Patriarcado por sistema
Adega   
Martes, 09 de Outubro do 2007

 María Reimóndez defende que a discriminación da muller está na base de todas as desigualdades e denuncia que moitas ONGD agravan a situación co seu paternalismo.

Implicad@s no desenvolvemento, unha organización que se define pola súa implicación no tema do xénero ten á cabeza á lucense María Reimóndez. A escritora participou onte en Compostela na mesa redonda A cooperación, cousa de mulleres? dentro do simposio internacional sobre a desigualdade social "Pobre Mundo Rico". Pero antes conversou con GALICIA HOXE.

"Eu non creo que a cooperación sexa cousa de mulleres -admite- pero defendo que loxicamente hai un aspecto importante da feminización da pobreza". Reimóndez considera que ningunha sociedade é quen de se desenvolver se non soluciona primeiro a desigualdade de xénero posto que todos os seres humanos, independentemente doutros condicionantes da súa identidade, como clase social, etnia etc., primeiro son construídos socialmente como homes e mulleres. "Isto é unha construción tamén cultural, o que comporta unhas particularidades específicas segundo o lugar. Non obstante, en xeral, podemos dicir que as mulleres nos países desenvolvidos como en vías de desenvolvemento teñen menos accesos aos recursos económicos e sociais, ao espazo público, á educación, á sanidade e somos vítimas de violencia sistemática só polo feito de sermos mulleres, e isto é algo común a todos os países do mundo. Miro a situación da Galiza e non creo que sexa moi diferente á de ningún outro lugar en certos sentidos porque responde a un mesmo sistema".

Mais, a cooperación ao desenvolvemento non sempre se asume como unha cuestión política e económica; é dicir, unha actuación contra as desigualdades xeradas e consentidas polo propio sistema mundial e, xa que logo, unha acción contra o propio neoliberalismo global. "As mulleres nos países en de- senvolvemento teñen moi pouco acceso á terra, á propiedade dos recursos e moitas veces a cooperación ao desenvolvemento agravou esta situación co seu paternalismo asistencialista porque até a época recente non se reflexionara sobre que a desigualdade de xénero está na base de todas as desigualdades e isto até certo punto é lóxico aínda que bastante triste, porque moitos dos que se dedican a isto non están concienciados sobre cuestións de xénero na súa propia vida", argüe a escritora, que vai máis aló ao afirmar que na maioría das organizacións que existen actualmente, o discurso de xénero é algo que se asumiu como "un pouco de pose".

"No Sur, as protagonistas da revolución son as mulleres"

Porén, como din no interior da Galiza, cómpre andar coma o gato polas brasas para non caermos nun excesivo proteccionismo que infantilice o lugar da muller no mundo e a súa capacidade de reacción. Neste sentido, Reimóndez lembra que cando se fala da feminización da pobreza no Sur é importante salientar que son as donas as que están a funcionar como motores de cambio nunha loita contra o sísifo androcéntrico e patriarcal.


Adega
Sobre o autor ou autora:
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >