| Viaxe galego ao Foro Social Mundial da África Negra |
| Xosé Manuel Beiras | ||||||
| Domingo, 20 de Maio do 2007 | ||||||
Karibu!: benvidos!, en kiswahili. Benvidos ao FSM Nairobi 2007! Queredes o saúdo completo?: “Karibuni na mnaalikwa kuhudhuria Ukumbi wa Jamea Duniani unaofanyika hapa Nairobi”. Este VII Fórum Social Mundial foi, como era lóxico e resultou evidente, o Forum da afirmación da negritude, como digna condición racial sen racismo, e da presenza de África no mundo alternativo, como mosaico de povos, países, etnias e culturas con vontade de artellamento nunha identidade africana común sobre a base desa fabulosa diversidade interna. E máis a revelación dun denso, ricaz e potente tecido asociacionista cívico e social, en constante dinamismo expansivo –onde, por certo, as mulleres desempeñan un rol protagonista e de avangarda sobranceiro.POLA KENYA DO GREEN BELTXOSÉ MANUEL BEIRAS OFRÉCENOS UNHA VISIÓN DE KENYA CON MOTIVO DA VISITA E PARTICIPACIÓN DA DELEGACIÓN NACIONAL GALEGA AO VII FORO SOCIAL MUNDIAL, CELEBRADO EN NAIROBI ENTRE O 20 E 25 DE XANEIRO, E DÁ CONTA DA VIAXE AO NORTE KENIATA DA MAN DA PREMIO NOBEL E LÍDER DO MOVEMENTO GREEN BELT, WANGARI MAATHAI.
Kenya, trinta e catro millóns de habitantes nun territorio equivalente á Penínsua Ibérica. Tres millóns deles na capital, Nairobi, situada praticamente sobre a liña do ecuador e a uns 1.600 metros de altitude, a carón do borde leste do Great Rift Valley, a grande falla tectónica que fende de Sul a Norte a África oriental, dende a costa de Mozambique ao Mar Roibo, considerada hoxe o berce máis remoto do xénero humán, despois dos achádegos á beira do lago Turkana –que os “colonizadores” europeus aristocratizaran imperialmente co nome de Rodolfo. Máis de corenta etnias, entre elas os famosos Masai, que son porén unha das máis minoritarias: prepondera a dos Kikuyu, e logo os Kalenjin, os Luo, os Kamba. Varias delas son consideradas nilóticas, procedentes do norte, augas abaixo do Nilo, e nefeito a sua fasquía suscita a evocación das figuras humanas nas pinturas e baixorreleves exipcios. Fóra do inglés importado, e aparte do africán swahili –idioma bantú que é oficial– fálanse varias outras linguas, patrimonio en orixe de cadansúa etnia importante, como o kikuyu, o luo ou o lamba. A renda per capita rolda os 1.000 dólares –mais é un promedio, claro, e a sua distribución marca desigualdades abraiantes. Inda que en Nairobi disque as condicións sanitarias son boas –no centro e bairros acomodados da cidade, enténdese– ninguén ali bebe auga que non sexa mineral envasada e precintada, e as autoridades españolas recomendáronnos vacinarmonos contra a malária, o paludismo e a febre amarela. A SIDA atinxe ao 7% da poboación keniata. Kenya gañara a independencia no 1963, co liderádego do mítico Jomo Kenyatta, despois das loitas insurreccionais do famoso “mau-mau” no decenio anterior, ferozmente reprimidas polas forzas coloniais británicas. Constituíuse en república, co Kenya Africa National Union (KANU) como partido hexemónico, virtualmente único. Á morte de Kenyatta, o prolongado mandato do presidente Moi axiña derivou en ditadura de feito, brutalmente represora, e situación neocolonial arquetípica na urdime dos grandes poderes económicos británicos e ianquis combinados. Até o 2002. Nese ano, unha coalición plural de frente en arco-da-vella, a National Rainbow Coalition (NARC), gañou as lexislativas, derrotou a Moi, e levou ao seu líder, Mwai Kibaki, a presidir da República. O panorama mudou, agromaron as liberdades democráticas, a represión cesou. Mais non se resolveron aínda os primordiais problemas sociais e económicos: tres millóns de keniatas padecen fame estrema, mentras a produción de alimentos como millo ou fabas é suficiente para poder remediala; ou hai escaseza de auga potábel, mentras os recursos hídricos están a explotarse abusiva e incontroladamente. E na instancia política, a cultura democrática ten dificultades para abrirse camiño: a alta burocracia medra e a corrupución prolifera, mentras os representantes parlamentares dos cidadáns están entre os pior remunerados do terceiro mundo, e os proprios membros dos principais partidos non teñen moi claro o qué un partido é ou deba ser en termos ideolóxico-políticos. Porén, no seo da sociedade, o asociacionismo frolece e ten grande vitalidade, como se puxo de manifesto nas xornadas do FSM en Nairobi. Velaí algúns trazos, a brocha gorda, do país escollido polo Consello Internacional do FSM para celebrar os encontros deste ano, as sesións da VII edición do Foro Social Mundial. Despois das tres primeiras en Porto Alegre, levárase a cuarta a Mumbai, na India, para estimular a dinamización do movemento antiglobalización e alterglobalizador en Asia, facilitando a participación dos cidadáns dese continente e o protagonismo das suas orgaizacións sociais. Voltou a quinta a Porto Alegre, esgazouse a sexta en tres sedes continentais –Caracas, Karachi e Bamako (Malí)– e agora tocoulle a África o turno dun cumio mundial reunificado, por razóns análogas ás de hai tres edicións: daquela na India, este ano en Kenya. E así foi como chegamos algúns galegos a Nairobi o 20 de xaneiro, para participarmos nas sesións do VII FSM que durarían até o día 25. Nairobi está equidistante do monte Kenya, ao norte, e do Kilimanjaro, ao sul, xa en territorio de Tanzania, os dous cumes máis altos do continente africán. Co monte Elgon, ao oeste do Kenya, case á beira do lago Victoria, eses tres cumes tracexan no mapa un triángulo que marca os lindes do que ousaría chamar as terras altas, a grande rexión máis húmida, feraz e verdecente de Kenya, onde a combinación da proximidade ao ecuador coa altitude dá unha climatoloxía de temperaturas suaves e pluviosidade abondosa, tan acaída para un ricaz potencial agrícola, gandeiro e forestal como a da millor terra da zona templada do planeta.
Viaxándomos cara o norte de Nairobi –chegamos até uns 150 kms, ao macizo das Aberdares, nas estribacións meridionais do Kenya, para visitarmos comunidades labregas incardinadas no movemento do Green Belt fundado hai 30 anos pola Nobel Wangari Maathai. Eu coidaría estar nas terras galegas da Ulloa, por caso –millo, fabas, fentos, silveiras, agras de pasteiros– a non ser pola vexetación arbórea autótona. Pola autótona, dixen, porque tamén alí padecen o ataque das especies alóctonas invasoras e depredadoras dos solos. Aquela mañán pasmara, e coidara outravolta estar na Galiza, cando escoitara a Maathai espricarnos, moi circunspecta: “Eiqui están a invadirnos con especies exóticas –foi o termo que empregou– dende o norte, co pino, e dende o sul, co eucalito”. Esta mulller de sesenta e moitos anos, que ao vela de perto eu botaríalle por baixo dos 50, foi no seu tempo a primeira muller negra africana doutorada en bioloxía na metrópole do imperio. Vai para 30 anos que botou a andar o Green Belt Movement, unha orgaización en rede de grande pulo e longo alcanzo, deseñada sobre a base das comunidades labregas paisáns, para combater a deforestación indiscriminada, plantarlle cara á reforestación contra-natura, e levar adiante un vasto plan de repoboación forestal con especies indíxenas. As comunidades labregas, orgaizadas ao xeito das galegas comunidades de montes en man común, fan o ciclo completo da reforestación, dende a sementeira en viveiros que iles mesmos coidan, até a plantación das árbores novas. O “enpowerment”, como eles din, das comunidades básicas do seu mundo rural labrego, é o pear da revitalización social da sociedade campesiña, da sua autoeducación en capacitación agraria tamén. E a campaña permanente de rexeneración das forestas que levan adiante, como labor colectivo, é o combate ecoloxista de recuperación e salvagarda dos ecosistemas máis eficaz e aleicionador que podería imaxinar. Levan plantados máis de 30 millóns de árbores, e o Green Belt xa pasou as fronteiras de Kenya, a súa orgaización está a esparexerse por una trintena de países africáns. Sintín unha san envexa: moito teríamos que adeprender na Galiza dese modelo e desa experiéncia. Deberiamos convidar á Maathai a vir onda nós e colaborarmos reciprocamente. O goberno vasco de Ibarretxe xa o fixo, contoumo ela mesma cando lle dixen que eramos galegos: visitara Euskadi oficialmente convidada, mesmo estivera na Casa de Juntas de Gernika. Os vascos estudaron a experiéncia do Green Belt e, en contrapartida, contribuen con fondos ao labor da Matthai en Kenya. Iso son relacións exteriores solidárias sen embaixadas. Non sei se daremos feito nós, os galegos, outro tanto. APUNTAMENTOS EN NAIROBI• Entre os nomes dos pabellóns instalados na grande agra de Kasarani: Patrice Lumunba, Amilcar Cabral, Che Guevara, Chris Hani, Ruth First, Mekatili wa Menza, Thomas Sankara. Entre as primoirdiais áreas temáticas: auga, soberanía alimentar, débeda, educación, corporacións transnacionais, guerra(s), dereitos humáns, migracións e diáspora. Rótulos de algúns dos debates: Memoria de loitas e resistencia, Demistificación e derrota da SIDA, Democratizar o coñocemento e a información, Derrotar ao imperio para un mundo xusto e en paz, Soberanía dos povos, Bens comúns para unha vida común...• Mesmamente tres mulleres de tres diferentes continentes e culturas, as tres laureadas co Nobel da Paz, a keniata Wangari Matthai, anorteamericana Jody Williams, e a iraní Shirin Ebadi, protagonizaron un dos debates estelares deste Foro: “Mulleres a construíren outro mundo”. No recinto circular do polideportivo Kimathy, algo menor que o xa famoso Gigantinho de Porto Alegre, debullaron cómo o neoliberalismo exacerba o carácter patriarcal da sociedade e as desigualdades de xénero, e máis cómo as políticas ultraliberais enxendran a crecente pauperización e opresión das mulleres, especialmente na periféria do sistema.• O futuro do FSM estivo no corazón dos debates e as espectativas. Puidemos escoitar dialogaren, entre sí e cos participantes, a varias das máis lúcidas cabezas pensantes que seguimos a cotío, nas suas análises discursivas e diagnósticas, a traveso das revistas e publicacións do pensamento de esquerda actual no planeta. Mesmo tivemos a oportunidade de saudar e conversarmos con algunhas delas –como Inmanuel Wallerstein, Alex Callinicos, Samir Amin, Bernard Cassen, Cândido Grzybowski, Boaventura de Sousa Santos. Algúns diles son xa “vellos coñecidos” de noso nestes encontros. Anécdota pavera: cando abordei ao Sousa Santos –non tivera ocasión até agora, malia telo escoitado en Porto Alegre varias veces– espetoume: “Mas eu coñecérao xa a vostede xusto despois da revolución (dos cravos), cando viñera convidado a dar aulas á miña universidade de Coimbra”. Fiquei pampo, eu, e ficamos amigos, os dous. | ||||||
| < Ant. |
|---|











.gif)








Karibu!: benvidos!, en kiswahili. Benvidos ao FSM Nairobi 2007! Queredes o saúdo completo?: “Karibuni na mnaalikwa kuhudhuria Ukumbi wa Jamea Duniani unaofanyika hapa Nairobi”. Este VII Fórum Social Mundial foi, como era lóxico e resultou evidente, o Forum da afirmación da negritude, como digna condición racial sen racismo, e da presenza de África no mundo alternativo, como mosaico de povos, países, etnias e culturas con vontade de artellamento nunha identidade africana común sobre a base desa fabulosa diversidade interna. E máis a revelación dun denso, ricaz e potente tecido asociacionista cívico e social, en constante dinamismo expansivo –onde, por certo, as mulleres desempeñan un rol protagonista e de avangarda sobranceiro.





Josep M. Antentas e Esther Vivas-. Este 1 de xaneiro cunmpríronse quince anos do alzamento zapatista en Chiapas coincidindo coa entrada en vigor do Tratado de Libre Comercio (TLC) entre Estados Unidos, Canadá e México. A irrupción do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) desbaratou dunha plumada as pretensións do goberno corrupto e neoliberal de Carlos Salinas de Gortari de presentar a posta en marcha do TLC como o ingreso definitivo de México na "modernidade". Galvanizou a oposición a un Tratado que suscitara xa durante o seu proceso de negociación considerábeis campañas de rexeitamento e unha innovadora e interesante dinámica de coordinación transfronteiriza entre movementos, sindicatos e organizacións dos tres países concernidos.
Vicent Boix-. Do "republicanismo bananeiro" á crise alimentar. …é moi certo que se Henry puidese resucitar e sentar no seu escritorio á luz dunha candea, podería crear novas repúblicas para os seus contos: "As repúblicas soieiras", "As repúblicas independentes dos agrocombustíbeis", "as repúblicas da palma"… 