No comercio xusto non todo vale
Esther Vivas   
Domingo, 16 de Setembro do 2007

 Ao falarmos de comercio xusto, na actualidade, xa non podemos referirnos a unha perspectiva única do mesmo.

Se até hai poucos anos prevalecía, no Estado español, unha sóa visión do comercio xusto dominada polas principais organizacións que traballaban neste tema, a consolidación do movemento e a formulación de novos debates xerou outra perspectiva que transcende a visión tradicional. Nestes intres, o discurso único centrado na produción en orixe e na necesidade de aumentar as vendas, como vía para axudar "aos máis pobres", púxose en cuestión.

A medida que o movemento foi crecendo e evolucionando apareceu outro enfoque que, partindo da definición tradicional, foi máis aló sinalando que o comercio xusto é moito máis cun acto de axuda. Trátase dunha perspectiva que racha cunha análise estritamente "asistencialista" e que suscita un modelo de comercio xusto transformador, opoñéndose á venda dos seus produtos en grandes superficies e rexeitando o seu uso como instrumento de márketing empresarial.

Dous polos de referencia

Así, fóronse configurando, a grandes liñas, dous polos de referencia no movemento do comercio xusto. Un que poderiamos denominar como "tradicional e dominante", que parte dunha definición do comercio xusto baseada nos criterios de produción en orixe establecidos por este movemento e conta cun discurso institucional e politicamente dominante, e outro que podemos chamar "global e alternativo", que vai máis aló desta perspectiva tradicional e que conta cunha visión integral do comercio xusto –dende a produción en orixe até a súa distribución e venda final– e que establece alianzas con sectores do movemento altermundialista.

Entre as organizacións que lideran o polo "tradicional e dominante" destacariamos á maior organización no movemento do comercio xusto: Intermón Oxfam, a principal importadora e a que conta con máis recursos económicos, seguida pola meirande parte de importadoras e algunhas ONG's, quen comparten en maior ou menor medida o seu discurso. É dende este polo que se impulsou un dos instrumentos máis polémicos no sector, o selo do comercio xusto. Unha iniciativa promovida por un conxunto de organizacións do movemento como Alternativa 3, Cáritas, Setem, Intermón Oxfam, IDEAS... e que se enmarcan claramente neste polo de referencia.

No polo "global e alternativo" atopamos a pequenas tendas, puntos de venda, algunhas importadoras e ONG's que se coordinan no marco do Espazo por un Comercio Xusto como a Xarxa de Consum Solidari, Sodepaz, Espanica, A Cova da Terra, Picu Rabicu, Rede de Comercio Xusto de Castela a Mancha, A Ceiba, Aldea do Sur, entre outras, e que amosan unha total oposición ao selo do comercio xusto e á venda destes produtos en grandes superficies.

A soberanía alimentaria

Outro dos elementos que diferencian ás organizacións do polo "global e alternativo" das do "tradicional e dominante" é o vencellamento que as primeiras fan do comercio xusto coa soberanía alimentaria, o dereito dos pobos a decidir as súas políticas agrícolas e alimentarias. Un posicionamento que significa desmarcarse dunha concepción "asistencialista" do comercio xusto, como unha mera transferencia económica Norte-Sur, e que implica que estes mesmos criterios de xustiza social se apliquen nas nosas actividades comerciais aquí (comercio xusto Norte-Norte) e nos intercambios levados a cabo nos países do Sur (comercio xusto Sur-Sur). Deste xeito, non ten sentido importar produtos baixo uns criterios de comercio xusto se estes xa se elaboran aquí con compoñentes sociais e ecolóxicos equivalentes (como é o caso do mel, o aceite ou o viño).

Neste senso, o sector "global e alternativo" séntese partícipe do movemento altermundialista e establece sólidas alianzas con algúns dos seus actores craves como a Vía Campesiña. Á vez que traballa xunto a labregas e labregos e consumidoras e consumidores en campañas contra os transxénicos, a favor da reforma agraria e da produción agroecolóxica... vencellando o comercio xusto á defensa da da terra, das sementes e á promoción dos circuitos curtos e o comercio de proximidade.

Non aos supermercados

Outro dos elementos que diferencian ás organizacións de ambos polos é a análise que realizan respecto que é e que non é comercio xusto e a relación que establecen coas grandes cadeas de distribución, así como o seu posicionamento respecto da venda destes produtos nas mesmas.

Dende un ollar "global e alternativo", o comercio xusto non pode limitarse tan só a que un produto cumpra unha serie de condicións na produción en orixe. O comercio xusto é moito máis cunha listaxe de criterios, é todo un proceso comercial que inclúe a un amplo abano de actores que participan neste de principio a fin: campesiñas/ños, produtoras/es, transformadoras/es, vendedoras/es, compradoras/es... Tan importante é onde, quen e como se produce, que onde, quen e como se vende e se merca. Dende este punto de vista, rexéitase a venda de produtos de comercio xusto en grandes superficies e cadeas comerciais, quen empregan estas vendas coma unha estratexia de limpeza de imaxe.

As organizacións integrantes do polo "tradicional e dominante" consideran que vender comercio xusto en grandes cadeas e supermercados axuda a difundir o concepto e a aumentar as vendas, o que significa máis axuda para os produtores no Sur. Pero, o comercio xusto non se limita a comprar e a vender máis produtos, aumentar as vendas a costa de comercializar estes produtos en hipermercados e supermercados non axudará aos pequenos productores do Sur senón, contrariamente, só beneficiará ás empresas multinacionais. Non debemos de esquecer que estas venden unha ínfima parte das súas mercadorías de comercio xusto, mentres que os seus beneficios proveñen da venda dunha maioría de produtos elaborados en base á explotación dos e das productoras, do abuso do medio ambiente e da precarización das condicións laborais dos e as traballadores.

Dende o sector "global e alternativo" consideramos que no comercio xusto non todo vale, que un comercio verdadeiramente xusto só será posíbel nun sistema político, económico e social que rache coas políticas neoliberais. Nun capitalismo de faciana humana no que as desigualdades sexan máis "sustentábeis" o comercio xusto non terá cabida. Nas nosas mans está escoller por que modelo apostamos.

*Esther Vivas, coordina a área de sensibilización da Xarxa de Consum Solidari.

Máis información: Onde vai o comercio xusto? Modelos e experiencias. [En Rebelión


Esther Vivas
Sobre o autor ou autora:
Coordinadora de sensibilación da Xarxa de Consum Solidari (XCS).
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >