Iniciativa pola Soberania Alimentar dos Pobos
Foro Social Galego
Dicionario do Altermundo
Altermundo   
Martes, 29 de Abril do 2008

Verbas, siglas e acrónimos clave para entender como vai o mundo… que se coce no mundo…

ADPIC

Acordo sobre os Aspectos dos Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio (en inglés, TRIPS). É un anexo do Convenio polo que se crea a OMC (Organización Mundial do Comercio) en 1994. Non só protexe a propiedade intelectual de autores, artistas ou emisións de radio e televisión, tamén xestiona as políticas de patentes sobre principios activos de menciñas, sobre os OMX (Organismos Modificados Xenéticamente) e sobre os seres vivos (biopiratería). É unha das normas máis controvertidas da OMC, especialmente no referentente ás patentes de 20 anos sobre as innovacións farmacéuticas, ás que se acusa de non permitir o acceso e fabricación de medicamentos xenéricos aos países en desenvolvemento.


AGP

Acción Global dos Pobos. Rede de movementos de base creada en Xenebra en 1998 para facer fronte á OMC e ao mercado global. A dita alianza, que é un instrumento de coordinación –non de organización–, rexeita tamén os tratados de libre comercio, manifesta unha actitude confrontativa e chama á desobediencia civil pacífica e á creación de alternativas locais como resposta á acción dos gobernos e transnacionais.

+INFO: www.agp.org



ALCA

Área de Libre Comercio das Américas. Proxecto de integración comercial para o continente americano argallado polos EUA. Segue as regras doutros tratados de libre comercio (TLC): reducións alfandegueiras, desregulacións,  privatizacións, patentes, etc. A súa creación está atopando atrancos na oposición de moitos gobernos e movementos sociais, que só ven nel un instrumento imperialista dos EUA. Hugo Chávez, principal opositor, propón para substituíla a ALBA (Alternativa Bolivariana das Américas), na que integraría a Cuba, ao contrario que a ALCA.


AMI

Acordo Multilateral sobre a Inversión. Acordo negociado en segreto pola OCDE dende 1995 que pretendía regular a actuación das empresas no estranxeiro dándolle os mesmos dereitos que ás empresas locais. Contra a sinatura do AMI xurdiu unha das primeiras grandes protestas dos movementos sociais a nivel global, especialmente en Francia e por medio de internet, de xeito que o acordo morría antes de nacer, en 1998. Un dos primeiros éxitos dos antiglobalización.

+INFO: http://free-news.org/NOM_tercermundo_02.htm



ANTIGLOBALIZACIÓN

Movemento social internacional –movemento de movementos– que xorde como resposta á globalización neoliberal, tanto organizando protestas masivas como  procurando alternativas (altermundismo). É unha rede de redes moi hetereoxénea e de carácter horizontal, sen líderes nin xerarquías.


AOD

Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Corresponde ás doazóns e préstamos concedidos en condicións financeiras privilexiadas, acordados por organismos públicos do Norte global. Un préstamo outorgado a unha taxa inferior á do mercado xa é considerado AOD, malia que logo o país beneficiado devolva até o último céntimo. Os préstamos bilaterais condicionados –obrigan ao país beneficiario a mercar produtos ou servizos ao país prestamista– e a maior parte das deducións da débeda tamén son AOD, que sempre están “condicionadas” á redución do déficit público, as privatizacións, a boa conduta ecolóxica, a democratización, etc., condicións definidas polos gobernos do Norte e a parella Banco Mundial/FMI.
+INFO: www.cadtm.org


APEC

 Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico. Fundado en en 1989, trata temas relacionados co intercambio comercial, coordinación económica e cooperación entre os seus integrantes, actualmente 21 países da conca do Océano Pacífico, dende Australia a Brunei, Canadá, Indonesia, Malaísia, Chile, México ou Nova Guinea. Pretenden, en 2020, crear a máis importante zona de libre circulación de bens do mundo, pois agrupan o 56% da produción mundial e o 46% do comercio global.

+INFO: www.apecsec.org.sg



ATTAC

Asociación pola Tasación das Transaccións e pola Axuda aos Cidadáns. Movemento internacional que promove o control democrático dos mercados financeiros e das institucións que os controlan. Naceu en Francia en 1998. ATTAC sostén que as trasnacionais e quen acatan as súas decisións contribuíron a reducir o poder dos electorados nacionais sobre as súas economías. Propón por exemplo o control dos mercados financeiros mediante mecanismos como a Taxa Tobin, a supresión dos paraísos fiscais e a condonación da débeda externa dos países do terceiro mundo.

+INFO: www.attac.org



AXCS

 Acordo Xeral sobre o Comercio dos Servizos (en inglés, GATS) da OMC. Unha das ameazas máis graves da globalización. Pretende regular, ou privatizar, o sector de servizos a nivel mundial. Agrupa a 160 subsectores e actividades: telecomunicacións e tecnoloxías da información, ambientais (augas, lixo, protección da paisaxe…) enerxía, turismo, educación, sanidade, cultura, transportes, servizos bancarios e financeiros… Leva a unha liberalización progresiva que incluirá até os servizos máis básicos. Nos documentos, por exemplo, o Salario Mínimo e a Seguridade Social son tratados polos negociadores como “atrancos técnicos ao comercio”.

+INFO: horsagcslogo.chez-alice.fr



AXUSTAMENTO ESTRUTURAL

Un programa de axustamento estrutural é a condición imposta polo FMI e/ou o Banco Mundial a un país para darlle respaldo destinado a afrontar un problema de pagamentos internacionais. Xurdiron a comezos da década de 1980 como resposta das institucións de Bretton Woods á crise da débeda e intentan corrixir o que se consideran excesivos déficit dos orzamentos públicos e da balanza de pagamentos. Son plans de austeridade. Co pretexto de eliminar a pobreza e instaurar a democracia impoñen políticas neoliberais si ou si. Para entrar neles esíxese o fomento da competencia, o control da inflación reducindo o gasto social, a apertura liberalizacuión do mercado, a devaluación das moedas locais, a privatización de empresas públicas, etc.

+INFO: www.choike.org



BANCO MUNDIAL

 Creado en 1944 en Bretton Woods, no marco do novo sistema monetario internacional, para axudar á reconstrución de Europa despois da II Guerra Mundial mediante créditos. No entanto, unha vez rematada a súa función seguíu a facer empréstitos aos países pobres. Para os altermundistas é, xunto ao seu “irmán xemelgo”, o Fondo Monetario Internacional –FMI –, o principal responsábel da débeda inxusta, e as máis das veces ilexítima, que esgana á poboación dos países en desenvolvemento, de xeito que a función para a que foi concibido ultrapasouse de cheo. Posúe un capital achegado polos países membros –185 membros nos que impera a máxima “un dólar, un voto”– aos que dá empréstitos no mercado internacional de capitais e financia proxectos sectoriais, públicos ou privados, con destino aos países do Terceiro Mundo e aos países antes chamados socialistas. De acordo co FMI, o Banco impón cada vez máis a posta en marcha de políticas de axustamento estrutural, destinadas a equilibrar a balanza de pagamentos dos países, impoñendo a redución do déficit orzamentario, a mobilización do aforro interno, os investimentos estranxeiros e moitas liberalizacións de servizos públicos e de entrada de capitais.

+INFO: www.worldbank.org


BANCO DO SUR

Fondo monetario, banco de desenvolvemento e organización de crédito proposta por Hugo Chávez para a integración latinoamericana. Foi constituído o 9 de decembro de 2007 por Venezuela, Arxentina, Brasil, Bolivia, Ecuador, Paraguai e Uruguai. Chile participa como observador e Colombia xoga a querer entrar primeiro e desistir despois. O capital inicial será de 7.000 millóns de dólares. Nace como alternativa ao Fondo Monetario Internacional –FMI–, ao Banco Mundial e ao BID con conceptos como “un país, un voto”, independentemente dos cartos achegados, igualdade, equidade e xustiza social. A súa sede será Caracas, con dúas subsedes, unha en Bos Aires e outra na Paz.

+INFO: www.cadtm.org


BID

 Banco Interamericano de Desenvolvemento. Organización financeira internacional con sede en Wáshington creada en 1959 para financiar proxectos de desenvolvemento e promover a integración comercial da rexión de América Latina e o Caribe. É o banco rexional de desenvolvemento máis grande do mundo. Aínda que non garda relación co FMI ou co Banco Mundial traballa dun xeito similar. Conta con membros “non prestatarios” –entre outros a Unión Europea, Estados Unidos, Israel, Xapón, Suíza– que non reciben financiamento pero se benefician vía servizos.

+INFO: www.iadb.org  

BRETTON WOODS

Os Acordos de Bretton Woods son as resolucións da Conferencia Monetaria e Financeira das Nacións Unidas, realizada no complexo hostaleiro de Bretton Woods (Nova Hampshire, EUA), xa rematando a II Guerra Mundial, entre o 1 e o 22 de xullo de 1944. En Bretton Woods establecéronse as regras para as relacións comerciais e financeiras entre os países máis industrializados do mundo. Definíase un novo sistema monetario mundial que se materializou na creación do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional –FMI– e no uso do dólar –e a súa convertibilidade en ouro– como moeda internacional.

+INFO:
en.wikipedia.org/wiki/Bretton_Woods_system

CLUB DE LONDRES

Reúne aos bancos privados que posúen créditos sobre os estados e as empresas da periferia. Durante os anos 70’, os bancos de depósitos transformáronse na principal fonte de crédito internacional dos Países en Desenvolvemento (PED), cando estes últimos detentaban xa máis do 50% do total de créditos acordados. Reúnese para coordinar o reescalonamento da débeda dos países debedores e funcionan como comisións consultivas aconsellando aos países debedores para que adopten políticas de estabilización e soliciten o apoio do FMI, antes de solicitar un reescalonamento ou demandar cartos frescos ante os bancos.

+INFO: www.cadtm.org

CLUB DE PARÍS

 Creado en 1956, trátase dun grupo de estados acredores especializados no non pagamento da débeda por parte dos PED. Non permiten aos PED negociar en conxunto, senón que presionan a cada país por separado. A presidencia recae tradicionalmente nun francés. Os seus membros posúen PRETO do 30% do stock da débeda do Terceiro Mundo e reescalonaron a débeda de 70 países acredores. Esta moi vencellado indirectamente ao FMI, que ten un rol clave na estratexia da débeda do Club. Recíprocamente, a acción do Club preserva o estatuto de acredor privilexiado do FMI e a condución das súas estratexias de axustamento estrutural nos PED.

+INFO: www.clubdeparis.org

CHIAPAS

 Quen di Chiapas di activismo, resistencia, antineoliberalismo, autoorganización e solidariedade internacional. Os pobos indíxenas do estado mexicano de Chiapas rebeláronse en 1994 por mor da sinatura do Tratado de Libre Comercio de América do Norte, reclamando as súas terras na chamada "guerra contra o esquecemento" do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN). Estableceron os Municipios Autónomos Zapatistas (caracois) que operan fóra da lei mexicana e crearon un sistema de autosuficiencia económica e a solidariedade entre comunidades que é un exemplo para o mundo. Moitos consideran que o nacemento do altermundialismo tivo lugar en 1996 co Primeiro Encontro Intercontinental pola Humanidade contra o Neoliberalismo. Máis de 3.000 activistas dos 5 continentes acudiron á chamada de: "Isto non é necesario para conquistar o mundo. Isto é suficiente para facer un novo". Nacía unha rede intercontinental de resistencia para a humanidade que empregaba un discurso nunca antes escoitado, con visión global dos problemas, que valoraba a diversidade e que pretendía gobernar sen tomar o poder. Despois da iniciativa zapatista artéllase unha proposta para organizar unha Acción Global dos Pobos –ou Movemento de Resistencia Global (MRG).

+INFO: enlacezapatista.ezln.org.mx | chiapas.indymedia.org | www.ezln.org.mx | zeztainternazional.ezln.org.mx

COMERCIO XUSTO

 Xurdido nos Países Baixos en 1969 é un xeito alternativo de comercio fomentado por ONG e movementos sociais. Inténtase evitar as grandes diferenzas entre o prezo que pagan por un produto os consumidores do primeiro mundo e o diñeiro que se lles paga aos seus produtores no terceiro mundo. Polo xeral os produtores forman parte de cooperativas ou organizacións e funcionan democraticamente, rexeitase a explotación infantil e respéctase a igualdade de xénero e os dereitos humanos, o prezo que se lles paga aos produtores permite condicións de vida dignas, valórase a calidade, a produción ecolóxica e o respecto ao medio ambiente, búscase o xeito de evitar intermediarios entre produtores e consumidores e infórmaselles a estes sobre a orixe do produto.


CONFERENCIA DAS NACIÓNS UNIDAS PARA COMERCIO E DESENVOLVEMENTO

 (UNCTAD, siglas en inglés). Foi creada en 1964 baixo a presión dos países en desenvolvemento para facer contrapeso ao GATT (Acordo Xeral sobre Aranceis e Comercio), antecesor da OMC.

 +INFO: www.unctad.org

 


 CONSENSO DE WÁSHINGTON

 A expresión Consenso de Washington atribúeselle a John Williamson en 1989, cando traballaba para o Banco Interamericano de Desenvolvemento. Refírese a todas as institicións que teñen sede na capital dos EUA e que, ao cabo, dominan a globalización neoliberal: FMI e BM, pero tamén a Reserva Federal ou o propio Congreso dos EUA. Williamson fixo referencia a un decálogo de medidas económicas a aplicar: disciplina fiscal, reordenamento das prioridades do gasto público, reforma impositiva, liberalización dos tipos de xuros, unha taxa de troco competitiva, liberalización do comercio internacional, liberalización da entrada de investimentos estranxeiros directos, privatizacións, desregulamentacións e dereitos de propiedade.

+INFO: en.wikipedia.org/wiki/Washington_Consensus

CUMIO DA TERRA

 Así coñeceuse a Conferencia de Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento de Río de Xaneiro en xuño de 1992. Os principais logros foron o acordo sobre a Convención Marco da ONU sobre o Cambio Climático, que máis tarde levaría ao Protocolo de Kioto e o Convenio da Diversidade Biolóxica.

+INFO: www.un.org
 

 


DAVOS

 Cidade e comuna suíza do cantón dos Grisóns famosa por ser a sede do Foro Económico Mundial (FEM), no que cada xaneiro se reúnen as elites políticas e económicas do mundo. En contraposición a el naceu en 2001 o Foro Social Mundial en Porto Alegre. O Foro de Davos foi creado en 1971, teoricamente para “contribuír na resolución dos problemas da nosa época”, mais os movementos antiglobalización acúsano de mirar só polos intereses das transnacionais.


O OUTRO DAVOS

 A principios de 1999, coincidindo coa celebración do FEM, celebrouse por iniciativa de ATTAC o encontro “O outro Davos” na mesma localidade, á que asistiron movementos sociais representativos das loitas anticapitalistas dos cinco continentes: Movimento Sem Terra do Brasil, sindicatos obreiros de Corea do Sur, Federación de Campesiños de Burkina-Faso, Movemento de Mulleres de Québec e Movemento dos Desempregados de Francia, así como analistas, politólogos, intelectuais, etc. Da xuntanza xurdiron boa parte das propostas de alternativas ao neoliberalismo que asumen hoxe os movementos sociais mundiais.

+INFO: www.attac.org

 DÉBEDA EXTERNA

 É a suma das obrigas dun país con respecto doutros, a miúdo a través do FMI e o Banco Mundial. Malia os 4,5 billóns de dólares que pagaron entre 1980 e 2001, os países en desenvolvemento teñen hoxe a débeda cuadriplicada. No canto de ser o Norte o que axuda ao Sur, é o Sur o que financia ao Norte. Entre 1983 e 2001 pagaron 368.000 millóns de dólares máis do que recibiron en créditos. Para entender isto hai que remontarse ao colonialismo. Os europeos espremeron o Sur establecendo abusivos sistemas de explotación das materias primas. Logo da descolonización, os países pobres tiveron que aceptar créditos, agravándose en 1960, cando o BM estimulou a petición de máis préstamos a baixos xuros, pero variábeis, e coa Guerra Fría, na que as superpotencias favoreceron réximes corruptos e ditatoriais. Coa suba do petróleo de 1973 e a dos intereses de 1979 a débeda fíxose inasumíbel. En 1982 México anunciaba a suspensión dos pagamentos. Entón o FMI creou as políticas de axustamento estrutural, con préstamos condicionados á liberalización dos mercados. Para os antiglobalización o BM, o FMI e o Club de París mudaron nunha mafia global de prestamistas. Consideran ilexítima a débeda, contraída ás veces por gobernos impostos e sen valorar séculos de explotación colonial. Quen debe a quen?.


DEMOCRACIA REPRESENTATIVA

É a forma de democracia baseada na elección por sufraxio universal de representantes encargados de tomar e executar as decisións.


DEMOCRACIA PARTICIPATIVA

Pode definirse como un modelo político que facilita aos cidadáns a súa capacidade de asociarse e organizarse de xeito que poidan exercer unha influencia directa nas decisións públicas (referendos ou outras iniciativas de consulta, asemblearismo...).

+INFO: www.democraciaparticipativa.net

DEPRECIACIÓN

Diminución do valor da moeda nacional en relación a outras moedas por mor dunha contracción da demanda polos mercados desta moeda nacional.

+INFO: www.cadtm.org

DESENVOLVEMENTO SOSTÍBEL

Malia que xa Ramonet e Chao apuntan á orixe platónica do concepto no seu Abecedario (subxectivo) da Globalización, o termo xurdiu nos 80’ en Estados Unidos e foi universalizado no Cume da Terra de Río de Xaneiro en 1992. Fai referencia a un sistema económico que responda ás necesidades do presente sen pór en perigo a capacidade das xeracións futuras de respostar ás súas propias. Vaia, a conxugar desenvolvemento económico e preservación do medio ambiente.

+INFO: www.unep.org

Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.
Galicia Hoxe
ibase