| Do Courel a Corrubedo V. Mitoloxía industrialis |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 09 de Setembro do 2007 | |
A "mitoloxía industrialis" impuxo, onda nós, o dogma de que o problema estribaba na obesidade, digamolo con humor, do sector agrario, e a solución pasaba por sangralo para facerlle transfusións ao industrial. E sangrárono, sí, unha vez e outra –até extenualo por desnutrición.As cismas do outro día non pararon de remoerme no caletre, mesmo despois de rematado de escribir o que vos dei a ler o domingo pasado. Que, a todo isto, non sei se o déchedes lido vós -non me estrañaría que non. Enredaba eu co mito da industrialización, por causa da leitura duns vellos textos meus que estaban agora no prelo para reeditárense. Deixáranme na gorxa o regosto acre e amarguexo da inutilidade dun esforzo pasado. O esforzo de elaborar unha diagnose para podermos atallar unha doenza social que se disfrazaba baixo síntomas equívocos e falaces, que fabricaba pistas falsas, de xeito que desorientaba o persoal sanitario encarregado da curación económica do país. E a inutilidade dos avisos desoídos, cando inda estabamos a tempo de remediar o mal, por mor da xordeira crónica e incurábel dos responsábeis -ou talvez irresponsábeis- da política económica doméstica. Porque, trinta anos atrás, a piques de saírmos do túnel do tempo franquista para bañármonos no sol da democracia, estabamos xusto na ocasión de remediarmos o mal pasado, rematar co pesadelo, abrirmos ben os ollos e recuperar o norte para a nova andaina que, segundo parecía, iamos encetar de vez. A luz do sol e o norte no compás, é dicir, substituír os mitos polo uso da razón -ilustrada, a poder ser. Mais non, non foi así. Saímos do túnel franquista para adentrarnos no illó ultraliberal. Cáseque sen transición, e coido dicir ben: sen outra transición que o cambio político virtual bautismado con ese nome. Enlamazados nese illó, no que aínda andamos a debaternos hoxe, os mitos perduraron. Ou, se acaso foron sustituídos, fórono por dogmas. Vellos dogmas baixados do faiado, limpados de arañeiras e repintados -pero dogmas, ao cabo, e portanto antíteses da razón iles tamén: os dogmas son custión de fé, non de raciocinio. A qué, logo, facer análises nen diagnoses? De qué podían valer semellantes andrómenas? De cisma en cisma, entroume o verme da curiosidade na memoria. Aquela presada de volumes da New Left Review dos anos setenta, ónde andarían iles? Seguramente armacenados na biblioteca do faio. Como os dogmas do conto? -jo, estaríache boa que lles pasase o mesmo. Alá fun comprobalo. Tiña idea de que os puxera á par da coleición do Grial dos anos sesenta, por ver se, por ósmose... Mais non, ali non estaban, nen noutro recanto ningún dos accesíbeis naquil espazo caótico de andeis ateigados de libros, revistas, carpetas preñadas de papeis, de canto, de pé, de costado, en ringlas, en pías, en caixas de carton estradas polo chan. Tal como a miña cabeza ás veces, non poucas, nos intres de dúbida, desconcerto, anguria, de perda de referencias perante a marcha do mundo, do noso e máis do outro, do que non tripamos nunca nen temos vivencias direitas dil, só as transmitidas por intermediários, e de aquela maneira. Baixei de volta á biblioteca do estudo. Onde raio andarían aquiles volumes? Desistira xa de dar con iles. E néstas, alí estaban. Dérame a vista no lombo do diario de Anais Nin, anos trinta, arrodeado de obras de Miller e Durrell -como daquela. E xusto por riba, no andel de enriba, o retrinco da coleición da NLR que andaba a percurar. Arrecadei o feixe de volumes e paseinos febrilmente dunha man na outra como as cartas dunha baralla, lendo a escape nas capas. Ecco-li-qua! -que dicía a miña aboa-. Un debate moi sonado no seo da esquerda -pensante- do entón. Myths of Underdevelopment: un provocativo ensaio de Bill Warren encol do imperialismo e a industrialización capitalista na periferia do sistema. Logo, noutro número posterior, Current Myths of Development: a réplica de Arghiri Emmanuel, o economista africano que definira a "troca desigual" nos fluxos económicos antre a periferia e o centro do sistema. Relínos por riba. Alí estaba a orixe e a fonte ideatoria da miña arremetida, por aquiles mesmos anos, contra a conversión en mito da industrialización da Galiza que tirei a colación eiqui o outro día. Debate no seo da esquerda, díxenvos. Porque daquela habíaos, ben serios, rigurosos, e moi fecundos por certo. E antre posicións que compartían o custionamento radical do sistema-mundo xa vixente daquela, ningunha delas contemporizadora con il, portanto. Non é que agora non os haxa, pero escasean ou fican na epidermis dos fenómenos, cando menos nas nosas latitudes. Padecen o mesmo andacio de larvado derrotismo -ou se cadra conformismo resignado- que inzou coma os alcolitos nos ermos da esquerda e do nacionalismo políticos. E con análogo efeito de desecaren e degradaren o chan nutricio das arboredas rexeneradoras do noso habitat social -das nosas fragas e debesas libertarias. Tanto Warren coma Emmanuel combatían o "sistema internacional de desigualdade e esplotación denominado imperialismo" -en palabras do primeiro. Mais analisábano con lentes e ópticas diferentes. Warren cos da cultura da esquerda ortodoxa do centro do sistema. Emmanuel cos do pensamento heterodoxo da periféria, forxados na epopeia da auto-descolonización. Lidas agora as diagnoses e os pronósticos de ún e outro, o tempo corroborou os de Emmanuel, todo o acontecido dende aquela deulle a il a razón. Mais é curioso: seguramente Emmanuel sentiríase satisfeito de ter acertado na diagnose, pero pesaroso de que os feitos confirmaran os seus pronósticos. Porque, tamén pra il, esa corroboración deixaríalle na gorxa o regosto acre e amarguexo da inutilidade -fáctica cando menos- do esforzo investido a prol dunha diagnose utilizábel para atallar unha grave doenza social da humanidade. Unha doenza que se disfrazaba baixo síntomas equívocos e falaces, capaces de desorientar mesmo a camaradas de combate tan lúcidos coma Bill Warren, neste caso. Pero, a fin de contas, ámbalas duas mensaxes, a do Warren e a do Emmanuel, emitidas en cadanseu código cifrado, mais dirixidas ámbalas duas aos estrategas das políticas sociais e económicas alternativas ás imperantes, foron desoídas ou malentendidas tanto unha coma a outra, no centro e na periferia tamén. O aleicionador debate, fecundo no universo criativo dos idearios emancipadores, non foi escoitado polo persoal sanitario encarregado da curación das doenzas sociais da humanidade. Non se disiparon as mitoloxías do desenvolvemento nen as do subdesenvolvemento tampouco. Perdurou o industrialismo como mitoloxía tanto no centro canto na periferia do sistema. O acerto de Emmanuel foi, nesta dimensión, infortunadamente inútel. Ao cabo, a burguesía -o capital- fai coma o cuco: pon os ovos nos niños dos paxaros inocentes. O que ocorre despois non precisa de espricación: é abondo coñecido -por experiencia. Mais, en qué nos atinxía a nós? De qué xeito nos atinxe aínda? Ilustraréivolo cunha escueta mostra. Dicíalle Emmanuel a Warren que "cando il falaba de transferencias de poboación activa dunha "agricultura atrasada" a unha "industria moderna", simplesmente esquencía que tamén existe unha "agricultura moderna" e unha "industria atrasada" ". E engadía logo: "A superioridade dos países desenvolvidos sobre do Terceiro Mundo non consiste na meirande porción representada pola sua industria no produto nacional, senón en que tánto a sua industria como a sua agricultura están a un nível moito máis alto que as do Terceiro Mundo". Relémbravos algo isto onda nós? A "mitoloxía industrialis" impuxo, onda nós, o dogma de que o problema estribaba na obesidade, digamolo con humor, do sector agrario, e a solución pasaba por sangralo para facerlle transfusións ao industrial. E sangrárono, sí, unha vez e outra -até extenualo por desnutrición. Mais as transfusións dese sangue non foron parar á industria. Porque os nosos manciñeiros non remediaran a extraversión do potencial económico galego. Non se ocuparan de restruturar a rede de condutos financeiros, comerciais, empresariais e institucionais pola que os nosos recursos primarios, a nosa forza de traballo e o noso excedente económico en fluxos reais e monetarios fluía cara fóra do noso espazo económico proprio. Non escoitaron a ningún dos que, como Emmanuel, desenmascararan os "mitos do desenvolvemento", levantáranlle a careta á mitoloxía do industrialismo e puxeran en coiros a sua índole de estupefaciente para manter a povos dominados coma o noso na sua condición alienada de servos úteis só para a prosperidade de l"homme aux écus, vituperado por Voltaire. Asi nos foi. Asi nos vai aínda, non si? Mais, chegado a este ponto, parei de cismar. Devolvin os redivivos volumes da New Left ao seu sitio: agora xa sei onde están. Luídos e gastos por fóra; celmosamente vizosos na súa libérrima floresta interior.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

A "mitoloxía industrialis" impuxo, onda nós, o dogma de que o problema estribaba na obesidade, digamolo con humor, do sector agrario, e a solución pasaba por sangralo para facerlle transfusións ao industrial. E sangrárono, sí, unha vez e outra –até extenualo por desnutrición.