Pascual Serrano: “Hai un periodismo que o mercado non permite”
Marga Tojo   
Mrcores, 17 de Outubro do 2007

 Pascual Serrano, fundador do veterano diario en liña Rebelion.org, denuncia en GALICIA HOXE: “Hai un xornalismo pendente que o mercado non permite”.

"Setembro de 1996, un informático e un periodista charlan na barra dun posto de rúa dun barrio popular de Madrid. Ambos os dous pertencen á mesma organización política e levan anos traballando xuntos nese distrito. O informático insístelle ao xornalista en que, tecnicamente, é posíbel sen necesidade de recursos económicos e con moi pouca tecnoloxía facer un medio de comunicación escrito, dispoñíbel vía ordenador, que pode ser lido desde calquera parte do mundo mediante internet. O xornalista, que acaba de chegar dunha viaxe a Colombia, non entende que se poida facer un xornal, poñelo en internet e custar cero euros -daquela cero pesetas-, pero confírmalle que si é posíbel escribilo". Así narra o xornalista Pascual Serrano o nacemento do portal de noticias Rebelion.org, pioneiro da prensa alternativa en internet. O valenciano estivo onte en Compostela, convidado polo Simposio internacional Pobre Mundo Rico, para falar dos medios de comunicación alternativos "que non precisan da publicidade para funcionar e que non pertencen a grandes empresas económicas, moitas veces non vencelladas ao xornalismo, que coartan a información sobre moitos temas estratéxicos". Pero antes conversou con GALICIA HOXE.

A prensa alternativa nace como resposta ao servilismo dos medios co sistema?

A miña opinión é que a prensa dixital nace alternativa e ante a evidencia da cidadanía dunha falta de credibilidade dos grandes medios de comunicación. Máis que un mérito noso é un demérito deles. Por primeira vez, coa prensa dixital, fálase de ti a ti, porque grazas ao baixo custo non temos que enfrontarnos ás dificulatades económicas que supón construír un medio grande. Ademais, existe unha gran cantidade de intelectuais, de académicos e de xente moi cualificada que non tiñan acceso aos grandes xornais, que estaban obviados ou ignorados, que na prensa alternativa acharon un medio de difusión, e así, ademais lograron satisfacer as demandas dun determinado público.

Os xornais alternativos deben ocuparse só das noticias que esquecen as grandes edicións?

Ao principio, en Rebelión pensabamos que debiamos buscar só aquelas noticias que os grandes medios ignoraban, pero despois decatámonos de que cando pasaba un feito moi transcendente, tamén acudían a nós. Un pensa que o atentado do 11 de setembro está abondo cuberto polos grandes medios, e non.

A prensa pode ser comercial e informar con veracidade?

O problema que está acabando co rigor e co bo xornalismo é que os medios precisan gañar cartos, ter publicidade e que detrás deles hai empresas que precisan coidar da súa imaxe. Se Repsol está detrás da edición dun xornal, ese xornal dificilmente vai informar da nacionalización das empresas petroleiras en Bolivia. Isto dá como resultado o feito de que algúns xornalistas, conscientes de que non están a cumprir coa súa función de informar, escriban de xeito paralelo para outros medios de comunicación alternativos. Hai un xornalismo pendente que o mercado non permite. Eu compároo moitas veces co avogado que traballa para un gran banco e no seu tempo libre para Amnistía Internacional.


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista de Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >