| Enrique de Castro: “A igrexa oficial é o popio do pobo” |
| Marga Tojo | |
| Martes, 23 de Outubro do 2007 | |
|
A alianza dos poderes económico e político co relixioso pretende destruír “a fe” do ser humano na utopía. “E sen ela non hai motivación que sirva”. Para Enrique de Castro, coñecido como o cura de Vallecas ou o cura roxo, polo seu traballo na parroquia de San Borromeo, que tanto incomodou a Igrexa oficial, “é entón cando o Deus de Xesús se fai ateo, nega a Deus e afirma o home”. E esta filosofía radicalmente humanista enlázase coa morte de Deus, –que non é unha entidade, senón un lugar, unha figura posíbel do pensamento–, unha ausencia que capacitaría a chegada do superhome. E esta experiencia de finitude á que convida Nietzsche permitiríalle á raza humana iniciar un novo modo de vida. Nietzsche, por suposto, non fala de fe na utopía, nin Enrique de Castro da morte do Creador. Pero a mensaxe non difire, pois arenga o ser humano á aceptación das marxes e convídao a unha resurrección en vida. Por iso este cura obreiro, mediatizado polas polémicas, pero artífice dun discurso matizado, sen vontade manifesta de titular, escribiu no seu día na obra Dios es ateo (Ediciones Quilombo): “Coas mesmas dúbidas e medos que o resto, con malos humores en ocasións e meteduras de pata, con vangloria ás veces e desercións, con crises afectivas e debilidades sexuais, pero tentando construír o reino de amor e xustiza pola fe en Xesús, cóbado a cóbado conxente sen relixión pero coa mesma fe”. Enrique de Castro estivo onte en Lugo como ponente do simposio internacional sobre a desigualdade social ‘Pobre Mundo Rico’, pero antes conversou con GALICIA HOXE: É a Igrexa oficial o opio do pobo? Sen dúbida, o cualificativo é merecido. É por iso que, malia o desprezo dela cara ao ser humano en situación de desigualdade social, un sector que fica relegado á caridade, a xente segue a acudir aos templos sen demandar un cambio? Vaia, é posíbel que a Igrexa de base sexa pouco coñecida pola xente, non está en parroquias publicamente, máis ben reúnese nas sacristías. Nós ao ser unha parroquia aberta démonos a coñecer máis. En España non hai as circunstancias de pobreza de Latinoamérica, por iso non triunfa a Teoría da liberación, que ten hoxe un espertar moi forte nese territorio, porque están a asimilar a persecución que viviron. Aquí a pobreza ten outra cara e a Igrexa non estivo ao lado dela. Pero a Igrexa católica vive de cara á morte, non de cara aos vivos. É por iso que xente de máis idade ou xente máis medoñenta segue a acudir a ela. A Igrexa vaticana só ten sentido como negocio? É a igrexa do poder, a oficialista, e é contraria á igrexa das bases. A Igrexa está lonxe da realidade, da xente e a xente sabe que esa Igrexa do poder está moi lonxe do Evanxeo. Xoán Paulo II, o demo do anticomunismo, fixo retroceder os logros do Concilio Vaticano II. Ratzinger, menos protagonista, máis sutil, deu aínda un paso atrás? Ratzinger é un produto do pontificado anterior, o de Xoán Paulo II, onde foi unha especie de Rasputín. Ratzinger é máis do mesmo, non parecía así cando era teólogo porque defendía posturas diferentes ás que defende agora, pero o poder marca, transforma, corrompe. Que pensa de Educación para a Cidadanía e da reacción da Igrexa oficial? A materia Educación para a Cidadanía é indiscutibelmente importante. A educación para a cidadanía, para a tolerancia, para o respeito, é fundamental. Se iso é o que se pretende, tal como parece, acho que todos teriamos que saudala. Non é interesante oporse a un tipo de materia así, nin facer disto unha guerra de relixións. É pouco comprensíbel. Vostede manifestouse a favor do matrimonio entre persoas do mesmo sexo... É que o Evanxeo non ten ningún código de moral nin moito menos de moral sexual, co cal é imposíbel que condene a unión entre dúas persoas do mesmo sexo. No Evanxeo só se fala de amor, da ética do amor e da aceptación da persoa tal e como é. Quizais cando se produza unha verdadeira desamortización da Igrexa poderá mirar cara aos pobres? Acho que a situación será xusto ao revés. Que cando a Igrexa comece a mirar aos pobres vai deixar de ser un negocio. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
‘Rara avis’ entre a curia española, Enrique de Castro, o cura de Vallecas, considera a Igrexa oficial o opio do pobo, un negocio que se nega a ollar os pobres. Opina, ademais, que ‘Educación para a cidadanía’ é unha materia fundamental.