| Chiapas: 13 anos de resistencia |
| FugaEmRede | ||||||
| Domingo, 24 de Xuño do 2007 | ||||||
O primeiro de xaneiro de 1994 , coincidindo coa entrada en vigor do Tratado de Libre Comercio das Américas, os indíxenas chiapanecas declaran a guerra ao estado mexicano baixo o nome de exército zapatista de liberación nacional. Nacía a resistencia activa ao neoliberalismo… e contaxiaría ao mundo enteiro.AQUÍ MANDA O POBO… E O GOBERNO OBEDECE
Un de xaneiro de 1994, Chiapas. Un dos estados máis empobrecidos de México esperta alarmado polo dispositivo militar montado como resposta á declaración de intencións dun grupo de campesiñas e campesiños das montañas do sueste mexicano. Levántanse en armas e toman pequenas cidades do estado de Chiapas. Son indíxenas, fanse chamar Exército Zapatista de Liberación Nacional –EZLN– e pretenden facer un chamamento ao goberno federal mexicano e á sociedade civil sobre a agónica situación da perda de dereitos e de identidade colectiva dos pobos indios. Os seus xeitos de autoorganización horizontal e local estaban a ser vilipendiadas, a súa cultura policromática agochada baixo os nubeiros grises da homoxeneización cultural, a súa Pacha Mama –Nai Terra– violada a cotío polos grandes grupos económicos dende dentro e fóra do país… Tal e como explicaban na (primeira) Declaración da Selva Lacandona –declaración formal de guerra ao Estado–, o levantamento foi unha reacción a 500 anos de explotación e espolio, e reivindica un teito digno, terra, traballo, saúde, alimentación, educación, liberdade… O levantamento militar dese xaneiro durou 12 días, aínda que a represión á que foi sometida a sociedade segue aínda vixente. En Chiapas atópase hoxe o maior despregue militar de todo México. A pesar da persecución vivida durante todo o ano 1994, a primeiros do 1995 comezan unha serie de xuntanzas entre o goberno e o EZLN que rematarían plasmadas nos Acordos de San Andrés (1996), onde aparecía recoñecida a diversidade étnica de México e os dereitos máis básicos dos pobos indíxenas. A ilusión inicial provocada pola sinatura dos ditos acordos esmoreceu axiña e derivou no desencanto cara os poderes políticos mexicanos. Os Acordos de San Andrés nunca chegaron a ser plasmados na práctica. Quedou o papel para añorar un modelo social que non chegou a existir. Sucéndese entón as Declaracións da Selva Lacandona, e a represión á poboación indíxena chiapaneca que forma parte do EZLN ou das súas bases de apoio non cesa. Ademais do exercito e das policías federais e estatais, o goberno dá cancha a paramilitares que dinamitan, aínda máis se cadra, as ansias de liberdade e xustiza social das mulleres e dos homes do millo, das mulleres e dos homes zapatistas. Entre ameazas, destrución de colleitas, obstrución de camiños e outros xeitos de intimidación por parte dos paramilitares, o Masacre de Acteal pon de novo en pé á sociedade mexicana; un grupo de paramilitares asasinan a máis de 45 persoas de étnia tzozil en Acteal mentres asistían á liturxia relixiosa. Ano 2000. Gaña as eleccións presidenciais Vicente Fox –o primeiro presidente en décadas dun partido diferente ao PRI. Un día despois da toma de posesión, o EZLN anuncia unha marcha indíxena á cidade de México D.F. para esixir o cumprimento dos Acordos de San Andrés e a modificación da Constitución, de xeito que recolla os dereitos básicos dos pobos orixinarios. Unha marcha de 20 días que percorrerá a zona sur do país até chegar ao Zócalo de México D.F. en marzo de 2001. A Marcha da Cor da Terra –ou Marcha da Dignidade Indíxena– remata coa histórica intervención dunha muller de étnia tzeltal no Congreso da Unión: a comandante Esther, do EZLN. Un mes despois apróbase a Lei Indíxena Mexicana, que é utilizada pola clase política como disfrace de democracia, ocultándolle á sociedade que nela non se recollen a meirande parte de puntos asinados anos atrás en San Andrés, e desvirtuando totalmente a implicación do goberno na mesa de negociación. Unha lei indíxena que continúa a agochar os dereitos dos pobos indios e os deixa en mans dos estados, sen garantir o seu cumprimento e creando, de facto, verdadeiras reservas indíxenas. Ante a aprobación desta lei, o EZLN envía un comunicado o 1º de maio de 2001 onde chama á sociedade mexicana a mobilizarse contra o goberno de Fox e contra a súa máscara democrática, e esixe dos gobernantes o “mandar obedecendo”. Agosto de 2002. O zapatismo dá un novo xiro de porca. Nacen os “Caracoles”, centros de acción político-social-cultural en territorio rebelde zapatista, ideados para a construcción da autonomía indíxena. A creación dos caracois encádrase nun ambiente de desconfianza e desilusión nas posibilidades de resolución do conflito pola vía política. A Lei do ano anterior marca o curso dos acontecementos e as mulleres e homes zapatistas deciden autogobernarse: os caracois albergan ás “Xuntas de Bo Goberno”, compostas por un representante de cada municipio autónomo en rebeldía. Calquera que se achegue á zona zapatista poderá ler carteis coa lenda “Está vostede en territorio zapatista en rebeldía. Aquí manda o pobo e o goberno obedece”. Xuño, 2005. Sexta Declaración da Selva Lacandona. Nace un novo camiño de mobilizacións que desta volta non só envolve aos pobos indios, senón a todas as persoas que en México loitan pola xustiza, pola liberdade, pola democracia e contra a discriminación e a humillación do sistema capitalista e as súas ferramentas. A Sexta propón unha “Outra Campaña” ás lexislativas do ano 2006, buscando unha maior implicación á hora de idear unha resposta firme ao sistema opresor. Non é unha proposta fechada, nin unha alternativa de goberno, senón todo o contrario: o EZLN quere falar e escoitar, participar, ver, debater, consensuar, sentir… con todos os movementos sociais de México, coas persoas que cren que se pode loitar por “un mundo no que caiban todos os mundos”. Os últimos actos represivos do goberno en Atenco e Oaxaca, pretendendo calar as voces dunha sociedade civil cansa da súa clase política, non fixeron máis que dar osíxeno a unha chama que prendera 13 anos atrás. A resposta social non se amedrenta polas ameazas e as balas, porque, contra a violencia, existe unha paz desgarradora que non deixa de berrar xustiza, democracia, liberdade… O deserto do capitalismo ve como segue aberta unha fenda na súa pel dende hai máis de 13 anos e que non volverá ser fechada a pesar das inxentes cantidades de menciña aplicadas a base de violencia militar, represión campesiña, extorsión, opresión económica e tantas outras formas de mutilación da vontade popular. Unha fenda que servirá para inocular un virus que se propaga dende as montañas do sueste mexicano a todos os puntos do planeta. Esa fenda que non fai sangrar ao capitalismo, porque non hai corazón no seu interior, pero que fai chegar luz, e coa luz, o amencer. O amencer ilumina as cores da Pacha Mama: a terra, o millo, o chile, a auga, os guajalotes, o bosque e a néboa… As mulleres e os homes da cor da terra espertan baixo o pasamontañas negro ou o paliacate vermello que cubren a cara para non poñerlle rostro á resistencia. Un espertar que servirá de revulsivo para os movementos de resistencia “glocais”. A loita de quen non ten rostro. A loita das que non eran escoitadas e das que non eran quen de subir a súa voz contra a barbarie neoliberal: organizacións campesiñas, ecoloxistas, antimilitaristas, anticapitalistas, indíxenas, feministas, e tantas outras que deciden que, a partir de agora, queren marcar o ritmo da Historia e non seren comparsa do sistema e dos seus tentáculos (OMC, BM, FMI…). Agora a Historia é escrita por todas, dende abaixo e á esquerda. Se falta alguén por ser escoitada, se alguén sinte non ter voz ou non ser tida en conta, se alguén pasa fame ou non ten teito, entón non paga a pena.•
| ||||||
| < Ant. | Seg. > |
|---|

O primeiro de xaneiro de 1994 , coincidindo coa entrada en vigor do Tratado de Libre Comercio das Américas, os indíxenas chiapanecas declaran a guerra ao estado mexicano baixo o nome de exército zapatista de liberación nacional. Nacía a resistencia activa ao neoliberalismo… e contaxiaría ao mundo enteiro.




CRONOLOXÍA BREVE