Clamor e laio polos Tres do Eixo
Rafa Villar   
Venres, 26 de Outubro do 2007

 Resultaría tráxico que finalmente a instancia política que ten nas mans a chave da liberdade destes tres veciños do Eixo, o Goberno de Rodríguez Zapatero, actuase con tal grao de insensiblidade social e deixase abandonados ao seu destino carcerario a un chofer, un libreiro e un fontanteiro do compostelán barrio do Eixo.

O domingo 21 de outubro centos de composteláns saíron en manifestación polas rúas da capital galega para pediren xustiza (neste caso, en forma de indulto) para tres veciños do santiagués barrio do Eixo. Veciños que, de non se dar o indulto, entrarían de inmediato na cadea. O seu único delito, participaren nunha protesta veciñal que derivou en incidentes e enfrontamentos coa policía.

Son xa máis de nove os anos que Simón, José e Jesús, os veciños do Eixo encausados e condenados por esa mobilización social, están a padecer un auténtico calvario de índole xudicial. E a súa única oportunidade para libraren do cárcere era que o vindeiro Consello de Ministros, que se vai celebrar este 26 de outubro, lles conceda por fin o indulto, aínda que xa é coñecido que tristemente non vai ser así. Un indulto reclamado por milleiros de composteláns e avalado tamén polo movemento veciñal santiagués, así como por un número importante de organizacións, entidades e asociacións de todo tipo. Mesmo entre os apoios están os das dúas forzas que integran o Goberno da cidade, BNG e PSOE. Pola súa banda, o PP esquivou o asunto e, aínda que non tivo o valor de se posicionar abertamente en contra dos veciños, estivo a poñer como condición para apoiar o indulto que os tres veciños declarasen publicamente o seu arrepentimento polo ocorrido e pedisen perdón ao policía que ficou mancado tras os sucesos do mes de xullo de 1998. Algo polo que dous deles teñen claro que non van pasar, porque significaría dar por feita unha culpabilidade que desde logo non asumen, na súa condición de cidadáns que se mobilizaban en prol dunhas melloras no seu barrio.

Se xa o sentir case unánime en Compostela é do exaxerado da sentenza que recaeu sobre estes tres veciños (sete anos de cadea e uns 156.000 euros de multa, por un delito de lesións na persoa do policía mancado), tamén é certo que se está a ver con preocupación que o anhelado indulto non chega (o pasado Consello de Ministros rexeitou a proposta e no desta semana non se vai tratar o tema), polo que cada día colle máis forza a triste posibilidade de que o vindeiro 31 de outubro teñan que ingresar na cadea de Teixeiro.

Resultaría tráxico que finalmente a instancia política que ten nas mans a chave da liberdade destes tres veciños do Eixo, o Goberno de Rodríguez Zapatero, actuase con tal grao de insensiblidade social e deixase abandonados ao seu destino carcerario a un chofer, un libreiro e un fontanteiro do compostelán barrio do Eixo, xentes de ben e de entre nós que só facían uso do seu lexítimo dereito como cidadáns a amosar a súa desconformidade cunha actuación da Administración, protestando e manifestándose. É máis, o movemento veciñal e o conxunto do movemento social quedaría tocado se finalmente non se produce o indulto. Tocado porque, unha vez máis, o poder político estaría tentando recortar resortes da súa acción como tal movemento veciñal e social.

E iso en democracia ten custos. Se cadra, demasiados altos para todos, mais tamén para os que desde a placidez que dan as esferas de poder lastran e condenan a necesaria vitalidade da chamada sociedade civil, que se expresa tamén a través da mobilización social e das loitas cotiás pola mellora das súas condicións, sexa no barrio, na fábrica, na escola ou onde for.

 
< Ant.   Seg. >