Quen é quen no altermundismo
Altermundo   
Martes, 29 de Abril do 2008

CHICO WHITAKER

 Francisco Whitaker Ferreira (1931) é un activista católico, achegado á teoloxía da liberación, arquitecto e coñecido por ser cofundador do Foro Social Mundial. Traballou en proxectos de ordenación territorial para o Goberno brasileiro antes de se unir aos movementos de oposición contra o réxime militar en 1964, o que o levou ao exilio durante 15 anos. Traballou en Francia como investigador e consultor da Unesco e despois en Chile, para regresar a Brasil en 1982, onde militou no Partido dos Trabalhadores (PT) e chegou a ser concelleiro en São Paulo hasta 2003. Abandonou o PT en 2006 disconforme coa súa política. Como secretario executivo da Comisión Xustiza e Paz recolleu un millón de sinaturas para levar unha Iniciativa Lexislativa Popular ao Congreso contra a corrupción electoral e hoxe aínda forma parte do Comité Nacional do Movimento de Combate à Corrupção Eleitoral (MCCE). En 2006 recibiu o Right Livelihood Award (premio Nobel alternativo). O seu libro máis coñecido é O desafio do Fórum Social Mundial. Um modo de ver (Editora Fundação Perseu Abramo e Edições Loyola, 2005).

+ INFO: www.direitos.org.br/

MANU CHAO

 Jose Manuel Thomas Arthur Chao, máis coñecido como Manu Chao (París, 1961) é un músico franco-galego que se ten convertido, sen el pretendelo, nun dos símbolos dos movementos antiglobalización por mor do seu compromiso con moitas causas a escala mundial. Ten apoiado abertamente o EZLN (Exército Zapatista de Liberación Nacional) –incluíu frases do subcomandante Marcos nas súas letras–, a dos Sem Terra do Brasil, diferentes movementos okupas, ecoloxistas, de inmigrantes sen papeis, etc. Fillo do xornalista galego Ramón Chao, Manu fíxose coñecido co grupo de música alternativa Mano Negra para en 1998 emprender a aventura en solitario cun disco que foi un rotundo éxito: Clandestino. En 2001 publica Próxima Estación: Esperanza, en 2002 Radio Bemba Sound System, en 2004 Sibérie m’était contéee e en 2007 La Radiolina. Adoita cantar en varias linguas, mesmo dentro da mesma canción, e tende a mesturar estilos tradicionais de diferentes partes do planeta con rock, chanson francesa, salsa, punk, reggae, ska, raï alxeriano, etc.

+ INFO: www.manuchao.net | www.manuchao.com.mx

NAOMI KLEIN

 Naomi Klein (Montreal, Québec, 1970) é unha das xornalistas e investigadoras máis influentes no movemento antiglobalización. É economista política, xornalista e escritora. Colaborou como columnista para os xornais como o The Guardian, de Londres, e The Globe and Mail, de Toronto. Maniféstase influída polos pais, que pertenceron a un movemento hippie achegado ao anarquismo e ela mesma achégase aos postulamentos do municipalismo libertario. Froito das súas investigacións, escribiu tres libros moi importantes. No Logo (2001) convertiuse case na biblia dos antiglobalización, pois atacaba directamente á cultura do consumo describindo as operacións das grandes corporacións. Posteriormente publicou Fences and Windows –Valados e fiestras– (2003) e hai poucos meses  The Shock Doctrine –A doutrina do shock– (2007). Tamén fixo o guión do documental The Take –A Toma–, dirixido por Avi Lewis e centrado na toma dunha fábrica recuperada polos seus traballadores como xeito de loita en contra da globalización durante a crise arxentina.

+ INFO: www.naomiklein.org

BOAVENTURA DE SOUSA SANTOS

 Boaventura de Sousa Santos (Coímbra, 1940) é hogano un dos principais intelectuais na área das ciencias sociais, salientando a súa implicación no proceso do Fórum Social Mundial, de acordo co seu pensamento de que os movementos sociais son fundamentais para o control democrático das sociedades. Doutorado en Socioloxía do Dereito pola Universidade de Yale. Catedrático da Facultade de Economía da Universidade de Coímbra, Distinguished Legal Scholar da Universidade de Wisconsin-Madison e Global Legal Scholar da Universidade de Warwick. Asemade, é director do Centro de Estudos Sociais da Facultade de EconomÍa da Universidade de CoÍmbra, director do Centro de Documentação 25 de Abril da Universidade de Coímbra e director da Revista Crítica de Ciência Sociais. Ten escritos uns 40 libros, sendo tamén un prolífico articulista. Fórum Social Mundial: Manual de Uso (São Paulo, Ed. Cortez, 2005) é xa unha obra de referencia. O seu último libro: Para uma revolução democrática da justiça (São Paulo, Ed. Cortez, 2007).

+ INFO:
www.ces.uc.pt

SUSAN GEORGE

 Susan George é un dos referentes intelectuais dos movementos antiglobalización. Nacida en Massachusetts, Estados Unidos, estudou filosofía e letras na Sorbona de París e doctorouse en ciencias políticas. Adquiriu a nacionalidade francesa en 1994. Presidenta do Consello de Administración do Instituto Transnacional de Ámsterdam, dedicado ao estudo de relaciónelas Norte-Sur e do papel que en ambas as dúas zonas xoga a sociedade civil. Vicepresidenta do movemento ATTAC-Francia entre 1999 e 2006. Preside o Observatorio da Mundialización e participa do espírito do Foro Social Mundial de Porto Alegre. Foi tamén membro do Consello de administración de Greenpeace International (1990-1995). Entre os seus máis de corenta libros: Un autre monde est possible si... (Fayard, 2004), Pour ou contre a mondialisation libéralle (Grasset, 2002), Remettre l’OMC à sa place (Éds. 1001 Nuits, 2001) e o famosísimo Lle rapport Lugano (Fayard, 2000). O máis recente é Nous, peuples d’Europe (Fayard, 2005). Moita da súa actividade como articulista pódese consultar na web do Instituto Transnacional de Ámsterdam.


JOSÉ BOVÉ

 José Bové (Talence, Francia, 1953) é un sindicalista francés que provén do sector agrícola, activista moi relevante do altermundismo e voceiro da organización agraria internacional Vía Campesiña. Bové comezou a ser coñecido pola seu activismo antimilitarista  non violento, que lle levaría a ocupar terras na gran protesta contra a ampliación dun campamento militar en Larzac na década de 1970, loita que durou 11 anos. En 1981 funda o sindicato de campesiños (CNSTP) no Aveyron e en 1987 participa na creación do sindicato Confédération paysanne que logo englobaría na Vía Campesiña, a Internacional labrega que loita contra as liberalizacións da OMC. Dende entón as súas loitas activas, coa desobediencia civil por bandeira, abranguen dende as inxustizas do comercio internacional, aos transxénicos, a soberanía alimentaria ou a ocupación de Palestina. O asalto simbólico dun establecemento en construción de McDonald’s na periferia de Millau (1999), en protesta pola importación de carnes hormonadas, tivo gran repercusión mundial. Foi candidato á presidencia francesa en 2007.


FRANÇOIS HOUTART

 François Houtart (Bruxelas, 1925) é un sacerdote católico e sociólogo marxista belga, fundador do Centro Tricontinental (CETRI) que funciona na Universidade de Lovaina e director da revista Alternatives Sud. É unha das figuras máis recoñecidas do movemento altermundialista e do Foro Mundial das Alternativas. Neto do conde Henry Carton de Wiart (1869-1951), un dos dirixentes do Partido Católico e pioneiro da democracia cristiá, Houtart é licenciado en ciencias políticas e sociais da Universidade Católica de Lovaina e tamén doutor en Socioloxía da Universidade lovaniense, onde el foi profesor desde 1958 ata 1990. Estivo moi ligado ao movemento da Teoloxía da liberación no tempo da revolución sandinista de Nicaragua. Ten máis de 50 libros publicados e centenas de artigos. Entre eles: El cambio social en América Latina (1964), Sociología de la religión (1992 e 2006), L’Autre Davos (1999), Mondialisation des Résistances. L’Etat des luttes (2000), La tiranía del mercado (2001), África codiciada. El desafío pendiente (2007) e La ética de la incertidumbre en las Ciencias Sociales (2006).
+ INFO: www.cetri.be | www.forumdesalternatives.org


FREI BETTO 

 Carlos Alberto Libânio Christo (Belo Horizonte, Brasil, 1944). Escritor, xornalista, filósofo e teólogo. Profesou na Orde Dominicana. Trátase dun dos máis coñecidos adeptos á Teoloxía da Liberación e un influente militante de movementos sociais e pastorais. Foi asesor do presidente Lula da Silva, coordinando o programa Fome Zero, e do goberno de Cuba nas relacións Igrexa Católica-Estado.

Preso durante catro anos na ditadura, Betto recibiu varios premios pola súa actuación en prol dos dereitos humanos (Fundación Bruno Kreisky, de Viena; Paolo E. Borsellino, de Italia) e tamén polos seus libros (Cámara Brasileira do Livro e União Brasileira de Escritores). É membro do Institute for Critical Research (Ámsterdam) e director da revista latino-americana America Libre. Autor de máis de 40 libros: Entre todos os homens, Hotel Brasil, A obra do Artista – Uma  visão holística do Universo, Essa escola chamada vida (todos en Ática); Batismo de sangue (Casa Amarela), Mística e espiritualidade (en co-autoría con Leonardo Boff), Contraversões (en co-autoría con Emir Sader, Boitempo).


WALDEN BELLO

 Nacido en Manila (Filipinas) en 1945, trátase dun prolífico e influente activista dende que en 1972 Ferdinand Marcos establecera a Lei Marcial. En 1978 foi apresado pola toma non violenta do consulado filipino en San Francisco. É director executivo de Focus on the Global South (www.focusweb.org), profesor de socioloxía e administración pública na Universidade de Filipinas e colaborador en numerosos medios de prensa, publicacións de economía e institutos que estudan e se opoñen á globalización, como o prestixioso Transnational Institute de Ámsterdam. Doutorado en socioloxía na Universidade de Princenton (EUA), en 2003 recibiu o Right Livelihood Award –premio Nobel alternativo– por “ser un dos principais críticos do actual modelo de globalización económica, combinando labores de intelectual e activista”. Ten escrito decenas de libros e artigos analizando modelos económicos alternativos. A súa crítica do milagre económico asiático (Dragons in Distress) foi escrita 6 anos antes do colapso financeiro que asolou a rexión.

+INFO: www.tni.org/detail_page.phtml?&act_id=16257



MICHAEL ALBERT

 Veterano activista, orador e escritor norteamericano, editor de ZNet (www.zmag.org), coeditor e cofundador de Z Magazine e cofundador de South End Press. Moi crítico coa política exterior e económica estadounidense e cos medios de comunicación de masas, escribiu, e escribe, numerosos libros e artigos de variada temática antisitema, o alternativa. Xunto con Robin Hahnel desenvolveu a proposta económica chamada Economía Participativa (www.parecon.org). Esta desafía os fundamentos da teoría económica tradicional e pretende ser unha alternativa ao capitalismo actual. Propón unha sociedade que non se organiza nin por medio do mercado nin da planificación central, nin por medio da competitividade nin do control, senón por medio da planificación participativa e a colaboración. Algúns dos libros de Albert en inglés atópanse online en Znet: What is to be Undone, Looking Forward, The Political Economy of Participatory Economics, Talking About a Revolution. Acaba de publicar Remembering Tomorrow (www.zmag.org/remtom.html).


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >