"Os países pobres non poden culpar eternamente da súa situación a outros"
Acsur   
Martes, 09 de Outubro do 2007

 O director da Fundación de Relacións Internacionais e da misión de paz da ONU en Costa de Marfil recoñece a responsabilidade histórica do Norte no desenvolvemento do Sur, pero "agora a pelota está no seu campo"

A cronista ten a impresión de estar a falar cun ser inmune á hostilidade. Voz serena e extraordinaria amabilidade, Pierre Schori parece predestinado para os cargos de director xeral da Fundación para as Relacións Internacionais e o Diálogo Exterior (Fride) e xefe da misión de paz de Nacións Unidas en Costa de Marfil -até o pasado mes de febreiro-.

 

O diplomático sueco falou onte desde Vigo con GALICIA HOXE, cidade á que acudiu como ponente do simposio internacional sobre a desigualdade social Pobre Mundo Rico, coa conferencia Misións de paz da ONU. O exemplo de Costa de Marfil, país que ocupa o posto 163 dos 177 países do Programa de Desenvolvemento Humano da institución. "As misións da paz son un desafío para as Nacións Unidas e para Europa porque a demanda é cada vez maior e hai unha carencia de efectivos -explica Schori-. Os soldados non son europeos, senón de países como Bangladesh ou Marrocos e agora estase a montar unha misión en Darfur con 26.000 homes, o que supón un gran reto".

A paz imponse con armamento...

É que as misións de paz chegan para separar os combatentes. En Costa de Marfil había unha rebelión contra o goberno no 2002 e despois o país foi dividido cun muro de Berlín. A misión de paz púxose no medio para deter o enfrontamento, pero sen matar a ninguén.

E cal foi o resultado?

Hai unha gran esperanza entre a xente, pero tamén unha gran avaricia de poder entre os dirixentes.

E nesa avaricia de poder son secuaces os Estados poderosos?

Non, aquí son intereses propios.

Quere dicir que os países ricos non teñen ningunha responsabilidade sobre a situación e que o interese nas explotacións de ouro, diamantes ou petróleo é inocuo á hora de actuaren?

Hai responsabilidade moral e histórica, pero na situación actual demorouse tanto tempo que se enrareceu: había un acordo de paz no 2003 e despois no 2005 cando cheguei eu, todos os dirixentes volveron asinar un acordo para facer eleccións en outubro, que despois se trasladou a 2006, etc. Agora son eles os que teñen a pelota no seu campo e non poden botarlles a culpa a outros.

Gobernos corruptos, a historia do mundo

 

Agora eles teñen unha ruta de paz e un apoio moi grande do exterior, pero falta a vontade política dos propios dirixentes de Costa de Marfil.

Pero o diario francés Le Monde lembra a máxima gaullista de que Francia sen África "é unha potencia de terceiro rango" e denomina o territorio como o pequeno Iraq galo. E a pelota é a mesma. E ten a mesma cor.

A dobre moral europea

Radical non parece ser un adxectivo que concorde con Shori, pero se hai un tema co que este diplomático é especialmente aleccionador é co da posición europea no conflito de Oriente Medio. "Dun lado EEUU e a UE falan da necesidade de democratización do territorio -responde o director xeral do Fride-, pero logo negan taxativamente a presenza de Hamas no diálogo. É obvio que os europeos que apoiamos a reforma nos países árabes estamos a nos enfrontar a un problema: non falar en voz alta contra a actual posición da UE, cuxos efectos están a ser moi negativos e nos fan moi vulnerábeis ás acusacións de dobre moral. Non recoñecer o Goberno elixido democrativcamente nos territorios ocupados de Palestina e castigalo economicamente, xusto cando Washington e Bruxelas dan mostras de estar a procurar o achegamento a Damasco e Teherán, dá a entender que non tomamos en serio as nosas declaracións e chamamentos á democracia no mundo árabe".


Acsur
Sobre o autor ou autora:
Axencia de Comunicacións do Sur - Acsur Colombia
 
< Ant.   Seg. >