As "nacións sen estado" e a necesaria reforma da ONU
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 21 de Outubro do 2007

 Esta plataforma, auténtica e literalmente inter-nacional, ten xa dous decenios longos de existencia. Nacera por iniciativa conxunta de organizacións políticas e culturais nacionalistas galegas, vascas, catalás, bretonas, escocesas, galesas, corsas -e algunhas máis que aforro enumerar.

[Galicia Hoxe]

Vou camiño de volta do Val de Aosta. A este fermosísimo val alpino, coroado polos macizos do Mont Blanc, o Cervino e o Monte Rosa -o "teito do mundo" europeu- viñemos o Xavier Macías e mais eu, non pra facermos ski, que nin sabemos nin é aínda a estación axeitada, senón a partiparmos como ponentes na VII Asemblea da Conseu, é dicir, da Conferencia das Nacións sen estado de Europa. Esta plataforma, auténtica e literalmente inter-nacional, ten xa dous decenios longos de existencia. Nacera por iniciativa conxunta de organizacións políticas e culturais nacionalistas galegas, vascas, catalás, bretonas, escocesas, galesas, corsas -e algunhas máis que aforro enumerar. Fora coordenada e catalizada polo Ciemen, que xa dirixía daquela e segue a dirixir o incansábel Aureli Argemí, e celebrara a sua primeira asemblea no 1985, en Barcelona. Nesta ocasión, a temática abordada e debatida titulábase "As nacións sen estado europeas e a reforma das institucións internacionais". Enlazaba, pois, a problemática das nosas nacións co proxecto promovido polo foro internacional Ubuntu, ao que a Fundación Galiza Sempre se incorporou con ocasión do Foro Social Mundial deste ano en Nairobi.

Levo insistido abondo, inclusive nesta miña sección de GH, en que o conceito de nación non se refire a un feito político superestrutural. A nación "é un fenómeno social" forxado no decurso da historia a partir dun núcleo identitario inicial, a comunidade "de orixe", no senso da antropoloxía social e cultural, que nada ten a ver co Estado ou calquer forma de superestrutura xurídico-política. O normal é que unha "comunidade nacional" se dote dun aparello xurídico-político e acabe por construir un Estado. Mais, caso de non acontecer iso, a nación non deixa de ser tal como fenómeno sociopolítico, previo ao político-institucional.

Eis o ponto de partida conceitual necesario da percura de fórmulas adecuadas para resolver o problema da relación das nacións-sen-estado coas institucións políticas da comunidade internacional. Porque a articulación das nacións-sen-estado nas organizacións supraestatais resulta ser un problema análogo ao da súa articulación en deseños de aparatos de estado que abranguen espazos sociopolíticos plurinacionais. Mais, na actualidade, ese problema sitúase nun contexto internacional condicionado por un fenómeno que atinxe á estrutura do sistema mundial: é o que se deu en denominar globalización.

Para nós, teñen especial relevancia as implicacións da mundialización en termos de progresiva destrución das bases materiais e distorsión das estruturas económicas e morfoloxías sociais xenuínas das realidades nacionais. Nefeito, esas implicacións resultan especialmente graves cando se trata de nacións sen Estado e, por tanto, inermes no plano político-institucional por careceren de soberanía política exercíbel cun aparello de estado propio. No caso da Galiza, o impacto distorsionador da globalización é tanto máis relevante canto que a economía galega fora sempre nos tempos modernos como unha célula sen membrana, un organismo esfolado, un espazo sen fronteiras. A carencia de aparato de estado propio foi un factor determinante do confinamento da Galiza no espazo socioeconómico que Dudley Seers definíu como "Europa periférica".

Por riba, no nivel político-institucional opérase unha metamorfose das institucións do poder. A globalización provoca unha auténtica subversión involutiva dos postulados democráticos nos que se asentaba a orde xerárquica e as engranaxes entre os tres poderes: pásase a unha disposición na que o executivo independízase cada vez máis do lexislativo e determina ao xudicial.

Esta perversa metamorfose trasládase de xeito máis descarado ás superestruturas supraestatais creadas nos procesos de integración económico-política hoxe en curso como a Unión Europea, e ás institucións políticas construídas pola "comunidade internacional" durante o longo período da chamada "guerra fría" a prol do indispensábel equilibrio e interlocución entre bloques como acontece coa ONU. A ONU, precisamente desde a implosión do bloque do Leste, resulta estar cada vez máis unilateralmente supeditada á hiperpoténcia USA e mesmo suplantada sen reparos, chegado o caso, por unha organización militar como a OTAN ou polos USA direitamente.

No tocante á UE, en contraste coas concepcións dos europeístas que ideaban unha vertebración de Europa acorde coa súa realidade sociopolítica e cultural -a Europa das "comunidades básicas", ou sexa, os pobos e nacións con ou sen estado-, a globalización veu agravar unha tendencia á consolidación dunha unión económica eficaz para as estratexias e accións do grande capital transnacional pero moi precaria politicamente. O afondamento do proxecto político europeo, a creación de institucións con verdadeiras competencias lexislativas e de goberno, segue a ser ollado como un atranco polas forzas económicas protagonistas da transnacionalización, e resulta boicoteado tamén polos grandes estados chovinistas que monopolizan a actual estrutura institucional e tentan coutar a emerxencia cívica dunha nova Europa articulada desde a súa base plurinacional, pluricultural e plurilingüe.

O modelo imperante é unha aposta fracasada: xera novas exclusións e novas formas de pobreza; lonxe de estender a paz e a resolución pacífica dos conflitos, teoriza e practica a guerra preventiva; esnaquiza identidades culturais e equilibrios ecolóxicos seculares. E por riba encerra un risco totalitario: afasta as decisións da cidadanía, promove novas formas de alienación, xustifica o recorte de liberdades. Nese contexto, a soberanía e organización políticas de realidades nacionais que responden a longos períodos de construción histórica representan hoxe, na nosa concepción, unha maior democratización, un freo ás prácticas imperialistas e á desarticulación da fráxil legalidade internacional. Estes espazos de identidade colectiva son unha base imprescindíbel para a construción da vida social e un antídoto contra o afastamento dos centros de decisión a respecto das vivencias e arelas das sociedades realmente existentes. Un sustento ineludíbel das fórmulas participativas que deben complementar o exercicio do poder político representativo.

Mais ao proprio tempo, no plano supra-nacional, resulta evidente que cómpre restituirlle á ONU o seu papel central nas relacións internacionais, reforzando e democratizando a súa composición e procesos de toma de decisións e asignándolle o control efectivo sobre as outras organizacións multilaterais globais. Das ideas e propostas xeradas en torno aos obxectivos da reforma paréceme acaído resaltar: a necesaria defensa da diversidade cultural, a promoción dun maior protagonismo parlamentar e cidadán, e a constatación do papel de novos actores na esfera internacional, nomeadamente os movementos populares e sociais e as organizacións cívicas.

Asi, o proceso de reforma das Nacións Unidas debera procurar unha nova arquitectura institucional que aumente as posibilidades de representación e participación e teña en conta os distintos niveis de goberno existentes, convertíndo, ao tempo, á organización internacional nun activo axente de democratización cara abaixo, tanto na esixencia do respeto polos dereitos do home canto no apoio e promoción dos dereitos e poder políticos dos pobos que non teñen recoñecida a súa soberanía.

En boa lóxica, desde a nosa perspectiva, é dicir, dada a nosa condición de nacións-sen-estado, os criterios para unha nova arquitectura institucional das UN deben basearse nos conceptos de "pobo" e "nación", restituíndolles a plenitude do seu valor como significantes socioculturais e sociopolíticos contrapostos ao fenómeno estritamente superestrutural e continxente dos estados. É a morfoloxía dos estados a que debe axustarse ás realidades sociais dos pobos e nacións, e non ao revés. Pois ben, ese mesmo criterio de congruencia ou correspondencia de abaixo arriba debe orientar a reforma das institucións políticas mundiais, para que sexan cabalmente inter-nacionais e non subrepticiamente inter-estatais. Compre que a arquitectura das Nacións Unidas se axuste a ese concepto, no canto de seren uns Estados Unidos disfrazados baixo a denominación de ONU. Trátase de facermos coincidir significante con significado, no senso de Saussure, ou mesmo tamén coa significación, no senso de Barthes. E trátase asimesmo, polo demáis, do mesmo enfoque que adoptamos cando reclamamos que a Unión Europea articule a Europa dos pobos no canto de representar á Europa dos estados.

Este enfoque, ademáis, reforza duas aspiracións que cobran unha especial relevancia no contexto actual: a democratización real e efectiva das sociedades, e o restablecemento do deseño orixinariamente multicéntrico das Nacións Unidas. A democratización, ou re-democratización, das relacións sociais e políticas é a resposta necesária ao deterioro da relación entre Estado e cidadanía que padecen as institucións dos aparatos de estado actuais. É un dos temas máis candentes nos FSM, e é asimesmo un dos factores determinantes da reactivación e proliferación das organizacións sociais e cívicas que veiculizan o exercizo da democracia participativa por parte dos cidadáns na xeneralidade dos pobos do planeta. E o redeseño multicéntrico das Nacións Unidas é unha resposta indispensábel tanto á uniformización sociocultural e identitaria canto á polarización centrípeta do poder que padece a humanidade na globalización capitalista e ultraliberal. •


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >