| A pobreza no mundo: un balance negativo |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Venres, 14 de Setembro do 2007 | |
Nos últimos días do pasado mes de agosto déronse a coñecer dous informes que constatan un feito que moitos non queren ver: o aumento da pobreza nos estados do centro do sistema mundial.Nos últimos días do pasado mes de agosto déronse a coñecer dous informes que constatan un feito que moitos non queren ver: o aumento da pobreza nos estados do centro do sistema mundial. O primeiro dos informes, publicado pola Oficina do Censo dos Estados Unidos, mostraba que a cifra de pobres nos Estados Unidos ascendía a 36,5 millóns de habitantes, o 12,3% da poboación total, unha cifra lixeiramente inferior á última publicada (2005), pero aínda moi por riba da cifra do ano 2000. O segundo dos informes, publicado por Unicef, alertaba do aumento da pobreza infantil en dous dos principais centros do actual sistema mundial: os EEUU e o Reino Unido. Uns datos, por outra parte, que son coherentes con algúns dos que se veñen publicando nos últimos tempos relativos ao incremento da pobreza en España, Portugal, Alemaña, Italia ou Francia e que, ademais, mostran outro feito de moita gravidade: o aumento da fenda que existe entre ricos e pobres a escala local, o incremento, xa que logo, das desigualdades sociais. No ámbito mundial, por outra banda, os datos oficiais son alarmantes: a metade dos habitantes da Terra viven con menos de dous dólares diarios, dos que mil millóns non chegan a dispor dun só dólar diario; 50.000 persoas morren a diario por causas ligadas á pobreza (e a fame), das que a maioría viven en África, un continente que malia ser o máis afectado pola fame e a pobreza destina 14$ por persoa ao pagamento da débeda externa e menos de 5$ por persoa ás necesidades sanitarias... Resulta evidente que o causante de semellantes desequilibrios e inxustizas é o actual sistema económico que estrutura as relacións sociais: o capitalismo, un tren sen freos que camiña irremediablemente, cando menos se non se lle bota o freo, cara ao abismo, como o definiron recentemente Carlos e Pedro Fernández Liria e Luis Alegre Zahonero en Educación para la ciudadanía: democracia, capitalismo y estado de derecho (Akal, 2007). Así pois, en contra do que se podía pensar pola boa vontade mostrada por todos os dirixentes mundiais para resolver o problema da pobreza (o último en sumarse foi o primeiro ministro británico, Gordon Brown), a pobreza non só non se reduce senón que tende a aumentar, como se afirma nun estudo publicado polo Instituto Mundial de Investigación sobre a Economía do Desenvolvemento, da Universidade das Nacións Unidas (UNU-Wider), en decembro de 2006, no que se mostra que a metade da riqueza mundial está en mans do 2% da súa poboación, mentres que, á inversa, a metade máis pobre da poboación mundial apenas xunta o 1% da riqueza mundial. A situación, comparable cun xenocidio silencioso imputable ao sistema económico capitalista, en tanto que xerador das inxustizas, da pobreza, da fame e das enfermidades mortais da actual (des)orde mundial, é intolerable, polo que cómpre actuar axiña. O simposio Pobre Mundo Rico, que comezará o vindeiro día 2 de outubro en Vigo, será o momento para debater as alternativas precisas para a transformación.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Nos últimos días do pasado mes de agosto déronse a coñecer dous informes que constatan un feito que moitos non queren ver: o aumento da pobreza nos estados do centro do sistema mundial.