Plataforma Galega Antitransxénicos
Foro Social Galego
Corporacións, agrocombustíbeis e transxénicos
Silvia Ribeiro   
Mrcores, 19 de Setembro do 2007

 A onda dos agrocombustíbeis segue a avanzar, non porque sexa boa para o ambiente nin achegue solución algunha ao cambio climático global –de feito vaino a empeorar– senón porque as industrias máis poderosas do planeta veno como unha fonte de gorentosas gañancias e por riba conseguen que moitos gobernos as apoien con leis e subsidios.

[Ecoportal

As principais interesadas son as compañías de automóbiles (esperan que co novo combustíbel a xente se vexa obrigada a cambiar de carro), as petroleiras (controlan o sistema de distribución de combustíbeis), as que controlan o comercio mundial de grans (gañarán tanto co aumento da demanda de agrocombustíbeis, como co aumento de prezo dos alimentos que deberán competir con estes) e as trasnacionais de transxénicos agrícolas.

Outros sectores que avizoran negocios cos combustiíbeis agroindustriais son as grandes trasnacionais forestais e de plantas de celulosa (Stora Enso, Aracruz, Arauco, Botnia, Ence e outras), que agora producen para a industria do papel, pero que con mínimos cambios tecnolóxicos pódense converter en plantas de procesamento de etanol. Igualmente, fabricantes industriais de alimentos para engorde de polos e gando, como Tyson Foods, fixeron alianzas con petroleiras –no caso de Tyson con Conoco-Phillips– para a fabricación de biodiésel a partir de graxa animal.

Por que o interese das trasnacionais de transxénicos? Para empezar, porque son practicamente as mesmas que controlan a maioría da venda de todas as sementes comerciais. Actualmente, todas as sementes transxénicas que se plantan comercialmente no mundo son controladas por Monsanto (case 90 por cento), Syngenta, Dupont, Bayer, Dow e Basf. Ao mesmo tempo, as tres primeiras, ou sexa Monsanto, Syngenta e Dupont, teñen xuntas 44 por cento da venda de sementes patentadas no mundo. Se conseguen consolidar novos nichos de venda que "necesiten" as súas sementes patentadas, aumentarán as súas ganancias e o seu control sobre as sementes –chave de toda a cadea alimentaria humana e animal– co desembarco noutro sector crave: os combustíbeis.

Todas as trasnacionais que controlan os transxénicos xa teñen investimentos en investigación e desenvolvemento sobre combustíbeis agroindustriais. A maioría en cultivos transxénicos con maior contido oleaxinoso, de azucre ou almidón, pero tamén en enzimas e bacterias transxénicas, que serían incorporadas aos cultivos ou árbores, para acelerar o procesamento postcolleita.

Esas transnacionais xa gañan moito coa expansión dos agrocombustibeis, por exemplo co aumento devastador da área da soia transxénica no Cono Sur e todo Brasil, e co aumento de millo transxénico en Estados Unidos. Coa presentación de que serán para agrocombustíbeis ou nalgúns casos combinando forraxe e combustibeis, esperan introducir no mercado novas sementes manipuladas xeneticamente. Sementes que, por certo, non poderían lograr aprobación das axencias reguladoras se fosen para alimentación humana, introducindo así novos riscos coa contaminación de cultivos e grans usados para consumo humano.

Pero sobre todo, este feixe de trasnacionais que domina o mercado global de sementes, apunta a adueñarse de máis anacos do mercado xa existente, á vez que expandirse aos agricultores mozos que actualmente usan pouco ou nada de sementes comerciais, pero que coa bica de sementar por contrato para a produción de agrocombustíbeis, comezaríano a facer.

Todo isto está dando lugar a novas e poderosas alianzas corporativas. Por exemplo, Monsanto e Dow acaban de asinar un acordo para crear sementes transxénicas de millo combinarán na mesma planta a resistencia a oito herbicidas e ademais serán insecticidas. Isto reflicte  en parte o seu recoñecemento de que as sementes transxénicas xeran resistencia aos herbicidas e xa que logo cada vez hai que usar máis. E se non son para alimentación humana, poderánselle botar herbicidas máis tóxicos e en maior cantidade. Monsanto tamén se aliou con Basf, cun investimento de mil 500 millóns de dólares, para crear novos transxénicos en millo, soia, algodón e cánola. Xunto con Cargill creou a empresa Renessen, dedicada a millo e soia transxénica para agrocombustíbeis e forraxe. Para Monsanto significa, ademais, avanzar no seu monopolio, intentando desprazar aos seus competidores máis próximos, Syngenta e DuPont, do mercado de agrocombustíbeis.

Pola súa banda, DuPont creou con Bunge (unha das cerealeiras máis grandes do mundo), a compañía Treus dedicada a híbridos de millo e soia para agrocombustíbeis, e tamén fixo alianza con British Petroleum (BP) para producir etanol de trigo e biobutanol. Syngenta asinou un acordo de colaboración de 10 anos con Diversa Corporation (biopirata de microorganismos de todo o mundo), para desenvolver enzimas transxénicas para producir etanol, a ser incorporadas directamente nas sementes ou no procesamento. Syngenta traballa con productores de cana de azucre en Brasil neste eido, e é a primeira dos xigantes de transxénicos, que solicitou aprobación en Estados Unidos para un millo cunha enzima especialmente deseñada para agrocombustibeis.

O paso seguinte nesta escalada de poñer en risco os bens comúns da humanidade e o planeta, para conseguir lucros privados, é a bioloxía sintética, que pretende crear seres vivos construídos dende cero. Por exemplo, Synthetic Genomics, a compañía que creou o controvertido xenetista Craig Venter, traballa na creación de organismos vivos totalmente artificiais para producir enerxía.

Xunto cos plans das trasnacionais e os científicos ao servizo do lucro inescrupuloso, mecra tamén a conciencia e a resistencia a escala global. Por todo o que está en xogo é, sen dúbida, unha batalla dura.


Silvia Ribeiro
Sobre o autor ou autora:
Investigadora e responsable de programas do Grupo ETC na oficina de México
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
PuntoGal