| Do Courel a Corrubedo VI. Auto-odio de elite |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 17 de Setembro do 2007 | |
|
…a paradoxal anomalía consiste en que unhas xentes que se autoconsideran elites, incurran en comportamentos eivados que elas mesmas consideran atributos negativos peculiares da xente do común deste país (dos paisáns).
[Galicia Hoxe] Penseino moitas veces e coido que, nalgunha ocasión, até o puxen por escrito. Que iste, o noso, era un país no que as elites adoitaban reproducir, levadas ao paroxismo, as eivas e tangaraños que elas mesmas denunciaban e atribuían ao común da nosa xente. Dito deste xeito, pode resultar ser unha afirmación desmesurada, ou unha simplificación abusiva. Relativicémolo, logo, se queredes. Poñamos que certas elites, por caso, non todas elas. Mais, ben mirado, non é preciso : toda atribución xenérica refírese a un conxunto, mais enténdese que non necesariamente atinxe como atributo a todas e cada unha das partes. Portanto, prefiro deixalo como estaba enunciado de primeiras, como fenómeno atribuibel xenericamente ás elites do noso pais en conxunto. Porque aínda que se dea só nalgúns dos seus segmentos, diferentes ademáis segundo de cál eiva se trate, o caso é que o fenómeno atínxeos no cerne mesmo da sua natureza, porque é contraditorio coa sua condición social de elites, mesmamente. Noutras verbas: a paradoxal anomalía consiste en que unhas xentes que se autoconsideran elites, incurran en comportamentos eivados que elas mesmas consideran atributos negativos peculiares da xente do común deste país (dos paisáns). Mais é hora de saírmos do enguedello no que estou a enlearvos. Vexamos. Na análise dos grupos e clases sociais dun país pódese chegar a deseñar unha caracterioloxía que permita identificar a cada unha delas polos seus peculiares atributos, tipificábeis socialmente en termos de valores positivos e negativos que configuran unha ideoloxía. Pódense establecer así uns arquetipos e unha norma para cada un díles, e considerárense socialmente normais as actitudes e comportamentos congruentes en cada grupo coa sua norma -coa súa ideoloxía. Confírmase así unha identidade colectiva de clase, que caracteriza ao conxunto dos seus membros. O anómalo será o comportamento conforme á norma doutra clase diferente, é dicir, "desclasado" -máxime se esoutra clase é antagónica, e portanto implica unha posición antitética como arquetipo ideolóxico de valores. Pero ademáis, á marxe dos arquetipos que podan resultar da análise sociolóxica, cada grupo ou clase social "faise" un retrato de si mesma e máis das outras cos lentes da sua propria ideoloxía. Eiquí o normal será que o grupo ou clase dominante "fabrique" un retrato pexorativo do dominado -e que ademáis tente inculcarllo e facerllo asumir como autorretrato: procedimento de alienación que destrue a autoestima das clases dominadas e contribue, tendencialmente, a perpetuar a dominación. Por iso a recíproca, de primeiras, non se dá : os grupos dominados só comenzan a confeccionar unha visión crítica, un retrato en negativo do dominador desque se dotan de instrumentos e mecanismos de desalienación -desque elaboran unha ideoloxía de autoafirmación emancipadora. Mais o que non só resulta anómalo, senón que nunca acontece alén dunha casuística individualizada, é que o grupo dominante incorpore e practique as actitudes e comportamentos que configuran o retrato pexorativo que il mesmo fixo do dominado para destruir a sua autoestima e mantelo na hipnose da sumisión. Noutras verbas, as clases dominantes sementan nas dominadas o autoodio -que incluso se permiten logo diagnosticar pedantemente como "complexo de inferioridade"- mais cóidanse ben de pillaren ese andacio en retorno elas mesmas. Se así é, groso modo, como funciona ese mecanismo nas relacións de dominación entre clases sociais, de xeito análogo opera nas que se dan entre povos e culturas identitarias. Análogo, si, só que máis complexo. Porque máis complexos son, neste caso, os suxeitos colectivos entre os que se dá a relación de dominación e opresión. Primeiro, porque unha clase social é, por definición, un conxunto ideolóxicamente homoxéneo -cousa que un povo non o é. Segundo porque, socialmente, un povo non é un magma: está estratificado en clases -e por esa estrutura pasan, como por un lente deformante, os fenómenos que determinan a opresión social, cultural e política dese povo como tal no seu conxunto. En fin, porque a clase dominante nun povo oprimido está sometida á sua vez ao dominio dos mesmos poderes que exercen esa opresión -e por ese vieiro sí que prende nela o andacio do autoodio. E reduplicado, levado ao paroxismo -porque ela, a diferencia das clases populares, sí que aspira a desprenderse da identidade común co povo do que, malia todo, forma parte. Padece, digámolo así, un autoodio non común, non "vulgar": un autoodio "de elite". O autoodio pior de todos, o máis letal, para ela mesma e para o país enteiro -porque a paralisa e incapacita para o seu presunto rol dirixente. As manifestacións concretas dese síndrome son moitas e moi diversas, e calquer cidadán espelido pode detectalas na vida cotián, nas controversias e debates políticos, no que se lé ou escoita nos meios, no que se fala en diferentes círculos de relación, no que se opina en variados eidos profisionais, no que argüen orgaizacións empresariais, ou inclusive sindicais. E mesmo, no culme, en posicionamentos e declaracións de instancias institucionais autótonas e autónomas, sexan feitas formalmente polos seus órgaos ou informalmente, digamos que "por libre", por calquera dos seus ocupantes ou inquilinos. Inda neste pasado período vacacional hóuboas a eito, se cadra por non teren, na folganza, millor cousa que facer. Mais, nese caleidoscópico repertorio casuístico, hai alguns eidos temáticos nos que abrollan os leit motifs predominantemente recurrentes da inconsciente manifestación do "autoodio de elite". Un diles é o da cultura e o idioma proprios deste país -o noso, non sabería dicir se o diles tamén. Outro, o da propria integridade territorial e humana dese mesmo pais como tal. E outro, enfin, o da encomenda da defensa política dos intereses proprios -sexan entendidos coma os do país ou coma os das suas elites, que ben sei que é moi distinto. Os tres teñen en común o seren formas de auto-negación. Dito doutro xeito: manifestacións reactivas adversas da falla de asunción da identidade colectiva como povo, e inda máis como nación, agudizadas por unha difusa perceición da posición interna de clase e do rol "emisario" das suas elites dominantes nos resortes da opresión nacional, padecida primordialmente polas xentes do común, polo sustrato popular da sociedade. De aí a sua analoxía cos fenómenos característicos das situacións coloniais menos ostensíbeis. A falla de asunción da integridade territorial e humana do país -o binomio terra e home, relembrémolo- e portanto a ausencia dese referente, exacerba o andacio do individualismo e do localismo. Andacio que eiquí non é prerrogativa só dos chanzos inferiores da xerarquía de poder social, senón que atinxe igualmente aos grupos oligárquicos do cume da pirámide, como resulta patente no caso, por exemplo, do mal chamado "coruñesismo" -poisque precisamente o común dos cidadáns coruñeses non o profesan. "O individualismo e o localismo son os sucedáneos que sustituen a falla dunha madura conciencia de clase e dunha conciencia nacional burguesa": alguén escribíu isto hai decenios, e a sua vixencia paréceme evidente. A encomenda da representación e defensa política dos intereses proprios a intermediarios que mercadean con ela, no canto de dotarse de armas e instrumentos partidarios xenuinos e baixo control direito, é unha forma de auto-negación inda máis elocuente e perniciosa, e que leva trazas de resultar incurábel. "Se as superestruturas partidarias teñen o seu correlato na estrutura social, ou viceversa, ¿úla a burguesía galega, no período contemporán precisamente máis propicio para a sua expresión política autótona?": tamén isto semella evidente na realidade de agora mesmo. E, enfin, o máis sangrante: o auto-odio en relación coa cultura e o idioma proprios do povo galego. Sangrante, literalmente, porque atinxe ao corazón da identidade comunal, á "comunidade de cultura" que dixera Bauer, e que até o galeguismo máis morno, como por caso o piñeirán, afirmaba como cerne irreductíbel da nosa identidade colectiva. A sua negación é, se cadra, a expresión máis radical e paroxística do autoodio "de elite", a máis alienadamente auto-excluínte. Xa vai pra un século que o diagnosticara Victoriano Taibo: "O galego que non fala/ a língua da sua Terra,/ nen sabe o que ten de seu,/ nen é merecente dela". • | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

