Retrincos do meu carné I
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 04 de Xuo do 2006

“Cada vez que escoito un discurso político ou que leo aos que nos dirixen, espántome de non escoitar dende hai anos nada que emita un son humano. Son sempre as mesmas palabras que din as mesmas mintiras.”

[Galicia Hoxe]

Agosto 37.

“Cada vez que escoito un discurso político ou que leo aos que nos dirixen, espántome de non escoitar dende hai anos nada que emita un son humano. Son sempre as mesmas palabras que din as mesmas mintiras.”

Febreiro 38.

“O esprito revolucionário está todo enteiro nunha protesta do home contra a condición do home. Neste senso é, baixo formas diversas, o único tema eterno da arte e da relixión. (...) unha obra de arte que representase a conquista da felicidade sería unha obra revolucionaria.”

A. Camus, ‘Carnets’, cadernos nº 1 (1935-37) e nº 2 (1937-39)

Despois de visto -para sentencia- o último debate do estado da nación -española- celebrado nas Cortes -españolas tamén- arríscome a tirar á luz algunhas das notas da intimidade do meu carné. Impúdicamente, espidas na sua literalidade, sen adubío ningún, sen retoques nen elipses, tal e como as rexistrara alí no outono do ano 2000, e alí dentro ficaran choídas na escuridade todo este tempo.

Despois de visto -para sentencia- o último debate do estado da nación -española- celebrado nas Cortes -españolas tamén- arríscome a tirar á luz algunhas das notas da intimidade do meu carné. Impúdicamente, espidas na sua literalidade, sen adubío ningún, sen retoques nen elipses, tal e como as rexistrara alí no outono do ano 2000, e alí dentro ficaran choídas na escuridade todo este tempo.

..................................

Outono 2000.

Antre a razón e a lucidez, eu escollo a lucidez, inda que me custe perder a razón.

..................................

ETA mata. Iles tamén, e máis dende o poder: nos andamios, no mar, nos hospitais, nas sobredoses. Son as olimpiadas da demencia, nas antípodas -só xeonómicas- de Sidney.

Para "evidencias", léanse Les prisons de la misère -estarrecedor: a sociedade convirtida en cárcere, o Estado en carrasco.

..................................

A Historia do Poder é unha historia de crimes. ¡Cántas veces repetida e qué inútelmente!

..................................

Todo o que acontece hoxe na sociedade está xa na literatura universal. Só a incultura, ou a desmemoria, da caste política dá lugar a que se poda criar confusión cando os acontecementos xurden e incomprensión cando ún tenta espricalos. Incultura culpábel, non inocente; interesada, non gratuita; homicida, non inocua. Soberbia da incuria, arruallo da iñorancia: iles coidan que non precisan ser cultos porque coidan ser intelixentes e capaces de acharen a espricación ipso facto e por conta propria. Conduta atávica: recúan ao estadio simplesmente animal, rexeitan o que diferencia especificamente ao xénero humán, ou sexa, a historicidade dos seres e os colectivos humáns, a transmisión xeracional ao longo da historia do coñecemento acumulado polos devanceiros. Fican confinados nas mensaxes inscritas no código xenético, como calquer leirón. Iles fan inútel que existisen Platón, os Irmandiños, Galileo ou Murguía, por caso. Que en rigor só existiron, é dicir, só consta e é relevante que existisen, se gardamos memoria diles, ou sexa, do que fixeron. E adeprendemos. (?).

..................................

Queren domesticarme; ou, cando menos, educarme. Se o fan, acabarán conmigo.

..................................

Andan a especular coas intencións do Beiras a respeito do seu proprio labor político nun futuro próximo. Non entenden, ¿qué digo?, nen tan sequer perciben o noxo que me dá, a náusea que me produce, ter que traballar tripando no esterco que iles fabrican coas suas deposicións, estrando as cortes todas da "polis".

A coprofilia e, no seu paroxismo, a coprofaxia, é unha desviación perversa mentras non se convirta nunha prática común. Cando isto ocorre, o anómalo resulta ser sentir noxo por esa prática e non participar. Sade ilustrouno e filosofouno maxistralmente. Mais aquiles poucos, de todos iles, que léron se cadra a Sade, só o fixeron coa cobiza adoecida do buscón de pornografía. Non adeprenderon ren. Os cento vinte días de Sodoma están en curso de re-presentación -ensaio xeral inter-activo-nas covas suntuosas desta política cavernaria. E querennos forzar a participar a tododiós. E que a tododiós lle pareza normal. Refugalo é anómalo. Como na fonseca de hai meio século: maricón o que non vai de putas. Non cabía outra espricación.

..................................

Por máis que relea a Historia de España, non dou atopado un só motivo pra me sentir español. Pra cánto menos un só argumento pra considerarme tal cousa.

E cánto máis releo a Historia de Galiza, -e a de Europa-.

..................................

Canto máis leo encol da situación política actual de Europa, e das posibilidades de acción e marxes de manobra no uso democrático do poder institucional -cun prisma de esquerda, naturalmente- máis se corroboran as miñas teses, ou mesmo as miñas hipóteses, establecidas por inducción a partir da miña esperiencia e da miña apreciación ou perceición de feitos, fenómenos e procesos actualmente en curso, e máis patente resulta que, a pouco que tivese sentido común, debería afastarme de vez da política institucional e dedicar o tempo que me poida restar de vida a un combate inteleitual e político portas afóra do cárcere institucional. E porén, asumo enlearme nunha batalla para derrubar do poder "autonómico" á barbarie que hoxe o ocupa -batalla que case ningún dos meus compañeiros considera verosímil gañar, e que por riba, caso de gañármola, situaráme alí onde padecerei a esperiencia esgazadora de comprobar até onde chega a medida da impotencia, ou sexa, de corroborar tamén ás miñas proprias costas aquilo que xa corroboran agora as leituras que estou a facer. ¿Serei insensato?

..................................

Mentras escribía eu na outra cara desta folla, ETA mataba a Ernest Lluch. Eran arredor das nove da noite; agora son as duas da madrugada. Había moitos días que non voltaba a estas páxinas. Non sei por qué tráxica fatalidade coincidíu sentir eu a pulsión por expresar o que eiquí detrás fica escrito verbo dunha forma de impotencia política, co acontecer, a máis de mil kilómetros deiquí, dun feito brutal que suscita o arreguizo revelador doutra caste de impotencia máis pavorosa: a impotencia da razón e da sensibilidade perante os resortes máis atávicos da condición humán. Matar a quen tenta comprender e axudar, ¿haberá algo máis oposto a un comportamento calificábel de humán?

As últimas veces que coincidíramos foran en Euskadi, a fins do vran, por mor da homenaxe a Companys na ponte fronteiriza de Irun, onde fora entregado pola Gestapo á policía franquista pra que o matasen. Lluch era un membro activo da comisión orgaizadora á que eu só prestei o meu nome e presencia nos actos. Hoxe outros fixeron con il o mesmo que os nazis con Companys. ¿Por qué?

..................................

Tentar comprender é apostar polo exercicio da razón frente á irracionalidade. Mais é tamén esquencer ou tentar salvar a imensa dimensión do incomprensíbel na mente e na condición -na natureza- humáns.

..................................

Un pobo que perde a memória acaba por morrer de morte lenta, por inanición.

Un poder de autogoverno que perde a conciencia acaba por morrer de morte súpeta, por colapso.


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >