| Que acontece no país chamado Chile? |
| Ernesto Carmona | |
| Mrcores, 05 de Setembro do 2007 | |
É incríbel como altos persoeiros do modelo chileno hoxe renegan do capitalismo neoliberal que administran eles mesmos neste país.31 de agosto de 2007 - A protesta contra o goberno neoliberal da socialista Michelle Bachelet convocada o mércores pola Central Unitaria de Traballadores (CUT) amosou as contradicións do país propagandeado como un modelo triunfante de capitalismo agresivo para o mundo subdesenvolvido. Na véspera do que terminou nun paro virtual, moitos persoeiros do poder, como o ministro voceiro do goberno Ricardo Lagos Weber, fillo do ex presidente homónimo, declaráronse “inimigos” do neoliberalismo, aínda que contrarios ao chamamento da CUT. O Partido Socialista, a través do seu máximo xefe, o senador Camilo Escalona, tamén proclamou o seu apoio á “Xornada Nacional de Mobilización e Acción Social” convocada pola organización dos traballadores. O liderado da CUT non chamou abertamente a un “paro nacional”, como insinuaron algúns medios de comunicación, senón que convocou a “diversas accións de mobilización e acción sindical”, tales como “atrasos colectivos ao traballo, a realizar ‘cuchareos’ e ‘viandazos’, a organizar actos para dar a coñecer as nosas demandas e entonar o Himno Nacional antes de entrar aos hospitais, colexios, reparticións públicas, fábricas, centros industriais e mineiros”, todo isto baixo a consigna: “Non ao neoliberalismo! A conquistar un estado social, democrático e solidario”. Os traballadores que se “atrasaron” para manifestarense non asistiron aos seus traballos, en gran parte debido á feroz represión policial ordenada por Bachelet e o seu goberno. Así como o principal partido da coalición gobernante, o PS, apoiou a protesta contra o goberno do que forma parte, o mesmo fixo o Partido pola Democracia (PPD), pero a representante do ministerio do Interior no Rexión Metropolitana, a intendenta PPD de Santiago Adriana Delpiano, dirixiu a represión contra os disidentes que se manifestaron na capital, cun balance de 670 detidos. “Das tres querelas presentadas pola Intendencia, logrouse detención preventiva para un dos imputados e medidas cautelares para os dous restantes”, proclamou o xoves ese órgano gobernamental. O 18 Brumario do neoliberalismo chilensis É incrible como altos persoeiros do modelo chileno hoxe renegan do capitalismo neoliberal que administran eles mesmos neste país. José Miguel Insulza, ex ministro de estado, ex vicepresidente, secretario xeral da OEA e á vez pre candidato presidencial, dixo “non é que estea de volta o populismo, está de volta o Estado”, nunha polémica co economista de dereita Felipe Larraín sobre a desigualdade do ingreso en Chile e a escaseza de fondos públicos para mellorar a saúde, a educación e a vivenda. Insulza dixo que hoxe existe incerteza ante o futuro logo que nas últimas décadas se desmantelaran os modelos de maior protección social. “E a resposta non está nos anos 80 ou 90, porque a América Latina foille máis mal que nas décadas anteriores e o denostado modelo da CEPAL produciu máis crecemento que o modelo neoliberal”, engadiu Insulza. Aínda que só sexa por razóns de sobrevivencia, o certo é que as cúpulas políticas falan hoxe abertamente dunha reforma tributaria para enfrontar a desigualdade, mentres Bachelet puxo en marcha unha “comisión” de 48 membros cuxo traballo témese que podería ser un tributo máis ao discurso esotérico, xa que os seus distinguidos membros son os principais responsábeis teóricos e prácticos da desigualdade. De calquera xeito, parece que no Chile gobernado por Bachelet desatouse por fin a temida “loita de clases” reprimida por 17 anos de ditadura máis outros 17 anos de administración civil e de “esquerda” do modelo económico implantado polos militares. As manifestacións do mércores deixaron espidas as contradicións dos novos mordomos do sistema económico, ou sexa, a alianza de partidos “de esquerda” e democratacristianos que gobernan a nación que a propaganda mundial do capitalismo presenta como país modelo. Por exemplo, non se consideran expresións da “loita de clase” o sometemiento pasivo aos baixos salarios dos traballadores subcontratados por terceiros, sen prestacións sociais, de saúde ou previsionais, nin a exportación de man de obra barata incorporada aos produtos primarios de baixo ou nulo valor engadido, como os vexetais e froitas adquiridos a “prezo competitivo” nos mercados externos grazas ao traballo semi escravo das temporeiras. A protesta popular do mércores foi espoleada polos baixos salarios, as subas dos prezos dos alimentos, a carestía xeral da vida e o fracaso do novo sistema de transporte urbano chamado Transantiago, entre outros factores que contrastan coas fabulosas ganancias dos bancos e dos grandes grupos económicos, en particular dos bancos, as grandes tendas e as compañías estranxeiras que explotan o cobre. O dobre discurso de Bachelet e o seu goberno bonapartista utilizan un truco moi gastado. Primeiro autorizan as manifestacións para demostrar ante o mundo que en Chile existe democracia e liberdade, pero prohiben o inevitábel, por exemplo que a xente camiñe pola calzada da simbólica avenida chamada a Alameda, invocada nas últimas verbas de Allende (“algún día abriranse as grandes alamedas por onde transite o home novo”). Se se permiten manifestacións sen “desbordes”, os participantes deben manterse ríxidos como estatuas nos lugares públicos autorizados. Se camiñan pola rúa violan a “orde pública” e o “dereito dos outros cidadáns a desprazarse en automóbiles ou autobuses” e polo tanto habilitan automaticamente aos Carabineiros para que inicien a violencia. E a policía esta preparada e armada, dacabalo, con carros lanza gases, lanza auga e unha arrepiante indumentaria de combate que parece copiada da Guerra das Galaxias. Carabineiros arremeten contra os manifestantes e promoven as “desordes públicas” agora criminalizados polo artigo 26 do novo Código de Procedemento Penal. Así, o goberno e os medios de comunicación presentan ao unísono como “antisociais” a quen protestan contra o modelo de sociedade que administran socialistas e democratacristianos. (Para criminalizar aos estudantes reduciuse a responsabilidade penal aos 14 anos.). A tele non di que os gases son tóxicos e paralizantes, senón “disuasivos” (os lacrimóxenos doutrora eran inofensivos). Carabineros non reprime senón que “disuade”. Bonapartismo bacheletiano “made in Chile” E a represión excedese. Por exemplo, o senador Alejandro Navarro, do mesmo partido socialista de Bachelet, puxo un pé na calzada da Alameda, no sector Praza Italia de Santiago, e de inmediato caeulle a golpes o tenente Manuel Rocco, das Forzas Especiais de Carabineiros, armado dun garrote retráctil estilo Guerra das Galaxias. Tratándose dun senador da República, que ten foro parlamentar, o garrotazo constitúe unha falta moi grave, pero cando “os pacos” golpean a un cidadán común non pasa absolutamente nada. Onte foron detidos e golpeados 670 cidadáns (as) comúns, todos presuntos (as) electores (as) de Bachelet, quen probabelmente foron pateados (as) e maltratados (as) nos autobuses da policía, pero a prensa e o goberno exhiben como únicas vítimas a uns 30 carabineiros lesionados. Para a prensa, o goberno e a tele, a protesta da CUT reduciuse a “disturbios, saqueos e desmáns”. O único socialista do gabinete de Bachelet é o ministro do Traballo. Os principais ministros pertencen ao grupo Expansiva, que cultiva o neoliberalismo máis salvaxe. Por exemplo, a actual ministra de Mineiría, Karen Poniachik, é unha xornalista que antes de ser secretaria de Estado entrevistou na revista Caras ao seu amigo Andrés Velasco, hoxe ministro de Facenda, quen se declarou partidario aberto de privatizar canto antes á empresa estatal do cobre Codelco, que controla só o 38% do negocio con ese mineral. Con estes persoeiros de Expansiva quere dialogar a CUT. É dicir, a organización presiona para discutir co goberno cuestións como o dereito dos sindicatos á negociación colectiva, regulamentar a subcontratación de traballadores que facilita a evasión de responsabilidades sociais e previsionais aos patróns e outras bandeiras da clase obreira arrebatadas pola ditadura. Resulta simbólico que o mesmo día mércores do “paro” falecese o home máis rico de Chile, Anacleto Angelini, de 93 anos, tamén un dos máis adiñeirados de América Latina. E na mesma xornada reuniuse por primeira vez no palacio da Moeda a comisión que segundo Bachelet vai resolver a desigualdade no país, grupo que comezou a estudar os seus futuros aportes esotéricos para o benestar de “todos os chilenos”. E moitos deputados (¿PS?) que quizais na mañá se manifestaron contra Carabineiros, pola tarde aprobaron por un voto a “reforma previsional” que permite o ingreso dos grandes bancos nacionais e estranxeiros ao negocio das pensións privatizadas dos traballadores, até agora un couto exclusivo das chamadas Asociacións de Fondos de Pensións (AFP). E a presidenta ceou coa directiva da Sociedade Nacional de Mineiría, o sector máis próspero do empresariado debido aos altos prezos do cobre no mercado mundial. E neste país onde o dobre discurso é a doutrina oficial do Estado e das cúpulas políticas de todas as cores, a presidenta Michelle Bachelet ergueuse por riba das miudencias da loita de clases e, coma se emulara a Bonaparte, esta vez sen facer “pucheros”, onte á noite dixo: “En democracia e no meu goberno, os traballadores sempre poderán expresar pacificamente as súas demandas e defender os seus dereitos. Iso si, hai un límite e eu quero que todos o entendan moi ben”. Así como “a letra con sangue entra”, o mellor “límite” fíxano “os pacos” de Bachelet.• *Ernesto Carmona é conselleiro nacional do Colexio de Xornalistas de Chile e secretario executivo da Comisión Investigadora de Atentados a Xornalistas (Ciap) da Federación Latinoamericana de Xornalistas (Felap). |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

É incríbel como altos persoeiros do modelo chileno hoxe renegan do capitalismo neoliberal que administran eles mesmos neste país.