| Manoel Santos: "A solución do mundo está nos movementos sociais" |
| Manoel Santos | |
| Mrcores, 24 de Outubro do 2007 | |
|
A prensa é como dicía Ramonet: "O negocio xa non consiste en venderlles información aos cidadáns, senón en venderlles cidadáns aos anunciantes". A cita empréstanola para a ocasión Manoel Santos, director do suplemento de GALICIA HOXE Altermundo (www.altermundo.org, como plataforma virtual alternativa) un dos relatores do simposio "Pobre Mundo Rico" organizado polo Clube Internacional de Prensa que dirixe Carmen Carballo. Biólogo, escritor e militante polo outro mundo posíbel, Santos respondeu onte en Pontevedra á pregunta: Informar, alarmar, concienciar: A que xogan os medios; unha mesa redonda na que tamén participaron Aloia Álvarez, da Revista Pueblos e Carlos Martínez, de Rebelión.org. Polas páxinas de Altermundo transitan voces invisíbeis, sociedades ocultas, planetas agochados. É unha rara avis alzada no centro dun xornal, o GALICIA HOXE, "que mira cada día máis os territorios vetados noutros medios, unha excepción, que lle dá voz a quen non a ten, e iso é absolutamente infrecuente. É un medio tradicional pero non se comporta como tal e, ademais, asume o risco de informar en galego", en palabras de Manoel Santos. Porque a que é que xogan os medios? "A vender -explica rotundo-. Falamos dos medios tradicionais, claro. Hoxe en día a información funciona pola lei económica da oferta e da demanda, o neoliberalismo salvaxe, e o éxito da prensa mídese pola cantidade de publicidade que contén. A publicidade é como un novo medio de comunicación. Os medios xogan moi pouco a informar. Xogan coas audiencias, coas mentes. Son os aliados perfectos dos políticos e do sistema neoliberal". O éxito da globalización radica no control dos medios e desvirtúa o escenario da cultura democrática, á vez que reduce a creatividade social e a resposta política, por unha sobreabundancia dos fluxos informativos dirixidos, cuxa presión ideolóxica sobre o tempo social reduce sensíbelmente a capacidade crítica dos cidadáns. "Sabemos que temos dereito á información e que este non se cumpre, pero non dicimos absolutamente nada", di Santos, para quen a absorción da cidadanía dos países do Norte ao modelo neoliberal é unha das manobras de máis difícil solución. Para Santos, a solución do mundo está nos movementos sociais, na rúa, porque a prensa renunciou a ser o contrapoder, unha función primixénea que abandonou para ser engolida polo sistema neoliberal e asinar un concubinato con el. "Non existe a separación dos tres poderes e a xustiza non é independente -continúa o escritor-. A xustiza existe, pero canta xustiza podes pagar?, que din os estadounidenses. Pois a prensa volveuse un brazo máis dese modelo ao asumir a compravenda de información como lei. O contrapoder son os movementos sociais". Nese cambio de rumbo hai un dato especialmente significativo, tirado do Pew Research Center for People and the Press: a porcentaxe de cidadáns que confía nos medios pasou do 67% en 1987 ao 38% no 2004. A evolución desde a primeira data coincide coa presenza de Reagan e Thacher, coa caída do muro de Berlín, con Gorbachov anunciando unha multinacional gringa de pizzas rápidas -moito antes do seu debut como modelo de Louis Vuitton-, e a asimilación da URSS á causa capitalista. "É dicir -precisa Santos-, cando chega o neoliberalismo". E se hai un tipo de medios especialmente nocivos socialmente "son aqueles que se definen como esquerda ou como progresistas e que son puramente neoliberais, dereitona pura, porque se publicitan como rigorosos e veraces e hai moita xente que o cre. Prisa ten intereses moi bestas en Latinoamérica e por iso cando subiu Morales ao poder só falaban do seu xersei". O director de Altermundo tamén é crítico co papel dalgunhas ONG, "sobre todo as máis grandes", metidas no circo mediático "que ofrecen unha información exclusivamente destinada ao día da pobreza, ao día de África... e que axudan a espertar o efecto momentáneo, a alarma momentánea, converténdose no único espazo para os movementos sociais entraren nos medios de comunicación". E despois de todo, uns outros medios son posíbeis? "Si, pero non se van edificar sobre os cimentos dos actuais", conclúe Manoel Santos. Xornalistas anestesiados polo sistema, "como calquera cidadán" E que pasa cos xornalistas, obreiros anónimos dunha cadea de montaxe, igual que Charlot na película Tempos modernos? A reflexión é de novo do director de "Le monde diplomatique", o galego Ignacio Ramonet, a estas alturas convertido nun ingrediente máis do relato pois, non en van, entrevistado e entrevistadora resístense a abandonar o influxo dunha das publicacións máis rigorosas e interesantes das últimas décadas. E nese sentido, cal é a responsabilidade do redactor? "Eu non criticaría os xornalistas porque son como calquera cidadán máis anestesiado polo sistema -aclara Manoel Santos. Os datos do Observatorio galego dos medios deixan clara a mala situación que viven os traballadores da prensa, a existencia de presión da empresa para evitar contidos, os baixos salarios etc.". Pero como dicía Elías Canetti: Pódeslle perdoar a súa soidade a quen por ela destrúe o mundo? (múdese soidade por ignorancia, e a resposta da cronista é non). • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Nunha sociedade na que a información se rexe polas leis económicas da oferta e da demanda e a publicidade é a medida de todas as cousas, "a solución do mundo está exclusivamente nos movementos sociais".