O mellor de nós: Corrubedo
Xavier Queipo   
Martes, 04 de Setembro do 2007

Colaboración de Xavier Queipo no Diario Cultural da Radio Galega. O texto foi emitido o 28 de Agosto.

XLVI. O MELLOR DE NOS: CORRUBEDO

Boas tardes. Este verán para satisfacción que espero compartan comigo, a epidemia de incendios deixou tranquilos aos montes galegos. Iso sería para celebrar se non houbese outros fumes que alumean a paisaxe do noso pequeno país sen estado.

Falo de lumes figurados, de lumes de revolta e de contestación por razóns tan diversas como dalgún xeito abafantes. Explícome e desenterro así a machada ritual de guerra que tiña esquecida dende hai tempo, cando decidín, cándido como son de natural, soterrar a miña revolta e fumar da pipa da paz. Mais sempre hai quen dun xeito trapalleiro e teimudo persista na maldade e na traizón ao seu pobo, á súa xente, á súa terra. Sempre hai quen chante unha planta de gas na Ría do Ferrol, que incumpre normas de seguridade, sempre quen pase por riba dun xacemento antropolóxico como acontece en As Pontes, sempre quen dea licenza para abrir pedreiras en troques de protexer a Serra toda dos Ancares, ou sempre tamén, quen, como agora en Corrubedo, esa terra liberada no pasado recente doutras ameazas de desaparición como paraíso, pretenda instalar a contrapeito unhas macro instalacións de acuicultura, que desataron xa protestos e comunicados, rebeldías varias e chamamentos de axuda.

Dicía un meu amigo que lera algures de alguén que dixera: nunca regreses a onde foras feliz. Se cadra por iso hai ben anos que non visito Corrubedo, mais non preciso comer unha madalena para lembrar as pegadas que aquela terra deixou nos meus ollos de mozo abraiado polo amor e a contemplación da natureza. Disimulen o romanticismo unha chisca trasnoitado, mais, cando afastado do país como estou acotío, escoito que queren desfacelo en anacos e reducilo a unha especie de terra para turistas e segundas residencias, éntrame un desacougo inmenso e pónseme alma de bolero arrastrado.

O mellor de nos é a terra que nos acolle, feita das cinzas dos que nos precederan; as ondas que baten na beiramar, de onde os nosos antepasados partiran e ás veces, só ás veces, regresaran; a brisa que agarima o rostro traendo noticia e saúdo doutras xeografías; a area das dunas chegada do deserto, que non é, se cadra, senón un mar virado do revés; o asubío do vento entre as carballeiras, que fai voar as follas para que soñemos en viaxes e distancias. O mellor de nós é querérmonos e querer a quen nos quere.

Quen non quere para os seus o mellor de si? Quen quere para o noso país un destino de terra queimada, pedreira e monte baixo? Quen nos quere angustiados e tristes, submisos e incultos, atrasados e infelices?

Por hoxe máis nada, quedan estas preguntas no aire, por se un acaso anda por aí o Valedor do Pobo e quere escoitalas, mesmo que estean en galego, lingua por el rexeitada coma un perigo potencial para a liberdade dos pobriños castelán falantes, tan acubillados eles. Queda tamén o sentimento aprendido dos meus, que tan ben me ensinaran, que o mellor de nós é querérmonos e querer a quen nos quere. Se concordan comigo, xa que andan por aí, déanlle o seu apoio solidario a aquelas causas que consideren xustas, que así os quero, rebeldes e razoables, felices e diferentes.

Bruxelas, 17 de Agosto 2007

 
< Ant.   Seg. >