| Do Courel a Corrubedo VIII: Epílogo outonizo |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 30 de Setembro do 2007 | |
Non periga a natureza nen perigan os paisáns: nen coas toupeiras da lousa no Courel, nen coas fábricas de peixe en Corrubedo, nen coas bombonas -macro- de gas licuado na ría ferrolán. Tampouco co espolio a grande escada do seixo, non só no Sacro Pico do Ullán, tamén agora na Terra Chá. "Galiza caníbal"? Nanai!: Galiza Katanga, sen precisarmos un Mobutu -e até con parques naturais.[Galicia Hoxe] Foi unha longa e demorada camiñata en pleno vran. En zig-zag. Do Courel a Corrubedo, sí, mais en zig-zag. Como polos camiños oteriáns da vida, e na compaña constante da sua pantasma amiga, omnipresente ela. Por veces mesmiñamente á par de min, en incesante conversa, digo monólogo seu, que coas pantasmas non é doado dialogar, inda menos coa súa, que mesmo en vida dil adoitaba eu escoitalo amudecido, fascinado polo seu verbo, temeroso de crebar o encantamento se rompía a falar eu. Discretamente afastada outras e en silenzo, para me dar un respiro, deixarme contemplar a paisaxe e matinar por min mesmo, replicándome só coa ollada conforme lía o meu pensamento -as pantasmas amigas pódeno facer. Como eiquí onde agora estou, sentado á beira da estrada, na revolta de Casdenón, camiño dos chaos de Amoeiro. "Dá xenio, no outono, ó se ergueren as néboas dos riachos e lourear o sol nos penedos, botar un pito alí, denantes de seguir camiñando" -escribira don Ramón-. Boto un pito, logo, ben guiado que son aos seus consellos, que o fun en toda esta longa e demorada camiñata en pleno vran que agora remato. En zig-zag dun a outro dos tres vértices do noso peculiar triángulo das Bermudas fisterrán.
* * * * *
A revolta de Casdenón é un dos contos de Otero, ou millor relatos curtos, recollidos no volume rotulado Entre a vendima e a castañeira. Lembro que Franco Grande, no tempo en que os dous morabamos en Vigo e nos viamos a cotío, púñamo sempre como modelo de perfeición narrativa no xénero: criar en poucas páxinas un clima de intriga que prende no leitor e o enleva "in crescendo" para, de sócato, precipitalo no desenlace coma quen cai nunha fochanca inadvertida. Andaba eu no estranxeiro cando da primeira edición, e tardara logo un algo en lelo á miña volta. É de risa, mais a verdade é que, ignorante de min, a primeira vista interpretara o enunciado dese conto como que trataba de alguén que se revoltara contra dalgo ou dun calquera. E claro, non era tal, senón vinganza do señor Estevo e o seu fidel Etelvino contra o Bicho, seu viciño, botándolle enriba unha torada de pinos, a rolos monte abaixo, xusto cando o Bicho pasaba de camiño pola revolta de Casdenón. "Ninguén sospeitou nada. O vello foi ó enterro, deu reponsos e deixou herdeiro ó Etelvino, que inzou familia na parroquia."
* * * * *
Revolta foi a dos viciños de Santa Lucía, nas aforas de Santiago, onde a estrada de Ourense desce bruscamente do Castiñeiriño cara o Ullán por unha encosta moi pina con revoltas en zig-zag entremedias do casal. Inseguridade constante, feridos e mortos en atropelos. Reclamacións en valuto. Fartos, movilizaronse. O poder retrucoulles coas forzas da orde. Houbo algún encontronazo e disque algún axente mancado. Veño de escoitar que a xustiza condeou a varios viciños a sete anos de cadea, que foi denegada a petición de clemencia, que os ingresan en prisón un día distes. Non teño noticia de que fixesen outrotanto cos que tracexaron a encosta da estrada en zig-zag polo medio do lugar acasarado de Santa Lucía. Nen cos responsabeis da inexistente seguridade vial nese tramo de estrada. Nen cos que desoíron reiteradamente as protestas e reclamacións dos viciños. A xustiza tamén camiña en zig-zag inda hoxe. Rosalía escribira "A xustiza pola man" -mais os poderosos seguen, inda hoxe, sen leren a Rosalía. Seguro que tampouco leron a revolta de Casdenón de Otero -relato sucinto do crime perfeito en clave de cultura paisán. Sen rodas de autos a rolar: só toros de piñeiro tronzado monte arriba.
* * * * *
Nese meu ir e vir de vértice en vértice do triángulo galego bermudo non só don Ramón me fixo compaña, digo o seu espectro. Outras sombras amigas saíanme ao paso inesperadamente, nunha reviravolta calquera, e camiñaban un bó treito á par de min. Imaxinades as conversas. Porque con ésas podía latricar, eran xente do meu tempo, tiñamos confianza. Demorábanse comigo ao pasarmos polos seus eidos. Logo, chegados á estrema, despedíanse até calquer outro día. Ou até o definitivo, a máis tardar. Deixade que faga mentes. Nuns recantos era Uxío, noutros Manuel, inda noutros a Luisa, naqueloutros Avilés, o Cribeiro tamén. Razón tiña unha vez máis Otero: "Moitos amigos son paisaxe ao facérense terra e luz. Non hai camiño galego sin o ecoar de pasos amigos." Afortunado que son. Co pasar do tempo na idade, un aprende a transitar polos camiños da vida e da patria cunha compaña a cada paso máis nutrida de pantasmas amigas. As inimigas non ousan deixarse ver.
* * * * *
Voltei, nun zig-zag, a Mugardos, visitar aos enclaustrados. Tamén alí foi Manolo, O"Rivas. Non só os libros arden mal. Os nobres corazóns sobreviven tamén iles ao lume. Mesmo ao da inquisición. Das actuais inquisicións, que as hai, e non se dan por vencidas -pero vencidas serán. O ferrolán patrón maior no trullo, disque por alterar a orde -seica o poder chama así agora ao exercizo dos dereitos cívicos en defensa propria colectiva. Estará na orde violar as normas de seguridade cidadán na ubicación dun enxeño regasificador? "Métense todos na prisión e fica todo como inantes" -cantara o Cilia hai ben decenios xa, cando de Salazar e a sua (famosa) democrácia: é sempre a mesma melodía. E será? * * * * *
"Toda a paisaxe vai sendo o parque do burgués de corpo farto." Non é de agora, ese satírico sarcasmo, nen é esquerdista radical quen o escribiu: é de Otero Pedraio, en Nós, 1928. E inda prosegue: "Ademáis o burgués triunfante cóidase eterno, e poida que o sexa. Vai adquirindo estrutura de rocha, de algo definitivo. Endexemáis soñou con tanta gloria. Como a cultura é necesaria para a extensión dos negocios, permítese o luxo, como de auga corrente, de estar ao corrente das ideas." Éravos moito, don Ramón, ese fidalgo armado coa razón das luces, ilustrado coas luces da razón. Profético, non si? Velaí a antítese da paisaxe humanizada, poboada de sombras amigas, sonora co ecoar dos pasos dos amigos que deviñeron paisaxe ao facérense terra e luz. De non impedirmolo nós todos, tornarase en parque do burgués de corpo farto. Na Ferrolterra, no Courel, en Corrubedo, tamén agora na Terra Chá: recital de coexistencia pacífica, amansada, domesticada, sen guerra fría nen tal. Acougade, galegos, impacto cero ambiental, dí o poder agora, en convivencia amorosa até cos parques naturais. Non periga a natureza nen perigan os paisáns: nen coas toupeiras da lousa no Courel, nen coas fábricas de peixe en Corrubedo, nen coas bombonas -macro- de gas licuado na ría ferrolán. Tampouco co espolio a grande escada do seixo, non só no Sacro Pico do Ullán, tamén agora na Terra Chá. "Galiza caníbal"? Nanai!: Galiza Katanga, sen precisarmos un Mobutu -e até con parques naturais.
* * * * *
"En ningures as duas maneiras da palabra cultura casan mellor que na Galicia. ¿Quén sería capaz de afastar entre nós a cultura da terra da do esprito?". Retransmitide, por favor, esta pergunta inanque, infortunadamente, arestora a resposta saibádela xa: praos ananos do país -que non país dos ananos, Celso- a terra sí, interesa; o esprito está de máis. Morte e resurrección, titulaba en 1932 Otero o ensaio no que o agoiro desa sospeita rebenta en interrogación. Ben sabía il que habería alguén capaz de esgazar o binomio terra-home. Que ese alguén existía socialmente xa daquela. Il mesmo identificárao e definírao xa, no seu satírico sarcasmo en Nós, catro anos atrás. A Morte chegaría axiña, alancando polos camiños da vida e da cultura paisán, destruíndoo todo ao seu paso, Terra, natureza e clan. Inda dura esa barbarie, reaparece con disfraz. Mais a Resurrección alenta tamén xa. Nos nobres corazóns das xentes do valeroso clan que combaten, coas armas do esprito xeneroso, no maquis cidadán. "Na estrada dos chaos a revolta de Casdenón é, como denantes, a máis vistosa." Contemplado o panorama outonizo, recuperados os folgos, despois de botar un pito, sinto moi perto o ecoar de pasos amigos. Póñome en pé e penso: morto o Bicho, compre outravolta erguerse e camiñar. • | |
| < Ant. |
|---|

Non periga a natureza nen perigan os paisáns: nen coas toupeiras da lousa no Courel, nen coas fábricas de peixe en Corrubedo, nen coas bombonas -macro- de gas licuado na ría ferrolán. Tampouco co espolio a grande escada do seixo, non só no Sacro Pico do Ullán, tamén agora na Terra Chá. "Galiza caníbal"? Nanai!: Galiza Katanga, sen precisarmos un Mobutu -e até con parques naturais.