| Cinco mil contra Reganosa |
| Patricia Hermida | |
| Luns, 01 de Outubro do 2007 | |
Unha marea humana de 5.000 persoas percorre Ferrol para esixir o traslado da planta de gas de Reganosa fóra da ría.
[Galicia Hoxe] A oposición á planta de gas de Mugardos estase convertendo nun innegable movemento social. Máis de 5.000 persoas asolagaron onte as rúas de Ferrol, nunha marea de carteis, pancartas e ruidosas protestas contra os promotores de Reganosa. Polo centro histórico voceáronse consignas como "O pobo unido xamás será vencido" ou "Reganosa nunca máis". O Comité Cidadán de Emerxencia fala de 10.000 participantes, a Policía Local limita a cifra a 2.000 persoas. Pero todo aquel que puxo onte un pé en Ferrol decatouse do malestar de parte da cidadanía ante este proxecto. O colorido desfile de bandeiras, fotografías e gaitas expresou "o rexeitamento da planta dentro da ría de Ferrol, polo incalculable perigo que suporía para a vida humana, a riqueza marisqueira e o medio natural". A marusía humana desembocou ante o Concello, onde Montserrat Garel leu un comunicado contundente en nome dos manifestantes: "Reganosa é o maior escándalo de corrupción política, económica e mediática da democracia". Houbo paus para todos: "A planta foi axudada pola conivencia política do Goberno de Fraga, Aznar, e agora o bipartito PSOE-BNG". Non se libraron das críticas nin Juan Juncal nin Vicente Irisarri, anterior e actual alcaldes de Ferrol. "Juncal podería ser acusado de prevaricación e Irisarri dixo que non quería perder o tempo discutindo sobre Reganosa", recalcou Garel no comunicado. Entre as miles de persoas despuntaban grandes carteis coas fotografías de Roberto Tojeiro, Touriño, Quintana ou Núñez Feijóo. Poucos políticos apoiaron a manifestación de onte: deron a cara Xosé Manuel Beiras ou Yolanda Díaz, primeiro tenente de alcalde por IU. Precisamente, o líder do Encontro Irmandiño asegurou que a situación da regasificadora no interior da Ría ferrolá é "irracional" e unha "barbarie". "É unha arbitrariedade absoluta, que conculca a legalidade máis fundamental e pon en perigo, sen necesidade ningunha, a seguridade cidadá de toda a contorna". Beiras engadiu que a localización desta planta "significa o sometemento do poder político, elixido polos cidadáns, capital, concretamente ó grupo Tojeiro". O ex dirixente nacionalista e actual membro do Consello Nacional do BNG, criticou o cambio de postura do Bloque, que tachou de "aleivoso", especialmente o grupo nacionalista ferrolán que inicialmente se opuxo á situación da planta dentro da ría. A "trampa" de Mugardos traballa aínda en probas ¿En que situación se atopa a planta? Traballa no período prorrogado de probas e xa recibiu sete gaseiros. Aínda que lle falta a autorización definitiva do Goberno central para a súa actividade comercial. Promotores, Xunta, Goberno e economistas destacan o seu "papel estratéxico para Galicia". Pero parte da sociedade dubida sobre a súa seguridade. "É o momento de que unha decisión administrativa ou política non autorice o funcionamento, é imposible que Reganosa cumpra", insiste o Comité. Principais temores do colectivo: a proximidade da poboación e o paso de gaseiros por unha ría estreita "como unha trampa". OS PROTAGONISTAS Ecoloxistas e veciños, xuntos A mobilización contou co apoio de colectivos cidadáns de toda Galicia. Destacou a presenza de representantes de Izquierda Unida-Esquerda Unida, membros de CCOO, CIG e USTG, e artistas como Lino Braxe e a actriz Mabel Ribera. Á protesta acudiron ecoloxistas e veciños das Encrobas, Curvas, Arteixo e Merza, afectados “por Unión Fenosa”. Bastida segue coa súa guerra Os mariscadores da Confraría de Ferrol, encabezados polo seu patrón maior, Bernardo Bastida, tamén avalaron a protesta, para denunciar que o sistema de captación de auga de Reganosa provocará danos nos bancos marisqueiros da ría. Entre as pancartas que se viron na mobilización, destacaron as que reflectían imaxes de Fraga, Touriño, Quintana ou Feijóo. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Unha marea humana de 5.000 persoas percorre Ferrol para esixir o traslado da planta de gas de Reganosa fóra da ría.