AGÊNCIA CARTA MAIOR Carta Maior é unha axencia de novas brasileira que presta especial atención aos movementos sociais. De feito, naceu durante o primeiro Foro Social Mundial, en 2001. Asemade, é un excelente medio para seguir a información de toda América Latina.
Dirixida por Flávio Aguiar, conta entre os seus columnistas con xente como Emir Sader, que xestiona un Blog moi visitado, Silvia Ribeiro, Marco Aurélio Weissheimer, Altamiro Borges ou Leonardo Boff. Carta Maior mantén tamén unha televisión dixital e mais unha radio.
ALAI: AMÉRICA LATINA EN MOVEMENTO A Axencia Latinoamericana de información é un organismo de comunicación que, dende 1977, está comprometido cos dereitos humanos, a igualdade de xénero e a participación cidadá no desenvolvemento e quefacer público de América Latina.
É un medio de referencia, moi relacionado co altermundismo e con ilustres colaboradores como Frei Betto ou Leonardo Boff. Amais de difundir información electrónica ten unha revista mensual e participa na Minga Informativa de Movementos Sociais (movimientos.org).
AMNISTÍA INTERNACIONAL Esta coñecida ONG realiza labores de investigación e acción centradas en impedir e pór fin aos abusos graves contra o dereito á integridade física e mental, a liberdade de conciencia e de expresión e a discriminación. É das poucas ONG que renunciou ás subvencións de gobernos e donacións de partidos políticos para manter a súa independencia. O seu traballo está ben reflectido na súa web, onde amais de informar das súas campañas publica informes e mantén unha sección de novas actualizada e un arquivo de documentación en liña –por países, rexións e temas– moi completo. Esteban Beltrán, o seu director en España, participa no simposio.
ATTAC Asociación para a Fixación de Impostos nas Transaccións Financeiras para Axudar aos Cidadáns. Hogano está presente en moitos países e as súas actividades son variadas: a OMC e as institucións financeiras internacionais, débeda, impostos nas transaccións financeiras, paraísos fiscais, servizos públicos, auga, zonas de libre comercio, etc. Participou na creación do Foro Social Mundial. Funciona como grupo de presión cidadá sobre a política e conta cunha enorme rede de páxinas web que fornecen de innumerábeis bases documentais en todos os temas. Un dos seus fundadores, Bernard Cassen, tamén director xeral de Le Monde Diplomatique, participa no simposio internacional ‘Pobre Mundo Rico’.
CEALCI O Centro de Estudos para América Latina e a Cooperación Internacional –CeALCI– créase por acordo do Padroado da Fundación Carolina para promover a investigación e o debate ao redor da realidade dos países en desenvolvemento en xeral, e de América Latina en particular, e para potenciar os estudos e propostas sobre o mellor xeito de enfrontar os problemas que afectan a estes países.
Traballa en investigación, formación e documentación. O Director do centro, Ignacio Soleto, intervén no simposio Pobre Mundo Rico.
CEIMIGRA O Centro de Estudos para a Integración Social e Formación de Inmigrantes é unha Fundación da Comunidade Valenciana. Entre os seus múltiples obxectivos destaca a creación dunha profunda conciencia solidaria entre as persoas de moi diferentes culturas.
Na web do Centro pódense consultar as súas actividades, que van dende o asesoramento para estranxeiros á formación. Conta tamén cun observatorio das migracións e cunha área de documentación. Joaquín García Roca, o seu director, estivo en Pobre Mundo Rico.
CENTRO TRICONTINENTAL Fundado en 1976 e dirixido por François Houtart, que tamén participa en ‘Pobre Mundo Rico’, o Centro Intercontinental é unha referencia para as loitas altermundistas de resistencia e difunde e axuda ás propostas alternativas do Sur.
Publica a revista Alternatives Sud, o informe anual O Estado das resistencias, dispón dun centro de documentación con máis de 500 xornais e revistas, a maioría de América Latina, Asia e África, e creou o Foro Social das Alternativas, un punto de encontro entre movementos sociais.
CES O Centro de Estudos Sociais foi creado en 1978 na Universidade de Coímbra. É unha prestixiosa institución científica no eido das cienciais sociais dirixida por Boaventura de Sousa Santos, que é tamén un coñecido activista do altermundismo.
A súa web delata o seu berce académico e fornece de moita documentación, amais de información sobre os labores de formación do centro. José Manuel Pureza, que entre outras cousas dirixe o Núcleo de Estudos para a Paz do CES, estará tamén no simposio ‘Pobre Mundo Rico'.
CHOIKE
Choike é o nome mapuche da Cruz do Sur, a constelación que axuda aos viaxeiros a atopar o seu camiño. É un proxecto do Instituto do Terceiro Mundo, con sede en Montevideo, destinado a mellorar a visibilidade dos contidos producidos polas ONG do sur. Así, as ONG poden difundir o seu traballo e á súa vez alimentarse de diversas fontes de información organizadas desde a perspectiva da sociedade civil do sur. Contén moita información sobre movementos sociais, ambiente, comunicación, institucións financeiras internacionais, así como boas seccións de novas e campañas.
COS PÉS NA TERRA Cos pés na Terra é unha revista electrónica galega –relativamente recente– para a información, a reflexión e o debate sobre medio ambiente e sustentabilidade, cuxo público principal son activistas do movemento ecoloxista e doutros movementos sociais.
De carácter participativo, orienta os seus contidos fundamentalmente cara a ecoloxía social, publicando artigos, entrevistas, reseñas, temas para o debate, etc. O seu consello de redacción, onde figuran por exemplo Xosé Veiras e Xan Duro, de Verdegaia, ou Xabier Simón, da Universidade de Vigo, mantén tamén un blog paralelo.
DIAGONAL Diagonal é un xornal de información de actualidade, debate, investigación e análise que grazas á participación de decenas de persoas en diferentes partes do mundo, edítase cada quince días. Ancorado na realidade dos movementos sociais que loitan por transformar a actual orde de cousas, preséntase como unha alternativa comunicativa seria, de calidade e con vocación de ter unha ampla difusión social. Moitos dos contidos, incluídos os de números atrasados, pódense consultar na súa web, malia que no proxecto prima o formato en papel.
FOCUS ON THE GLOBAL SOUTH Organización non gobernamental con sede en Bangkok que dirixe Walden Bello. A información da web, máis ca nada artigos de fondo, está orientada á investigación política, propugnación do activismo e á construción de alternativas ao neoliberalismo.
O obxectivo: a desglobalización. Xira principalmente ao redor de 5 eixes temáticos: defensa e reclamación do sector público, paz e seguridade, mercado, alternativas e temas da rexión asiática en específico. A meirande parte en inglés, mais tamén en portugués e español.
FORO MUNDIAL DAS ALTERNATIVAS É unha rede internacional de centros de investigación destinada a apoiar os proxectos emerxentes da converxencia internacional dos movementos sociais e outros actores da sociedade civil de base.
Un grande espazo de reflexión e coordinación que pon a disposición dos movementos sociais e das ONG, as ferramentas de información e análise sobre mundialización das resistencias, especialmente de alternativas políticas como Venezuela, Bolivia, Ecuador e Nicaragua. As súas figuras máis relevantes son François Houtart e Samir Amin.
FRIDE Fundación para as Relacións Internacionais e o Diálogo Exterior. Organización sen ánimo de lucro, con sé en Madrid, cuxo obxectivo é contribuír á consolidación da democracia, a paz, o respecto dos dereitos humanos e o desenvolvemento humano.
Realizan proxectos, estudos, análises, publicacións, debates e actividades de información tentando influír nas políticas públicas. O director xeral, Pierre Schori, participa no simposio, e tamén outros responsábeis do FRIDE, como Mariano Aguirre e Amélie Gauthier.
GRUPO DE ESTUDOS AFRICANOS O Grupo de Estudos Africanos da Univ. Autónoma de Madrid ten un triplo obxectivo. Dun lado, promover e divulgar a investigación e o coñecemento sobre a África Subsahariana; doutro, formar especialistas na realidade africana, e, para rematar, fomentar as relacións dos estudos africanos que se fan na universidade con grupos e institucións dedicados ao estudo ou a cooperación co continente.
Dedícase á formación mediante cursos, máster, seminarios, etc. Mbuyi Kabunda, membro do GEA, participa no simposio.
HEGOA Instituto de Estudos sobre Desenvolvemento e Cooperación Internacional, organización nacida como instituto universitario –Euskal Herriko Unibertsitatea– e asociación civil. Traballa na promoción do desenvolvemento humano. Presta servizos no eido da investigación e documentación, a educación para o desenvolvemento, a sensibilización, formación e capacitación e a asesoría e o apoio técnico. Conta cun portal de internet que, ademais da formación –mesmo con estudos de postgrao–, educación e sensibilización, dispón dun bo centro de documentación, cunha biblioteca dixital. En ‘Pobre Mundo Rico’, por parte de Hegoa, participa o seu presidente, Alfonso Dubois.
IEPALA Xurdido en 1958 e procedente da corrente de pensamento e acción chamada “Economía e Humanismo” da década de 1940, IEPALA realiza estudos socioeconómicos, socioculturais, políticos, estratéxicos, de relacións internacionais, e fai labores de formación, tecido de redes e cooperación internacional.
A súa misión é a da mellora radical da calidade de vida dos pobos e persoas que nos países de América Latina, África, Oriente próximo e algunhas rexións de Asia están a loitar contra o seu empobrecemento. O seu director, Carmelo García, participa no simposio ‘Pobre Mundo Rico’.
IGADI O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional é unha entidade independente sen fins de lucro que ten por obxecto a investigación dos problemas internacionais e a activación de estratexias que favorezan unha maior proxección de Galicia no mundo en tódolos dominios.
Conta cun Centro de Información e Documentación Internacional Contemporánea e a súa web fornece de textos, informes, relatorio de actividades, etc. Virxinia Romero e Roberto Mansilla, do Igadi, participan en ‘Pobre Mundo Rico’.
INSTITUTO TRANSNACIONAL O Transnational Institute de Ámsterdam é unha rede internacional de activistas-investigadores dedicada á análise crítica de problemas mundiais, con vistas a proporcionar apoio intelectual aos movementos que loitan por un mundo máis democrático, igualitario e sustentábel.
A web do TNI fornece de moita información e moi actualizada, tanto por medio de artigos, publicacións e informes como organizando eventos e xornadas destinadas a fomentar o activismo. Conta con prestixiosos colaboradores, como Susan George, Mariano Aguirre, Walden Bello, Marcos Arruda e Dot Keet.
IPS A Axencia de Noticias Inter Press Service (IPS) é unha das principais fontes mundiais de información sobre temas globais, mais cunha óptica alternativa. Conta co apoio dunha rede de xornalistas en máis de 100 países. Os seus clientes inclúen a 3.000 medios de comunicación e decenas de miles de grupos da sociedade civil, académicos e outros usuarios.
IPS concentra a súa cobertura de novas nos eventos e procesos globais que afectan ao desenvolvemento económico, social e político dos pobos e das nacións.
MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES É o espazo en internet da coordinadora nacional galega da Marcha Mundial das Mulleres, onde amais de atopar información sobre as actividades e obxectivos desta organización feminista, tanto en Galiza coma no eido internacional, temos toda a información sobre o VII Encontro Internacional da Marcha, que se vai desenvolver do 14 ao 21 de outubro en Vigo. Dende aquí calquera se pode achegar con facilidade a toda unha rede planetaria de loitadoras por medio de ligazóns a unha chea de colectivos e iniciativas.
MCCH Maquita Cushunchic Comercializando Como Hermanos é unha institución privada sen fins de lucro nacida en 1985 de comunidades eclesiásticas de baseen Quito (Ecuador). Traballa na comercialización comunitaria dos sectores rurais.
Como se pode ver na súa web promove a Socioeconomía Solidaria con redes locais autoxestionadas apoiando sistemas de financiamento, produción e comercialización alternativos. Entre as súas actividades está a agroexportación, a comercialización de alimentos tradicionais e artesanías ou o turismo responsábel. Mercedes Santana, da MCCH, participou en Pobre Mundo Rico.
MOVEMENTO SEM TERRA A web do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra é o mellor xeito de estar ao día sobre as actividades, denuncias e anhelos do, se cadra, movemento social máis grande do mundo.
Dispón de moita documentación histórica, artigos, entrevistas, publicacións, documentos audiovisuais e información sobre as actividades e campañas do MST, quer no eido brasileiro quer no eido mundial. A Coordinadora Nacional do MST, Idalice Nunes, virá a Galiza para participar no simposio ‘Pobre Mundo Rico’.
NODO 50 Nodo50. Contrainformación en la red, é un provedor de servizos de Internet sen ánimo de lucro orientado aos movementos sociais.
Desde 1994 vén proporcionando formación, contidos, e servizos comunicativos para centos de grupos e organizacións do amplo espectro da esquerda política e social do estado español e latinoamérica. En xullo de 2008 centralizaba 1240 organizacións. Asemade, a web fornece tamén de ampla información sobre convocatorias e novas dos movementos sociais antiglobalización.
OMAL Observatorio de Multinacionais en América Latina. É unha plataforma que fornece dun espazo múltiple de actividades: elaboración de informes, análises de datos, intercambio informativo, aulas de formación e sensibilización, así como de foros de denuncia en relación cos efectos da presenza das transnacionais españolas en América Latina.
Contén moitísima información que se pode buscar por países, empresas e temas. En ‘Pobre Mundo Rico’ intervirán por parte de OMAL Erika González e Pedro Ramiro.
PACS O Instituto de Políticas Alternativas para o Cono Sur é unha organización con sede en Río de Xaneiro que se dedica ao Desenvolvemento Solidario. Pon o traballo e a creatividade do seu equipo ao servizo dos movementos sociais, das entidades eclesiais, dos gobernos populares, dos grupos de produción asociada –cooperativas, empresas auto-administradas, grupos formais e informais, e escolas de traballadores–, das escolas públicas, etc. O seu portal electrónico conta con moitas publicacións de balde sobre economía solidaria. Marcos Arruda, o seu coordinador xeral, participa no simposio ‘Pobre Mundo Rico’.
PUEBLOS ‘Pueblos’ é unha publicación trimestral de información e debate, vencellada aos movementos sociais, unha aposta editorial pola solidariedade e a interculturalidade, cuxo fin é proporcionar unha mirada crítica sobre a realidade. A través das súas edicións impresa e dixital –actualizada quincenalmente–, pretende consolidar un instrumento de comunicación que sirva para axudar a afortalar e impulsar nexos entre organizacións do Norte e do Sur que traballan pola transformación social. Aloia Álvarez, membro do seu Consello de Redacción, participa en ‘Pobre Mundo Rico'.
REBELIÓN Un dos portais de prensa alternativa (en español) máis consultados da rede. Rebelión publica novas que non son consideradas importantes nos medios tradicionais.
Dende unha óptica moi de esquerda, está na liña de amosar os intereses que os poderes económicos e políticos do capitalismo agochan para manter os seus privilexios. Publica a cotío medio cento de contidos novos distribuídos por temas, territorios e autores, amais de contar cun equipo de tradutores, ‘vídeos rebeldes’ e ‘libros libres’. Unha historia deste portal pódese ler en: www.rebelion.org/noticia.php?id=10881
TRIODOS BANK Triodos Bank é unha entidade enmarcada no que se dá en chamar banca ética. Financia empresas, entidades e proxectos cun valor engadido no campo social, ambiental e cultural, grazas ao apoio de aforradores e investidores que optan por empresas que sexan responsábeis socialmente. Inviste só en empresas e iniciativas que, ademais de ser economicamente rendíbeis, achegan un valor engadido de carácter ambiental, social e cultural. Os investimentos van dirixidos a sectores como o das enerxías renovábeis, a tecnoloxía ambiental, a agricultura ecolóxica, a bioconstrución ou o turismo sustentábel. En Pobre Mundo Rico participou o Director de Desenvolvemento de Negocios, Carlos Bendito.
VÍA CAMPESIÑA
Portal do meirande movemento internacional de campesiños e campesiñas, pequenos e medianos produtores, mulleres rurais, indíxenas, traballadores rurais migrantes, xente sen terra, etc. Fórmana organizacións de 56 países de Asia, África, Europa e América.
A súa web é unha das mellores fontes de información sobre o activismo contra as negociacións da OMC, G8 e outras institucións internacionais. Centradas sempre ao redor da soberanía alimentaria, o desenvolvemento e a pluralidade dos pobos, as súas actividades abranguen centos de mobilizacións a nivel mundial.
XUSTIZA E PAZ Justícia i Pau é unha prestixiosa entidade cristiá que se dedica á sensibilización e información da cidadanía e á presión política sobre institucións gobernamentais e partidos políticos, mediante actividades diversas: campañas públicas, informes, edición de publicacións, organización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, intervencións nos medios de comunicación...
Na web, amais de informar sobre as súas actividades, amorea moita documentación sobre desenvolvemento, dereitos humanos, paz e desarmamento, pobreza, etc. O simposio Pobre Mundo Rico trouxo a Galiza ao presidente da súa Comisión Xeral de Xustiza, Arcadi Oliveres.
ZNET Walden Bello, Eduardo Galeano, Naomi Klein, Michael Albert, James Petras, Vandana Shiva, Noam Chomsky… os mellores pensamentos dos autores e autoras do altermundo podémolos atopar en ZNet, unha xigantesca revista electrónica orientada ao cambio social e centrada na loita contra todas as opresións de todo tipo.
Actualizada varias veces ao día, é sen dúbida un dos mellores sitios en internet no seu campo, pois non queda só na denuncia, senón que presenta propostas de cambio, informa os movementos populares, organiza observatorios da situación mundial, etc. |