Entrevista á Plataforma de Seráns
Marcos S. Pérez   
Mrcores, 24 de Outubro do 2007

 Javier Fontao é portavoz da Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns, que agrupa aos veciños deste lugar do Concello de Porto do Son moi próximo a Corrubedo.

[GZnación]

Os veciños de Seráns están entre os milleiros de afectados polo plano acuícola que pretende poñer en marcha a Xunta en toda a costa galega. En concreto, o proxecto de Seráns implica convertir unha pequena piscifactoria nunha megaplanta, que ademais se situaría a un quilómetro e medio do Parque Natural de Corrubedo. Veciños, Concello e mesmo os propietarios da actual piscifactoría rexeitan a ampliación. Así e todo, o proxecto segue adiante. ¿Para beneficiar a quen?

En Seráns xa hai unha planta acuícola, agora proxéctase unha grande ampliación...

Si, esta planta leva aquí dende 1991, e naceu como cetárea. E dende entón estivo sempre enganando: é unha caza-subvencións. Os actuais propietarios son os terceiros que tivo dende entón, os outros quebraron aos poucos meses: instalábanse, recibían subvencións da Xunta, e aos seis meses deixaban de pagarlles aos traballadores, e de aboar os impostos, e declaraban a quebra. Agora están traballando, pero moi pouco. É unha planta pequena e nin sequera funciona a plena capacidade. O plano acuícola plantexa unha ampliación tremenda: dos 29 mil metros cadrados de superficie que ten actualmente, até os 112 mil metros cadrados.

En Seráns todos están de acordo en rexeitar o proxecto: os veciños e todos os grupos do Concello, que aprobaron por unanimidade unha moción, ¿non é?

Si, o noso caso sería o máis doado de resolver, porque todas as partes están de acordo: os veciños non queremos a ampliación, o concello tampouco e de feito todos os grupos do pleno votaron en contra do plano acuícola, mesmo o PSOE, e a ampliación tampouco a quere a empresa. A paralización nesta situación debería ser case automática. Os actuais propietarios da planta non queren ampliar a súa superficie, só queren seguir traballando nas condicións actuais.

¿Pero entón para quen se fai o proxecto de ampliación?

O que pretende facer o plano acuícola da Xunta é recalificar os terreos que rodean á planta, para que pase a ser solo industrial de uso acuícola. Os actuais propietarios rematan a concesión no 2011. Nese momento, podería vir calquera das multinacionais do peixe, como Stolt ou Pescanova, e construír unha megaplanta. Para eles está feito o plano.

¿De quen son os terreos?

De particulares, dos veciños

¿Houbo xa contactos para mercarvos as terras?

Non, aquí non. Todos os veciños tivemos unha xuntanza e decidimos unanimidade que non iamos vender as terras.

¿En que aspectos baseades o voso rexeitamento á planta?

O plano acuícola establece que non se deben establecer plantas naqueles lugares onde haxa un claro rexeitamento social. E en Seráns todos estamos de acordo en rexeitar a construción dunha megaplanta. Ademais, a planta instalaríase a quilómetro e medio do Parque Natural de Corrubedo, cos prexuízos que a planta lle pode ocasionar ao espazo protexido. E por último, en todos os informes fálase de que dúas plantas non poden ser rendibles se están a menos de cinco quilómetros unha da outra. E a planta de Seráns estaría a un quilómetro da de Corrubedo, que sería unha das meirandes de Europa

¿Notastes prexuízos para a pesca, o marisqueo, pola actividade da planta até agora?

Si, o certo é que tanto os percebeiros de Aguiño, que son os que veñen ás pedras de Seráns, como os pescadores aficionados, din que se recolle moito menos ca antes. Os mexilóns son máis pequenos, tamén, e hai menos peixes, e os que hai son peixes carroñeiros, como os muxes.

¿Canta xente traballa na planta?

Tres persoas.

¿De Seráns?

De Seráns só é o vixilante.

¿O apoio da xente é impresionante, verdade?

Si, estamos todos moi unidos. E seguimos sorprendidos coa resposta dos veciños. En dous meses recollimos máis de oito mil sinaturas entre oito persoas. E na parroquia nosa somos 1.300 veciños, tan só. Tamén houbo moito apoio para recoller cartos entre todos, para pagar o avogado, por exemplo.

¿A Consellería segue sen responder á vosa petición de reunirvos coa conselleira?

Si. Só enviaron a un técnico, que se reuniu con nós e co alcalde.

¿Sodes optimistas? ¿Credes que o plano se pode paralizar, ou que cando menos se pode paralizar o proxecto de Seráns?

Penso que na Consellería van agardar a ver que pasa na manifestación do 4 de novembro. Creo que vai ser difícil paralizar o plano no seu conxunto, porque Touriño está moi implicado no asunto. Pero é posible que poidamos parar moitos proxectos, como o de Seráns.

¿Esperades moito apoio na manifestación?

É difícil, porque estas son vilas pequenas, pero a xente vaise concienciando. Eu tamén pensaba ao comezo que unha empresa que non botaba fume por unha cheminea non contaminaba, pero as plantas acuícolas si que contaminan, provocan unha contaminación silenciosa. Eu non digo que non poida ser unha industria limpa, pero non como se fai aquí, e como se quere facer. Non se depuran as augas, nin se controlan os vertidos, e ningunha planta actualmente ten permiso de Augas de Galicia.

Sorte e ánimo


Marcos S. Pérez
Sobre o autor ou autora:
 
< Ant.   Seg. >