Corrubedo inmerso nun pesadelo
J. M. Lobato   
Domingo, 30 de Setembro do 2007

Triste e desesperada emerxe a gran Duna, malia o silandeiro ar que a aloumiña e peitea sen desmaio, na soidade máis profunda permanece esta espectacular xoia natural desde o verán…

Considerado un dos lugares máis fermosos do litoral galego, é unha visita obrigada e habitual para os amantes dos enclaves radiantes e senlleiros. Este é un privilexiado recanto, por iso debe estar sinalado e presente nos itinerarios de todos os que aman e gozan coa contemplación das alfaias naturais de gran pureza.

Unha xornada nesta paraxe achega un cúmulo de sensacións de complicada transcrición, por fortuna, moitos son os afortunados que lle renden culto á zona, acompañando a tan extraordinario e atípico anfitrión, onde sempre o visitante goza da mellor acollida. Os que por diferentes causas non poden visitar habitualmente o singular enclave, sempre desenvolven habilidades para deleitarse da súa beldade. Un caso especial e relevante é o de Repe, que despois de descubrir Corrubedo lles rende culto persoal aos seus encantos polo menos unha vez ao ano.

Pero Repe decidiu non separarse de tanta excelencia nin un intre, polo que logrou plasmar as imaxes retidas no lugar nun lenzo de grandes dimensións. O mural achega seguridade e protección para o baixío do Corgo, o grandioso Faro e os cons que o amparan das brincadeiras ondas, tamén para o pequeno Porto incrustado na vila e as Dunas do vento. Esta representación pictórica ten a capacidade de transmitirlle o seu estado de ánimo ao seu creador, aínda que en varias ocasións as mensaxes son difusas e entrecortadas.

Os efluvios da pintura provocaron que Repe permaneza nun estado de inquietude latente no comezo deste outono, un estadio que se prolonga desde o verán, pois a súa obra semella inmersa nun transo que mergulla a Corrubedo preto dun caos irreversible. Posiblemente unha entropía total ante o derradeiro e desesperado berro de impotencia por tanta desfeita medioambiental. Visualiza un mar embravecido, encolerizado, mais na inmensidade unhas brancas gaivotas gozan sobre unha gran zaranda azul escura. O vento con forza desmedida empurra no cénit do desorde ondas sobre o acantilado, o caos domina ante tanta furia por un lado e aguante sen reproches por outro.

Indefensos e indiferentes, sorprendentemente uns diminutos alados retan a unha putrefacta manta abrancazada que custodia todo o litoral, un muro interposto entre a pureza da auga salgada do Atlántico e a nobreza da familia pétrea.

Triste e desesperada emerxe a gran Duna, malia o silandeiro ar que a aloumiña e peitea sen desmaio, na soidade máis profunda permanece esta espectacular xoia natural desde o verán, momento en que o atípico mural comezou a transmitir tan intrigantes sensacións, a xoia areosa lembra entre saloucos sobre o lenzo a súa historia, en tempos non moi afastados foi espoliada e asoballada ata o límite, accións que lograron situala en severo risco de desaparición. Persiste e insiste na súa surada a dama areenta, os humanos son uns seres que acubillados no poder atentan contra o medio natural, pois a súa cobiza sen xuízo sitúaos na cadeira da irracionalidade. A Laxe Brava é agora mesmo un dos obxectivos deses que sempre se manteñen ao axexo, a súa única razón na conquista do Corgo é o enriquecemento particular como prioridade absoluta. •

 
< Ant.   Seg. >