfrontadas até daquela. Praos maioritarios na RAG -"Hanalfabetos III", compriría que escribise eu agora- debe resultar que o galego non forma parte dun tronco lingüístico galego-portugués con mil anos de historia detrás, senón dun inventado e aberrante tronco galego-español, popularmente denominado "castrapo", análogo ao "créole" antillán ou ao "spanglish", e análogamente enxendrado por vía colonial, equiparábel á mula como cruce de burro e besta, e semellantemente estéril e só valedeiro como animal de cárrega e tiro. Eses europeistas de taberna, agora que a integración simultánea de ambas beiras do Miño na CEE-UE empeza a secar a fronteira líquida antre Galiza e Portugal, erguen unha muralla de esterco por esa mesma raia antre as duas primeiras variantes dialectais xurdidas na historia do noso idioma por azares políticos superestruturais, mesmamente, que non por diversificación cultural de seu. Fiquen eiquí os nomes dos sete numerários da RAG que tentaron impedir co seu voto esa fechoría: Xohana Torres, García-Bodaño, Ferrín, Antón Santamarina, Paco Fernández Rei, Carlos Casares e Xosé Ramón Barreiro -sábese xa, inda que o voto foi segredo.

RETRINCOS DO MEU CARNÉ I 


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >