| Do Courel a Corrubedo VII. "Imbéciles e escuros" |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Mrcores, 26 de Setembro do 2007 | |
|
"Imbéciles e escuros", no texto pondalián do Himno galego, é un insulto ou unha definición?
[Galicia Hoxe] Acórdaseme de, cando novo, terllo escoitado relatar a don Ramón Otero. Co cintileo que lle asomaba aos ollos por tras dos lentes e o sorriso pillabán que lle frunxía o bico dos beizos cando narraba un sucedo divertido. Fora así, máis ou menos. Paseaba il co seu tocaio Valle-Inclán por unha rua de Compostela. Cruzóuselles alguén que, ao pasar, algo lle rosmou a Valle, se cadra algunha interquinéncia inconveniente. O caso é que Valle, no intre, volveuse e espetoulle un sonoro "Imbécil!" -que non tivo retruque, o fulano encolleuse e foise embora. Á bonomia de don Ramón -o de Trasalba- pareceulle excesiva a increpación, e reprendeulle afábelmente ao seu amigo insultar a alguén por tan pouca cousa. Valle non se inmutou. Só dixo, solemne, co seu tic zarabeto no falar: "No ez un inzulto: ez una definición". E os dous escacharon a rir. Volvinme lembrar días atrás desa anécdota. "Imbéciles e escuros", no texto pondalián do Himno galego, é un insulto ou unha definición? Sabedes a que se armou o vran que hoxe remata polo lerio do Himno nas "galescolas". O Rajoy vacante -dígoo polas suas vacacións de visita domiciliaria, como as capeliñas aquelas das beatas de outrora- fixome relembrar o que dixera hai varios anos outro de igual nome, vicepresidente daquela do aznarato español. Ou era o mesmo? Non sei. Os nomes cadran, mais os alcumes non, porque a aqueloutro puñeranlle as xentes, de malnome, "el señor de los hilillos" -e a iste de agora seica xa non. Nadaba daquela Galiza na abundáncia de piche ou chapapote -moi mal aproveitada, por certo, co caros que andaban xa no mercado os derivados do petróleo. O noso mar fisterrán éravos talmente o Mar Morto israelí. Afundirase o Prestige á altura das Cíes, mar por medio, despois de paseáreno as autoridades celtíberas durante días e máis días de sul a norde e volta, de norde a sul, perante as costas galegas. Todo para ben regar de piche o noso estéril litoral, a ver se esa semente prendía, xa que as prospeccións decretadas anteriormente polo xuntoiro fraguiano, en percura de petróleo, non deran bó froito. O recambio fora o Prestige afundido, pozo de petróleo envasado, do que manaba fuel a eito, só que sen tubería á superficie, de xeito que se botaba a perder no mar. Un cerebro gubernativo delegado resolvera o problema cun revolucionario trastorno das leis convencionais da física: disque dadas as baixas temperaturas do mar, á profundidade á que se achaba tan singular xacemento de hidrocarburos enlatados, o fuel, asegún fluía, solidificaríase de imediato, en forma de "adoquíns" de piche duro que acabarían por emergullar: abondaría apañalos, recolectalos en superfície, sen contaminación ningunha, e aproveitalos na pavimentación de estradas. Non riades, que o conto é triste -escribira o Daniel de Rianxo en Cousas. Pro, nesta ocasión, non fora conto ningún: foran, en esperpento, declaracións gubernativas institucionais. Así que a tal respeito, "imbécil", é un insulto ou unha definición? Mais vaiamos ao "señor de los hilillos". Fracasada a operación "adoquin", por irreductíbel teimosía das leis da física, compría clausurar o xacemento de fuel mergullado no mar. Pero resistíase. Mandaron un batiscafo a ver, e nada: o hidrocarburo, teimudo il, fluía do Prestige. Fan calar ao delegado do adoquin, toma o relevo o vicepresidente: o que deita o Prestige non é nada de importancia, simplesmente "unos hilillos, como de plastilina", nada contaminante na imensidade do océano. Eis "el señor de los hilillos": insulto ou definición? A todo isto, raparigos das escolas e institutos de toda Galiza, cos mestres e profes á frente, formaran unha cadea humá ao longo da Costa da Morte e Bergantiños. Unha impresionante movilización, feita co asentimento das famílias dos cativos, perfeitamente orgaizada, sen o menor incidente, sen asomo sequer de desorde calquera, como se pasaran todo o curso a ensaiala. Manifestación profundamente emotiva e conmovedora, cun elocuente simbolismo que o común da xente captara deseguida: solidariedade dos máis inocentes cidadáns entre si e coa xente da beiramar que, coas suas mans, erguera un valado humán frente á maré negra, o único dique que represara o chapapote, a única enerxía que defrontara a catástrofe provocada pola incuria do poder dos "ignorantes e férridos e duros" -con perdón. Se cadra o único que non se conmoveu foi o tal vicepresidente do goberno español. Tivo o coallo de dictaminar que os nenos foran manipulados: acusou aos mestres de manipularen "as mentes" dos rapaces -acusación análoga, por certo, á que guindaran os seus devanceiros ideolóxicos contra os mestres da República para represaliárenos. Case simultáneamente con estes feitos producirase a invasión do Irak. Mentras as televisións transmitían imaxes de mulleres e nenos esmendrellados e escalazados nos mercados e nas rúas de Bagdad, no Parlamento da Galiza os representantes do aznarato cómplice desa masacre impedían, coa sua "férrida" maioría, que a cámara gardase un minuto de silenzo polas vítimas inocentes que tódolos demáis solicitabamos. Certo que as bombas ianquis non manipulaban as mentes dos nenos iraquís. Limitábanse a desmembrárenlles os corpos. A manipulación mental era privativa dos mestres galegos cos seus escolinos cando da maré negra do Prestige. Era, dixen? Vólveo ser arestora sobre os inocentes das "galescolas", sometidos á tortura anímica de escoitaren o himno da sua nación -manda truco, quén llo diría a Pascual Veiga, co fermosa que é a música que compuxo. E se cadra, por riba, cantáreno, oes, no canto de "había una vez un barquito chiquitito que no sabía navegar", mira ti qué listo era il. Porque o problema é que o himno galego ten letra, como a Marsellesa, só que dun tal Pondal, e non de autor anónimo popular -cousa que, polo demáis, renxe coa reclamación de poder popular nacionalista. É problema, digo, porque, por caso, a Marcha Real española non a ten -e así non pode conter vocábulos que resulten insultantes pra ninguén. Se acaso, o son. Digo o son, non a melodía, porque carece dela: é un soniquete elemental montado coa tónica, a dominante e a terceira do acorde básico de maior. Lóxico: fora composto para cornetas sen pistóns da garda dun rei borbón. Non podía dar máis de si. Portanto, o problema está na letra. Repitámolo, logo: "ignorantes e férridos e duros, imbéciles e escuros", é insulto ou definición? Consultemos aos que saben. En 1996, o filólogo Manuel Ferreiro, profesor na Universidade da Coruña, especialista na obra poética de Eduardo Pondal, publicou en Laiovento un libriño no que restituía a auténtica textualidade orixinal ao poema pondalián Os Pinos, letra do Himno declarado oficial polo Parlamento galego na lei 5/1984, de símbolos de Galiza. Unha reedición actualizada dese traballo ven de ser feita pola Libraría Couceiro, como galano aos leitores, co gallo da apertura da sua nova sede na Praza do Pan, ou sexa Cervantes, no casco antigo compostelán. O texto pondalián sufrira diversas alteracións deturpadoras, que Ferreiro puido subsanar grazas aos achádegos nos arquivos documentais da RAG. Non se subsanaron, en troques, no texto que figura na lei do Parlamento, malia os esforzos da profesora Pilar García Negro cando era deputada na cámara galega. Nunha das notas ao restituído texto orixinal auténtico, Ferreiro comenta o "conflitivo" vocábulo "imbéciles". Di así: "Para a correcta interpretación do poema, convén notar que o latin "imbecillem" significaba "extremadamente débil" no sentido físico, e só tardiamente se comezou a aplicar nas línguas romances á debilidade de espírito e moito máis recentemente adquiríu o sentido de "parvo". Moi probabelmente, neste contexto, imbéciles é sinónimo de brandos ou molentes, adxectivos que aparecen múltiplas veces en construcións binarias na poesía pondaliana, para alén de compartiren o campo semántico con preguizosos, opción lexical da primeira versión enviada por Pondal a Pascual Veiga." Xa vedes: a benevolencia de Pondal, na solvente interpretación pacificadora do profesor Ferreiro, non tiña intención aldraxante ningunha ao calificar de imbéciles e escuros aos ignorantes e férridos e duros que, iles sós, non entenden nen atenden a voz e o rouco son dos rumorosos. Xa podedes tranquilizalos a iles todos -se gostades de perdéredes o voso tempo en tan caritativo labor. Porque, canto a min, eu estou con don Ramón -Valle-Inclán, non Otero Pedraio, neste caso. Chamar "imbéciles" aos escuros ignorantes férridos e duros inimigos do povo galego, aos saboteadores da sua identidade, autoestima, dereitos e dignidade, aos aferrolladores do "valeroso clan", chamalos imbéciles, digo, non é un insulto: é unha certeira e esclarecedora definición. • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

