| Entrevista a Altermundo |
| Idoia Zengotitabengoa | |
| Mrcores, 19 de Setembro do 2007 | |
Entrevista feita por Idoi Zengotitabengoa a Manoel Santos e Imanol Dorca, administradores de Altermundo.orgGlobalización como fenómeno en poucas palabras. É sólo o nome para a etapa actual do capitalismo? Realmente a palabra globalización por si soa non indica gran cousa. Habería máis ben que falar de globalización neoliberal ou globalización ultracapitalista. Mais por extensión hoxe entendemos como globalización a imposición dun sistema ultracapitalista a nivel mundial no que o mercado e o capital predominan sobre todos os eidos da humanidade, incluida a vida. Dalgún xeito si é a etapa actual do capitalismo, mais o que aconteceu, especialmente dende a caída do muro de Berlín e a implosión do bloque soviético, é que pasamos dun capitalismo medianamente regulado a un capitalismo salvaxe. Para conquerir a globalización deste sistema económico tan inxusto imponse a nivel mundial –e nisto o control dos medios de comunicación é fundamental– o que hogano coñecemos como “pensamento único”, no que alguén nos di que só hai un camiño, o do capital, e para seguilo temos que renunciar a culturas, linguas, sistemas de produción de alimentos, relixións, conservación ambiental, dereitos fundamentais como o de autodeterminación, etc. e aceptar os designios das grandes corporacións financeiras, que din ser as únicas capaces de sacar o mundo da pobreza. Qué hai detrás do neoliberalismo? Fundamentalmente intereses económicos, ansias de poder, ou se cadra unha nova fase imperial na que as transnacionais e os poderes financeiros mudaron nunha especie de goberno mundial que suplanta as atribucións dos estados. Detrás do neoliberalismo está o librecambio sen límites, a disciplina fiscal, a liberalización das taxas de interese, a privatización das empresas públicas, os desregulamentos dos mercados de traballo, etc. Xa que logo, só hai cartos e corazóns fríos. A globalización garante os dereitos humanos básicos? O globalización neoliberal funciona coa imposición da hexemonía absoluta da economía sobre o resto de dominios sociais e co mercado como suposta man invisébel capaz de corrixir calquera tipo de disfundión social. Os seus defensores din que acabará correxindo a inxustiza social mundial, pero a experiencia dinos que as cousas foron a peor e que a meirande parte do planeta sofre para que no Norte os depredadores financeiros engorden máis e máis. Non é que non garanta os dereitos humanos básicos, é que os esnaquiza, pois a obsesión do crecemento de uns resulta na miseria da maioría. Son o G-8 e outros Organismos (FMI, Banco Mundial e OMC entre outros) os que teñen o poder no mundo? Entre outros. Realmente o poder téñeno as multinacionais e as galaxias financeiras, isto é, os fondos de pensións, axencias de bolsa, compañías de seguros, etc., empresas virtuais nas que non se produce nada, só cartos con cartos. Estes entramados económicos forman grupos de presión sobre os organismos como o FMI, BM, OMC ou G-8, que serían, digamos, os brazos executores. Qué pensades sobre o cambio climático? A dicir de algúns este sistema leva ao mundo ao caos. O cambio climático é, se cadra, o efecto máis devastador que orixinou o neoliberalismo. O sistema económico someteu ao planeta a tal presión, sen miramentos, que este non pode máis. Os recursos, mesmo o aire, non son ilimitados, e hoxe parece que estamos a pasar o limiar do ecoloxicamente soportábel. Os datos son tan incontestábeis que hoxe aquelas advertencias dos ecoloxistas que os poderosos vían como catastrofistas son aceptadas por todos. O cambio climático xa non se pode agochar, e si, efectivamente todo parece indicar que camiñamos cara o caos. Se cadra estamos perante un castigo da propia Terra, que xa non aguanta máis. Din que o Protocolo de Kioto é o camiño para saír desta desfeita da natureza. É así? O protocolo de Kioto non é nin moito menos o camiño, a penas é un paso, un paso necesario pero moi pequeno e ademais tremendamente enganoso, porque malia que todos –especialmente EUA e China– o ratificaran e o cumpriran, non se solucionarían os problemas ambientais mundiais, que é o que nos venden, que con Kioto xa abondaría. Ou a lo menos iso é o que está a entender a xente. Si vale, e valeu, pola contra, para ir creando unha conciencia ambiental mundial na xente, que é o que nos pode salvar. As emisións de CO2, sendo un problema moi grave e se cadra definitivo, non son o único problema do planeta. A sobreexplotación de recursos, a deforestación, a extinción masiva de especies, a contaminación das augas, as guerras, as desigualdades…, todo remata afectando directamente á natureza, ao planeta que nos sustenta como soporte físico e como despensa da humanidade. Ademáis, e isto é unha advertencia, intuímos que a teima da redución de emisións non se está a tomar en serio polos poderosos. Non o fan por conciencia ambiental, senón por un novo gran negocio que está a xurdir, o das enerxías renovábeis. As grandes compañías enerxéticas xa están a explotar a medio mundo para ser os primeiros en instalar muíños de vento, cultivos transxénicos para producir biocombustíbeis, campos de placas solares, etc, e así facerse con milleiros de millóns de cartos públicos e dominar –e polo tanto privatizar– este novo mercado. Poucos falan, pola contra, de eficiencia enerxética e de reducir consumos, que sería, ao cabo, a única solución posíbel. Si seguimos consumindo máis e máis non haberá sistema que o soporte. A Sociedade, cada vez máis rica ou máis pobre? Depende do ollo con que se mire. Según os expertos en macroeconomía, en números absolutos é cada vez máis rica, pero isto é enganoso. Se o rico, que gañaba 1.000, pasa a gañar 10.000, e o pobre, que gañana 1, pasa a gañar 2, son os dous máis ricos en números absolutos, pero realmente o pobre é máis pobre porque a distancia aumenta. Iso é o que está a pasar no mundo. Malia que os indicadores din que os índices de desenvolvemento humano nos países máis pobres aumentaron, o certo é que cada día hai máis diferenzas. As desigualdades aumentan minuto a minuto. A débeda externa, hai algunha solución? Habela haina. A anulación –non só a condonación– das débedas contraídas ilexitimamente, que son a meirande parte, pois foron creadas coa explotación humana, fomentando ditaduras, etc. Realmente habería que plantexar quen debe a quen? Como se lle pagan aos países do Sur séculos de escravismo, mortes, explotación, contaminación forzada, expolio de recursos naturais? Canto vale isto? A Privatización, ata dónde chegou na sociedade moderna? É o privado o que lle convén a cadaquen? A propiedade privada é un dos cancros do mundo e no que se cimenta o capitalismo fundamentalmente. Esta debería reducirse á mínima expresión. Si somos unha sociedade, como din, a meirande parte de cousas deberían ser sociais, comúns. Se cadra todo o mundo quere ter a súa leira e a súa casa. Ben, pero hai cuestións imprivatizábeis, como a saúde, o acceso á auga, a educación, a cultura e todo o que remate no ben común, como os transporte públicos, etc. que nunca deberan ser privatizados, e o foron en todo o planeta. A febre das privatizacións só orixinou máis que pobreza nos máis pobres. Isto é un feito indiscutíbel. Neste punto, por exemplo, hai que chamar a atención sobre o perigo que supón para o mundo o actual funcionamento da OMC e as súas ansias privatizadoras. Os seus acordos máis polémicos son o ADPIC (Aspectos dos Dereitos de Propiedade Relacionados co Comercio) polo que por exemplo se ampliou a protección mundial das patentes ata 20 anos e sobre todo o AXCS (Acordo Xeral sobre Comercio de Servizos), unha xigantesca amenaza sobre os servizos públicos de moitos países e unha pedra no camiño para os países en desenvolvemento, que son os que máis os necesitan, sobre todo tendo en conta que se trata de sectores que dependen case sempre da solidariedade nacional. Mediante o AXCS a OMC considera “no mercado” dende o ensino ata a saúde, pasando polo ambiente e tamén o ocio (deporte, cultura). Según parece, o 20% dos habitantes do mundo consume o 80% dos recursos, e ao revés, o 80% o restante 20 % dos recursos. A donde nos leva esta situación? Falas do que se dá en chamar sociedade do 20/80. É unha lei non escrita pola que para o goce duns poucos os demáis deben sufrir, e non debería ser así, hai recursos para todos. É o neoliberalismo en estado puro. A donde nos leva? A nós, habitantes do norte, a vivir máis individualizadamente e insolidariamente cada día, a unha sociedade noxenta. Aos do Sur, a máis e máis miseria. A unha sociedade tamén noxenta pero por outras causas. O caso é o que acontecerá cando os do 20 digan basta xa, porque a situación os está a levar a iso. Os crecentes fluxos migratorios son a mellor mostra diso. A globalización fará desaparecer as culturas máis pequenas. Qué opinades? Faino cada día. Por exemplo, hai unhas 5-7.000 linguas no mundo e a tendencia actual é que o 90% poden desaparecer neste século. Isto tamén sería unha catástrofe ambiental, ademáis de social, porque as linguas gardan na meirande parte dos casos secretos sobre a natureza, coñecementos sobre o uso da terra, sobre as súas plantas, sobre os comportamentos do clima, en coplas, en cancións populares, na artesanía, etc. que se perden con elas. Perdemos, xa que logo, coñecemento. Se de algo se vale a globalización para triunfar é do exterminio de culturas, do pensamento único que falabamos enriba. Imponse un tipo de sociedade como modelo que fomenta o individualismo e o consumo, un xeito de vida depredador co resto de culturas. É un imperialismo cultural sen precedentes, pola que se intentan uniformizar as formas culturais –tomando como imaxe o consumismo norteamericano principalmente– e polo tanto as supostas necesidades da poboación, que se moldean segundo o que necesiten vender as empresas. Hoxe, en moitos países cultívase o que as transnacionais ordenan, abandonándose os cultivos tradicionais; fálase na lingua do imperio abandonándose as linguas propias; os nenos queren xogar aos xogos cibernéticos do Norte abandonando os seus xogos tradicionais; a televisión –feita no Norte– suplanta as xuntanzas entre veciños; as hamburguesas ás tortas de millo; estamos a perder milleiros de anos de coñecemento, estamos a esnaquizar a diversidade do mundo, e isto só beneficia aos poderosos, a nós fainos máis pobres física e mentalmente, convértenos en peciñas do seu bárbaro xadrez. Cando aparece calquera cousa sobre as resistencias sempre se menciona o caso de Xénova, hai un antes e despois de Xénova? Ou toda resistencia marca un antes e un despois? Máis que de Xénova, que foi no 2001, sería mellor falar de Seattle, que si marca un antes e un despois. Xénova foi outra mobilización, grandiosa, que pasou á historia sobre todo polo asasinato de Carlo Giuliani e serviu para saber até onde estaban dispostos a chegar os “amos do mundo” para frear os movementos antiglobalización: a todo. En Seattle, no 1999, confluíron 50.000 manifestantes chegados de todos os recunchos do planeta que conseguiron, por primeira vez, facer fracasar a Rolda do Milenio da OMC cunha mobilización sen precedentes artellada dende internet. Foi toda unha sorpresa para os poderosos. A partir de aquí un xigantesco grupo de persoas, dende sindicalistas a intelectuais, dende labregos a camioneiros, fan converxer as súas protestas presionando en todas e cada unha das xuntanzas dos poderosos: asembleas da ONU, ministeriais da OMC, ou citas do FMI, G-8 e Comisión Europea. Logo virían Bangkok, Washington, Praga, Florencia, Xénova, Barcelona, Cancún, etc. A protesta é fundamental para resistir ao neoliberalismo, para que os poderosos se decaten de que a xente quere outro mundo, máis non é a única faceta, tan só unha menor, do movemento altermundista, que é moito máis. Moitas veces, os Zapatistas aparecen como un movemento modelo contra o capitalismo. Qué opinades? Os zapatistas son un modelo para uns e non para outros. Si é certo que do seu movemento xurdiron pensamentos que hoxe son bandeira dos movementos antiglobalización, e que a linguaxe que empregan ten moito peso no mundo. De feito, moitos din que o altermundismo e o Movemento de Resistencia Global nace na selva chiapaneca, cando en 1996 –dous anos despois do levantamento zapatista– se organiza o Primeiro Encontro Intercontinental pola Humanidade contra o Neoliberalismo. Máis de 3.000 activistas de corenta países dos cinco continentes acudiron á chamada de: “Isto non é necesario para conquistar o mundo. Isto é suficiente para facer un novo”. O zapatismo é iso, un modelo, pero hai miles de modelos máis, como os Sem Terra brasileiros, os piqueteiros arxentinos, os dalits indios, etc. Agora ben, como modelo de autoxestión e autoorganización, que se cadra é o que hai que buscar como alternativa ao sistema ultracapitalista, os zapatistas semella que si atoparon un camiño –cos seus municipios autónomos e as súas xuntas de bo goberno por exemplo– que outros aínda están a buscar. Mais o mundo é moi diverso, e polo tanto cadaquén debe buscar o modelo que máis conveña aos seus, sen esmagar aos demais por suposto. O único que parece común é o inimigo, que é o mesmo en todos os casos, o ultracapitalismo salvaxe. Contra a globalización ou a favor dunha nova globalización ? É posíbel outro mundo (ou concordades con este fenómeno)? Evidentemente que é posíbel outro mundo, ten que selo, pero non vai chegar mañá. Este faise diariamente, sendo cada día máis responsábeis no consumo, na solidariedade, estudando como funcionan os poderosos para poder derrotalos, respectando a diversidade, pensando, falando, loitando pola autodeterminación dos pobos e culturas, presionando para pedir cambios sociais, etc. Unha nova globalización? Ben, isto é peliagudo. Si que queremos globalizar a xustiza, a saúde para todos, o dereito á vida digna, as necesidades básicas, a educación, pero até aí. Non queremos impor un modelo, senón que cadaquén busque o seu, o máis axeitado, e para isto temos que axudarnos entre todos, aprender doutras experiencias, para isto valen por exemplo os foros sociais. Dende este punto de vista non debemos pois buscar outra globalización, porque como di Carlos Taibo, calquera tipo de globalización, por benignos que sexan os seus desexos, require fluxos xerárquicos e pirámides sociais que invitan cando menos ao receo. Estamos contra calquera tipo de imposición e moito máis contra a que vén do capital. Buscamos xustiza social, sobre todo iso. Porén, outro mundo é posíbel, abofé que si.• |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Entrevista feita por Idoi Zengotitabengoa a Manoel Santos e Imanol Dorca, administradores de Altermundo.org