| O neoliberalismo é incompatíbel coa supervivencia ecolóxica |
| Susan George | |
| Xoves, 27 de Setembro do 2007 | |
|
Dende logo que Nacións Unidas debería ter un papel importante na creación dunha axencia propia que gravase as transaccións internacionais. Un dos problemas máis importantes é que hai moita xente que non ten idea de como funcionan as institucións, de como é o proceso de decisións e como estas afectan ás súas vidas... Sobre todo, temos que saber que é o neoliberalismo e saber que está creando máis e maiores desigualdades, empobrecendo á xente. O segundo punto que suscito é salvar o planeta. O neoliberalismo é un sistema incompatíbel coa supervivencia ecolóxica. Outro dos temas fundamentais é a profunda división entre o que podemos considerar o modelo estadounidense e o europeo. O estadounidense trata de dividir Europa porque a ve como un rival potencial. E neste sentido hai unha verdadeira guerra entre Europa e Estados Unidos, que polo momento está perdendo Europa. O cambio en España é extremadamente importante porque pode empezar a revertir a tendencia e facer tomar conciencia aos europeos de que teñen capacidade para cambiar o mundo cara a un modelo diferente. E dentro de Europa, son vitais os movementos sociais, que a xente vaia tomando conciencia do mundo, porque se non asumimos a nosa gran responsabilidade, acabarase impoñendo o modelo estadounidense: un capitalismo brutal sen pouca ou nula protección social, un modelo ecoloxicamente insustentábel e un modelo belicoso que invade países utilizando a guerra como primeiro instrumento da súa política. Hai suficiente riqueza para que todo o mundo teña educación, saúde, alimentos... É realizábel, non é un soño utópico, pero para conseguilo temos que ir onde está o diñeiro a nivel internacional, o que implica gravar os mercados internacionais, ás transnacionais, ter un sistema eficaz e transparente de redistribución e, moi importante, unha estrutura democrática externa que siga a pista dos cartos e determine xunto aos gobernos e todos os sectores da sociedade, as prioridades. Non pode establecerse unha relación directa entre o terrorismo e a globalización neoliberal. Demostrouse que os terroristas arrestados logo do ocorrido o 11 de setembro en Nova York eran dunha certa clase social, con formación. Por iso non pode dicirse que se trataba de xente pobre reaccionando contra o mundo rico, pero si se pode dicir que existen inmensos focos de desemprego e de xente que se sente fóra do sistema, e calquera sociedade que exclúe á metade da súa poboación está condenada ao fracaso. Espérase que Europa tome conciencia de si mesma, decida ser un actor xeopolítico, que se separe do brutal réxime estadounidense e que promova un modelo europeo que sexa posíbel no resto do mundo. A crise máis inmediata que debemos enfrontar na actualidade é a ecolóxica, é a exclusión. E a resposta é máis ou menos a mesma, a responsabilidade tan grande que ten a sociedade civil. Miremos a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948. O que recolle son uns mínimos para ter un nivel de vida decente. Iso é exactamente polo que loitamos, e iso é exactamente tamén aquilo que a globalización neoliberal está contribuíndo a destruír. Neste sentido o papel das organizacións non gobernamentais é crucial e a responsabilidade do movemento social, fundamental. Por iso as organizacións deben unirse, formar alianzas. Esa é a única forma que temos de vencer porque seremos maioría e teremos entón capacidade para presionar aos nosos gobernos e facer que nos escoiten. O fortalecimiento e sobre todo a hetereoxeneidade do movemento social mundial observado tralo terceiro Foro Social Mundial celebrado na India, non son fontes de potencial debilidade. En realidade é incríbel o que se fixo en cinco anos. O que necesitamos agora é estar mellor organizados. Debemos tratar de planificar estratexias comúns. Por iso creo que debemos celebrar moitos menos plenos e moitos máis seminarios e talleres onde os temas son discutidos. Iso é o que debemos facer agora: definir cales son os nosos obxectivos. O movemento social aínda non ten suficiente forza como para provocar estes cambios. As ideas e a enerxía xa as temos, pero necesitamos crecer en número de xente, mellorar os nosos lazos, centrarnos máis e fixar as nosas prioridades dunha forma natural. Non é doado, pero creo que estamos no bo camiño. O fundamental é fomentar boas alianzas. Cada un de nós pode contribuír a facer un mundo mellor participando, uníndose a algo, a outras persoas... Facéndose membro dunha organización, e asegurándose de que esa organización se unan a outras en grandes temas. Alianzas. Se se fai só, unicamente conseguirase sentirse mellor cun mesmo. Como estadounidense, creo que este goberno é unha aberración e espero que lles boten. Están danando profundamente as institucións americanas. Creo que se trata dun goberno protofascista que está executando un golpe de estado. Esta xente representa unha ameaza severa para todos e Europa parece que non acaba de entender que tratan de dividila. Agora mesmo hai unha guerra para facerse co poder, e neste sentido, Europa debe manter unha política exterior que non se ten que basear nunha carreira armamentista con Estados Unidos. Ao contrario, iso é o que aconteceu con Rusia e dese xeito foi como a desmembraron. Europa necesita un servizo de intelixencia competente e unha forza de intervención que poida acudir a desastres naturais e humanitarios. Pero non forzas de invasión como as estadounidenses. Dende logo que Nacións Unidas debería ter un papel importante na creación dunha axencia propia que gravase as transaccións internacionais. Pero nestes intres aínda segue moi próxima aos intereses americanos. Kofi Annan non é un "axente libre" pero o vai facendo ben nas circunstancias actuais, aínda que por outra banda lamento a iniciativa do Global Compact (principios de responsabilidade social ás empresas multinacionais); non confío nesa iniciativa e creo que é un gran erro. Así que certamente, nunca diría que Nacións Unidas pode ser un goberno global.• *Susan George é vicepresidenta de Attac - Francia. Fonte: Revista Foro Latinoamericano (Foi publicado o 15/5/2004) |
| < Ant. | Seg. > |
|---|
