| Nada |
| J. M. lobato | |
| Mrcores, 17 de Outubro do 2007 | |
|
A Nada en Corrubedo é a destrución sen posible recuperación do seu patrimonio natural, contaminación das ondas que brincan cos cons, erradicación dunha herdanza ancestral, expulsión da terra nativa. Todo isto son as consecuencias dunha agresión ao contorno sen precedentes.
[Galicia Hoxe] O mito é ese gran descoñecido ao que sempre recorren os que tentan asoballar e exercer o poder sobre os semellantes, unha arma tremendamente abstracta pero moi eficaz nos resultados finais. Este instrumento alienador da poboación máis desfavorecida en diferentes ámbitos, formativo, económico, sempre achega o pobo esa verdade de quen transmite con mala intención. Galicia pola súa situación secular de país asoballado e subdesenvolvido é o gran santuario da mitoloxía do desprezo e dominación dos iguais, terreo prolífico polo gran número de indefensos e necesitados do máis básico para subsistir. Infinidade de seres sobrenaturais pululan ao longo do territorio galaico, as súas accións imaxinarias coaccionan e atemorizan a cidadanía máis vulnerable, que se encontra atrapada nun tecido de crenzas do que non poden liberarse. Está Galicia inmersa nesa arañeira de crenzas e imaxes idealizadas, que a teñen absolutamente atrapada nunha rede imaxinaria, da que o pobo é absolutamente incapaz de desprenderse. Seres sobrenaturais foron e son os monopolizadores da saúde, temores individuais e colectivos, da fortuna e mesmo da pobreza, condena en vida sen xuízo previo, nunha palabra están presentes entre o fusco e o lusco na mente dos galegos e galegas. Toda esta encrucillada de condicionamentos mitolóxicos, atan de maneira significativa un pobo que desexa saír da escuridade tenebrosa, para gozar da esplendorosa luminosidade dunha paisaxe sen parangón. Estamos ante a humildade dunha terra que vive pregando desde hai décadas pola prometida industrialización, outro mito introducido con nocturnidade no pobo por uns seres diabólicos e interesados. Tamén a quinta parte dos que resisten na umbrícola da pobreza, máis os dous terzos dos restantes, todos permanecen expectantes, aínda que moi desilusionados co mito da deusa Galicia desenvolvida, compromiso e promesa cada catro anos, pero lembrada cada día polos cándidos para ir subsistindo na espera. Outro dos credos que se inxectou no vulgo é a defensa sen reservas do patrimonio natural galego, despois das accións e resultados neste eido, seguro que estamos ante ese novo mito inalcanzable e misterioso, afastado pola necidade do capital e dos seus cómplices con poder para decidir. Despois duns antecedentes históricos tan profundos en achegar deuses para adorar, emerxe tamén radiante nas últimas datas e nunha paraxe incomparable o gran mito por excelencia da Filosofía universal. A Nada, un ser de fábula presentado en Corrubedo como o gran salvador da zona. A Nada en Corrubedo é a destrución sen posible recuperación do seu patrimonio natural, contaminación das ondas que brincan cos cons, erradicación dunha herdanza ancestral, expulsión da terra nativa. Todo isto son as consecuencias dunha agresión ao contorno sen precedentes. A Nada pretende conquistar o litoral de Corrubedo disfrazada de piscifactoría, os veciños e veciñas do contorno non queren emigrar á descoñecida Nada, desexan permanecer na súa terra cunha paisaxe virxe e idílica.• |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
