De como traballamos PDF Imprimir Correo-e

ImageAltermundo.org é un portal rebelde que está a agromar para contrainformar, reflexionar e berrar. Dende abaixo e á esquerda altermundo.org pretende achegar á comunidade galegofalante –e tamén aos millóns de persoas que comparten o tronco común galaico-luso-brasileiro– todo ese outro mundo que se opón á depredación neoliberal. Andamos na procura de humanidade e reflexión, xustiza para os pobos e desenvolvemento sustentábel, crítica e democracia participativa, autodeterminación e igualdade… Buscamos, ao cabo, revolución.

Neste contexto expoñemos un plan de traballo aberto a quen teña inquedanzas e quera colaborar, e animamos aos rebeldes e ás rebeldes a rexistrarse en altermundo.org e a enviar as súas colaboracións.

Do que somos

ALTERMUNDO é un PROXECTO INTEGRAL DE COMUNICACIÓN ALTERNATIVA E TRANSFORMACIÓN SOCIAL. DENDE GALIZA E EN GALEGO.

Ámbito de traballo

Altermundo traballa fundamentalmente no campo dos movementos sociais e das alternativas –de producción, de artellamento social, de pensamento, políticas, etc.– de carácter antihexemónico que se desenvolven quer a nivel galego quer a nivel planetario.

Dende o punto de vista xurídico é unha Asociación Cultural e Social inscrita no Rexistro Central de Asociación con número 2007/011114-1. Nos estatutos da devandita asociación saliéntanse os seguintes fins:

  1. Creación dun espazo de debate e reflexión sobre os movementos sociais mundiais e a difusión das actividades destes movementos dende a óptica da comunidade galega
  2. Contribuír a difundir e estudar as alternativas á globalización neoliberal que se desenvolven polo mundo, especialmente nos países en desenvolvemento
  3. Axudar á procura de humanidade e reflexión, xustiza para os pobos e desenvolvemento sustentábel, crítica e democracia participativa, autodeterminación e igualdade
  4. Formar e educar no respecto e a tolerancia, na paz e na igualdade de xénero
  5. Desenvolver actividades que enxalcen o internacionalismo e a autodeterminación dos pobos do mundo
  6. Defender as linguas e culturas do mundo, nomeadamente a de Galiza
  7. Colaboración con comunidades, especialmente do sur do planeta, que anden na procura de modelos de autoxestión e autoorganización alternativos ao sistema capitalista imperante no mundo

Liñas principais de actuación

Altermundo traballa principalmente en tres campos:

  1. Información: fornece información para os movementos sociais e dende os movementos sociais. A dita información está destinada principalmente potenciar os movementos sociais e ao tempo servir como plataforma para a difusión da información e alternativas xeradas por estes movementos sociais.
  2. Pensamento: é tamén unha plataforma de pensamento e reflexión que pretende enriquecer as loitas dos movementos sociais e aprofundar nas súas alternativas.
  3. Acción: é unha organización activa que colabora e participa nos movementos sociais e as súas reivindicacións. Do mesmo xeito, Altermundo pretende argallar accións, propias e en coalición con movementos, que procuren unha xustiza social global.

Tipos de contidos e informacións

Altermundo fornece dos seguintes aspectos informativos:

  1. Novas e convocatorias de actualidade a nivel global, mais incidindo especialmente nos acontecementos de Galiza ou na visión dende Galiza. A información é fornecida polos colaboradores e colaboradoras de Altermundo, pola investigación e estudo de Altermundo na rede e noutros campos e tamén polos movementos sociais que envían as súas informacións puntual ou periodicamente a Altermundo.
  2. Artigos e análises dos seus diferentes campos de actuación diferenciados por temas e rexións xeográficas. Altermundo ten fontes propias e fontes alleas, en colaboración con outros medios e plataformas do mundo.
  3. Coberturas informativas especiais de temáticas e acontecementos que precisen dunha atención especial. Deste xeito reúne, estuda e crea contidos monográficos de especial interese con informacións propias e enlaces a outros medios.
  4. Creación de observatorios: está na estratexia de Altermundo a creación dunha serie de observatorios que dende Galiza sirvan para ter unha visión global en certos campos. Os 5 primeiros obxectivos son: Observatorio das Alternativas Galegas, Observatorio de Multinacionais de orixe galega (responsabilidade corporativa), Observatorio de Alternativas Políticas, Observatorio de Institucións Internacionais e Observatorio de Ecoloxía Social. Para a creación destes observatorios Altermundo buscará tamén a colaboración de persoas e movementos que traballen na cuestión.

De como xeramos a información

Traballamos con dunhas canles de información:

1-. Información propia: elaborada por colaboradoras e colaboradores de Altermundo ou enviada especialmente para ser publicada por Altermundo. É difundida polas nosas canles principais: internet e publicacións en papel (suplemento Altermundo, por exemplo).

Altermundo porá este tipo de información propia baixo a licenza ‘Creative Commons’, non suxeita á propiedade intelectual estrita, de xeito que permita a súa difusión, traducción e copia citando a procedencia e o autor ou autora.

2-. Información allea: procedende doutros medios e persoas cos que colabora Altermundo e que xa publicaron eses contidos noutros lugares ou de fontes que publican baixo a licenza ‘Copyleft’ e ‘Creative Commons’.

Dentro desta información allea está tamén o labor de traducción ao galego de documentos e informacións que sexan relevantes ou de interese para as liñas estratéxicas de Altermundo e para ser publicadas en Galiza, como xa se vén facendo dende hai máis de dous anos en Altermundo.org.

Neste apartado Altermundo xa mantén relacións directas con diversos medios e axencias do mundo, así como o permiso de publicación de textos xerados por autores e autoras relevantes.

De como difundimos a información

Tres canles principais:

1-. Internet

1.1-. Páxina web Altermundo.org. A web é un punto de información e reflexión estratéxico para Altermundo que xa recibe máis de 1.000 vistas diarias dunha media de 875 usuarios. Leva en funcionamento dous anos.

1.2-. Rede de contactos electrónicos de Altermundo, aos que se lles envía información directamente.

1.3-. Difusión da información xerada en galego por colaboradoras e colaboradores cara outras linguas do mundo. Neste eido, Altermundo traduce de cando en vez artigos dende o galego para enviar a outros medios. Os artigos sempre levan o seguinte pé: “Artigo traducido do galego orixinal para…”. (ver un exemplo real). Está na estratexia de Altermundo implementar este campo cunha futura rede de tradutores/as que envíen ao mundo as reflexións e informacións galegas.

2-. Medios tradicionais

Altermundo pretende servir de ponte entre a difusión de información e pensamento en canles como internet ou o interior dos movementos sociais e os medios de comunicación tradicionais. Neste eido temos unha liña xa aberta e outra a desenvolver:

2.1-. Suplemento Horizontal Altermundo: funciona, con 12 páxinas cada derradeiro domingo de mes, dende maio de 2007. É froito dun convenio de colaboración entre Altermundo e o xornal Galicia Hoxe, mais independente deste xornal. Galicia Hoxe fornece da impresión e difusión do suplemento e Altermundo encárgase da súa produción completa. Está na estratexia de Altermundo facer medrar este suplemento en páxinas e contidos, así como en difusión. Deste xeito, o suplemento envíase por correo convencional ás socias e socios de Altermundo. Asemade, o suplemento publícase integramente na web días despois de saír co xornal. O suplemento horizontal Altermundo conta cun Consello de Redacción formado por:

Manoel Santos, Director de Altermundo e tamén Presidente da Asociación Cultural e Social homónima
Xosé Manuel Beiras, catedrático de Estrutura Económica da USC. Presidente da Fundación Galiza Sempre
Xavier Simón, Profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. Coordinador da área de Cosmovisión do Proxecto Ronsel
Xabier Macías, Director da Fundación Galiza Sempre
Carlos Taibo, Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid
Xulio Ríos, director do Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional)
Alfredo Iglesias Diéguez, profesor e prehistoriador. Analista de opinión
Cândido Gryzbowsky, Director do Ibase (Instituto de Estudos Sociais) do Brasil e membro do Consello Internacional do Fórum Social Mundial
Carmen Carballo, Directora do Club Internacional de Prensa
Imanol Dorca, Vicepresidente da Asociación Altermundo
Marga Tojo, Xornalista

2.2-. Axencia Altermundo: está en proxecto a creación aos poucos dunha canle para intentar fornecer –melor introducir– de información a medios tradicionais, tratando de xestionar a ver se publican contidos creados por colaboradoras e colaboradores de Altermundo (artigos de columnistas, etc). Neste eido, Altermundo tratará de establecer convenios de colaboración con outros medios de comunicación convencionais.

3-. Outros

Altermundo funciona tamén como instituto de estudo e difusión, organizando e colaborando en xornadas, congresos, conferencias, accións, etc. amais de seguir a deseñar unha estratexia para producir publicacións propias.

De como estruturamos a información

Altermundo artella a información en dous eixes principais –temas e rexións– que van medrando segundo as necesidades e que definen tamén a súa web. Asemade conta con outros apartados e vai desenvolvendo outras categorías que precisan dun tratamento especial. O esquema, do que a meirande parte –90%– xa está a funcionar e dá tamén estrutura a altermundo.org. Podes ver o Mapa do Sitio

COLABORACIÓNS: Altermundo.org está creado cun programa de código aberto. Se queres colaborar enviando só un texto tamén o podes facer dende esta ligazón. Tamén mantemos unha LISTA DE CORREO que informa sobre novos contidos periodicamente e na que te podes subscribir premendo aquí.

As socias e socios de Altermundo manifestan apoiar este proxecto para que vaia medrando como plataforma feita dende e para os movementos sociais do mundo. Asemade, reciben o suplemento horizontal Altermundo en papel, así coma outras informacións, e teñen acceso aos espazos de poblicación do proxecto.

FAITE SOCIO/A DE ALTERMUNDO!!


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>