O proxecto común da nación galega (II)
Xosé Manuel Beiras   
Mrcores, 17 de Outubro do 2007

 Unha releitura atenta dos tres últimos séculos de historia política da humanidade, feita –esplicitémolo para sermos honestos– con lentes europeus, pon de manifesto que os valores primordiais que lle imprimen unha dinámica de avance social forman unha constelación que eu ousaría esquematizar na articulación dos seguintes vértices: soberanía popular, fraternidade, democracia participativa, república e esquerda.

[Galicia Hoxe]

Unha releitura atenta dos tres últimos séculos de historia política da humanidade, feita –esplicitémolo para sermos honestos– con lentes europeus, pon de manifesto que os valores primordiais que lle imprimen unha dinámica de avance social forman unha constelación que eu ousaría esquematizar na articulación dos seguintes vértices: soberanía popular, fraternidade, democracia participativa, república e esquerda. Os cinco teñen presencia constante, como estrelas fixas, na cultura política do nacionalismo galego dende as suas orixes até hoxe. Os cinco integran, ao meu ver, o precipitado contemporáneo da tradición democrática do nacionalismo galego no que, como vos dixera o día pasado, se basea a arquiteitura ideolóxico-política constituínte do BNG. Os cinco perfilan a configuración interna do "proxecto común".

Pode solprender, nesa escolma que eu fago, a ausencia aparente, ou a falla de mención esplícita, de valores que polo común figuran en cabeceira dos principios democráticos, como liberdade ou igualdade. Ou tamén doutros que están impresos nos postulados fundacionais do nacionalismo frentista e proxectados cara o seu contexto envolvente, como autodeterminación, anti-imperialismo, pacifismo ou solidariedade dos povos. Certamente a miña escolma é sesgada, tanto por resultar do meu proprio ángulo de visión, e non de calquera outro, canto por estar feita de esguello, como aquela serie de retratos a lápiz de Seoane, coido, no senso de responder a unha ollada transversal sobre o decurso histórico do nacionalismo galego no contexto europeu dos idearios e os movementos sociopolíticos emancipadores neses tres séculos aos que me refería ao comenzo. Digo isto porque, dexergados de través os valores que emerxeron e orientaron toda esa xeira de combates cívicos nas sucesivas etapas, paréceme que se poden condensar, en síntese, expresa ou tácitamente contidos nos escolmados eiquí. Que son istes os que integran o seu cerne máis xenuino e peculiar –e os de máis difícil e infrecuente encarnación na prática social e política, por residiren na encrucillada das contradicións máis pertinaces da condición humán individual e social, as máis resistentes, portanto, aos pulos transformadores desa condición, mesmo aos procesos revolucionarios de mutación social. Se cadra por iso mesmo tamén, son os valores que, na prática, máis axiña esmorecen, ou son deturpados, ou fican arrombados á beira do camiño, ou subrepticiamente trocados e sustituídos polos seus opostos. Mais dese xeito, nunha perspeitiva inversa, resultan ser os baremos máis fiábeis para unha diagnose do estado de saúde dun proxecto emancipador a unha altura determinada do proceso do seu desenvolvemento e realización.

Nunha reveladora obra inda recente encol da democracia como ideoloxía e como realidade, que calquera día hei glosar eiquí, o profesor de Bari Luciano Canfora medita arredor da antinomia entre democracia e liberdade, dende o texto do epitafio atribuído por Tucídides a Pericles, até o preámbulo do Tratado constitucional da UE que cita no seu frontis unha versión acomodaticiamente deturpada dese mesmo texto. E, inda que supoña darmos eiquí un pinchacarneiro moi arriscado –polos perigos da descontextualización– merece a pena transcribirvos os párrafos cos que conclúe a sua obra, pechando o círculo dunha longa e demorada paseata crítica polos vieiros dos valores e as realidades "democráticas" na historia política europea. Din así: "Os redactores da (pretensa) Constitución (da UE) recurriron, sen sabéreno, ao texto máis nobre (o de Pericles segundo Tucídides) que se podería utilizar para dicir, non xa o que debía servir de retórica edificante, senón o que efeitivamente compría dicir. Ou sexa, que venceu a liberdade –no mundo rico– con tódalas terríbeis consecuencias que iso comporta e comportará para os demáis. A democracia fica aprazada deica un novo mañán no que será obxeto dunha nova matinación por parte doutros homes. Se cadra, xa non europeus."

Resulta curioso comprobar, como sinala Canfora, que o termo "democracia" non era de uso frecuente "no léxico político" da Revolución francesa. Até constitue un caso insólito que unha persoaxe revolucionaria como Babeuf adoite empregar a expresión "République une et démocratique", cando a fórmula xacobina máis usual era a de "une et indivisible". Os xacobinos "preferían falar de ‘igualdade’, ‘liberdade’, ‘república’, ‘patria’, ‘virtude’, e alcuñaban a tódolos outros governos de ‘tiranías’, e de ‘ambición’ á maneira de faceren política os seus adversarios". Máis curioso se cadra, inda que "cáseque e supérfluo, relembrar que a palabra ‘democracia’ non figura nen na Constitución estadounidense nen nas sucesivamente adoptadas pola primeira república francesa", a nacida da Revolución de 1789. Noutras verbas: na cachoeira revolucionaria do alumbramento das democracias modernas xenéticamente europeas, os referentes da acción e do discurso político érano os valores orientadores da transformación social encetada polo novo protagonista político, o novo suxeito emerxente de poder: o cidadán, o común, o povo soberano mesmamente. Ao cabo, se ise, o "demos", era o novo suxeito titular da soberanía, o sistema político resultante non podería ser outro que unha democracia. Non era preciso invocala: estábase a construíla cos valores do común que debían nutrila e que, ises sí, compría definir, invocar, inculcar e estatuir.

Pola contra, é precisamente desque se represa o pulo revolucionário, desque se atranca o paso ao protagonismo das clases populares –o "cuarto estado", os "sans culottes"– e se enceta un xiro involutivo no proceso democratizador, é xusto a partir daquela que se procede a deturpar ou anular a vixencia dos seus valores referenciais na prática social e institucional, á par que se transforman en mitos, por vaciado dos seus contidos sociohistóricos, e se invocan, a xeito de xaculatorias, os modelos construídos sobre eses valores, reducidos a estereotipos abstratos e traducidos no seu caso en "ismos" que van proliferar no curso do tempo: democracia no canto de igualdade e fraternidade, liberalismo no canto de liberdades do común, e así seguido.

Vede algunhas mostras. O primeiro valor que sucumbre é o da fraternidade. Era a soleira da efectiva igualdade de dereitos, da democracia horizontal de base, do acceso dos desposuídos a compartiren protagonismo na vida e nas institucións políticas. Sucumbe tan axiña como en 1794 xa, coa virada contrarrevolucionaria de "Termidor", que acaba con Robespierre e co liderádego do partido "da montaña", dos "montagnards". O segundo é o da igualdade, coa adopción da distinción entre cidadáns "activos" e "pasivos", que suprime o sufraxio universal estatuído na Constitución de 1793: só os "activos" terán dereito a voto; os "pasivos", é dicir, os económicamente dependentes –asalariados, criados ou indixentes– ficarán excluídos do censo eleitoral en tódalas "democracias" europeas para o caso durante todo o século XIX –ademáis das mulleres todas por condición de xénero, e éstas até ben entrado o s. XX. En fin, a liberdade, tamén –as liberdades do común. A escravitude abolida no período revolucionario francés –na independización estadounidense ficara incólume, e é sabido que o "progresista" Jefferson tiña escravos nas suas plantacións– foi restablecida por Bonaparte: a heroica revolución haitiana tan benquerida de Carpentier e Einsenstein, foi asi decapitada co seu mártir negro, Toussaint-Louverture, e velaí que comeza a traxedia de Haiti que dura até hoxe aínda.

Pero mesmo nos eidos metropolitáns europeus, onde a escravitude se extinguira xurídicamente tempo atrás, o proletariado asalariado, desprovisto de dereitos laborais e confinado na condición de cidadán "pasivo –ou sexa, perversamente considerado titular de dereitos políticos, que non súbdito, pero excluído do seu exercizo– toma o relevo da escravitude formal, e o campesiñado "servo da gleba" vai perdurar en moitos eidos europeus –como na Galiza, os foreiros, até cando menos a redención dos foros en 1926. De xeito que as liberdades do común son axiña sustituídas pola exclusiva, e excluínte, liberdade dos proprietarios. É a conversión da democracia "universal", é dicir de todos, en democracia burguesa, é dicir, ditadura da burguesía. É a sustitución da democracia baseada na igualdade fraterna de tódolos cidadáns libres polo "liberalismo": a liberdade dos proprietarios de medios de produción e patrimonio. É a liberdade do mercado recrudecidamente predicada e paticada polo neo-ultra-liberalismo dos nosos proprios días.

Mais esquencíame: ¿e a República? Que vos vou dicir: somos, vós e máis eu, somos todos nós índa hoxe súbditos do Reino constitucional da España, ¿non si?•


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >