25 anos a mancar o planeta
Marga Tojo   
Xoves, 11 de Outubro do 2007

 Por que os países de África e América Latina son potencialmente ricos e oficialmente pobres? Dous expertos apuntan o cuarto de século de modelo neoliberal como responsábel.

Nunha entrevista a Evo Morales, antes de ser elixido presidente de Bolivia, cando Carlos Mesa acababa de subir ao poder, o líder cocaleiro deixaba constancia de parte dos motivos subxacentes á dicotomía, daquela irreconciliábel, entre riqueza de materias primas e extrema pobreza económica popular: a existencia dunha elite nacional e a fuga de capital pola explotación transnacional dos recursos. Morales respondíalle á xornalista Alexia Guilera para a Axencia de Prensa Rural boliviana sobre o efecto da empresa Repsol YPF (Evo pronuncia Répsol) deste xeito: "Hai uns anos que está perforando o Parque Natural Isidoro Sécore, no centro do país, en Cochabamba, onde o Goberno di que nós non podemos coller terras porque é unha reserva forestal. De acordo, nós respeitamos, somos os que máis coidamos o medio ambiente; pero a Repsol entra a perforar e a contaminar dentro do mesmo parque desde hai anos impunemente".

Hoxe Morales, cauteloso dirixente, conseguiu emitir un decreto de regociación de licenzas de explotación das gasísticas e petroleiras que lle outorgarán ás empresas entre un 20 e un 30% das regalías, en lugar do 72% actual, por explotar uns recursos que, non hai que esquecer, lles pertencen ao Estado e aos cidadáns.

Non en van, como diría o director de Le Monde Diplomatique para o Cono Sur, Carlos Gabetta, América Latina estase a afianzar como "o laboratorio social máis interesante do Planeta", coa ascensión dunha nova esquerda imaxinativa e preocupada en evitar modelos caducos, que traballa por agrupar o respecto cultural, ambiental, e a protección social coa explotación equitativa e xusta dos recursos desde dentro. E sobre isto, falaron onte con GALICIA HOXE dous expertos: Erika González, do Observatorio de Multinacionais en América Latina e Arkaitz López Gorritxo, de Paz y Solidaridad, antes dunha mesa redonda en Ferrol, dentro do simposio internacional Pobre Mundo Rico.

A primeira pregunta titula a vosa mesa redonda: Por que os países de África e América Latina son potencialmente ricos e oficialmente pobres?

Erika González. É unha pregunta de feito moi complexa. Cunha riqueza de recursos naturais, de auga, cultural... tan grande como é posíbel que sexa a segunda rexión maís desigual do mundo e que teña un 50% da poboación por debaixo do umbral da pobreza. Estou a falar de América Latina que é onde eu traballo e o caso que máis profundamente coñezo. Nesta rexión hai unha serie de paradigmas económicos e políticos que benefician a unha minoría, unha elite.

Arkaitz López Gorritxo. A nosa visión é que medimos a riqueza en función do que a globalización neoliberal establece como riqueza. Polo tanto, desde ese punto de vista podemos dicir que América Latina é pobre porque non explota os seus recursos e, polo tanto, carece de liquidez, de plata. Porén, se facemos un exame desde a idiosincrasia indíxena propia é moi rica, porque eles foron quen de sobreviviren cos seus propios recursos, coa súa cultura. O que tentamos fortalecer e potenciar son os movementos e a organización social comunitaria, que é moito máis rica que en Europa.

E esa ruptura entre a riqueza inmanente a e a carestía económica da poboación é herdeira da época das colonias?

E.G. Non necesariamente, aínda que é evidente que nunha parte importante dos países de América Latina hai instalada unha elite política herdada do caciquismo e dos grandes propietarios da terra que se instalaron en épocas coloniais, pero iso non quere dicir que o pasado colonial determine a probreza actual. Por exemplo, Arxentina logrou uns niveis de desenvolvemento moi superiores aos que tiña España nos anos 70 e Chile con Allende acadou un grao alto de benestar social. A situación comercial e económica actual é a que determina o estado da cuestión. É un sistema que beneficia as elites e ás multinacionais en que se alimenta da diminución das proteccións laborais, sociais e ambientais desa poboación.

E como logra América Latina sobrevivir á presión insidiosa do seu veciño Estados Unidos?

A. L. G. Pois tanto Europa como EEUU exerceron un colonialismo salvaxe. Europa nun contexto histórico no que a invasión e a guerra estaban lexitimados e contemporaneamente a través do golpe militar e da presión internacional. É lóxico, se miramos a cantidade de golpes de Estado que argallou e financiou probadamente Estados Unidos en América Latina, que teña o seu efecto. Curiosamente, eu que acabo de chegar de Bolivia, vin como o efecto do triunfo de Evo Morales unha das ­reaccións que provocou nalgunha da xente máis humilde é o medo a que EEUU os deixe de apoiar. A realidade dous anos despois é que Norteamérica segue a dar a mesma cooperación e que sacou a Bolivia da lista dos países terroristas, o cal é un éxito tremendo.

Si, porque o propio Morales era un dos maiores perigos públicos para a Administración Bush.

A. L. G. Evo Morales até que cheou ao poder era un dos que aparecían nos programas de televisión ianquis como un dos terroristas máis buscados.

Pola coca.

A. L. G. Si, polos cultivos.

Percibiu mellora na situación do país?

A. L. G. É dificil facer unha análise en termos de necesidades básicas, porque aínda é pronto. Pero si é certo que por primeira vez na historia deixou de ter débedas e os ingresos como estado aumentaron moi notábelmente. Que empresas transnacionais españolas dominan o mercado latinoamericano?

E.G. Operan multitude. As primeiras foron as antigas compañías estatais que ao privatizarse tiñan ­unha sólida estutura que lles permitía instalarse con folgura noutros continentes. Pero hai un grupo de compañías que controlan o 80% do comercio estranxeiro: os bancos Santander e BBVA, as enerxéticas Unión Fenosa, Repsol YPF, Iberdrola, Gas Natural e outras empresas galegas como Ence, que está a entrar inmersa na polémica da instalación da papeleira.

Canto tardará Ence en despregarse de Arxentina cara a outros lugares de América Latina?

E.G. Pois contando co rendíbeis que son para as multinacionais a instalación nestes países podemos facernos unha idea.

Fiscalemente rendíbeis?

E.G. A lei e a política están bastante ben acomodadas á permisibidade, como pode ser a creación de grandes cultivos de eucalipto para a papeleira. E tamén ten unha serie de facilidades fiscais que fai que os beneficios do negocio sexan moito maiores que o que pode ser así. Ademais, está a situación precaria do traballador que beneficia os donos das compañías.

O sistema neoliberal é pois o responsábel directo da situación de desigualdade?

E. G. Si. Nós desde o Observatorio a análise que facemos desta situación nos leva a determinar que la aplicación de vinte e cinco anos de neoliberalismo -desde o Consenso de Wáshington- non obtivo en absoluto aquilo que anunciaban os seus artífices, que era a erradicación da pobreza e, pola contra, agudizou a desigualdade social e o nivel de pobreza incluso dos anos oitenta.

E aínda así, pensan vostedes que é posíbel un outro mundo?

E. G. Ás veces dan ganas de deixarse levar polo derrotismo porque é un poder moi ben establecido, pero desde logo tamén hai exemplos de que cando existe unha presión ben organizada e maioritaria os políticos tremen e poñen límites ás actuacións. Pódese presionar ás multinacionais até o punto de estatalizar o produto e non deixar entrar ningunha multinacional: en Bolivia logrouse expulsar as da auga, Venezuela intenta nacionalizar a explotación do petróleo...

A. L. G. Todos lembramos os últimos cinco anos en Bolivia como o descontento social, a protesta social, foi continua, con marchas, manifestacións, mortos e, des que subiu ao poder Evo Morales aínda non houbo ningún evento que paralizara o país, o cal é moi significativo desde o punto de vista da sociadade.


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista de Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >