Barack Obama, Hillary Clinton e Cuba
Salim Lamrani   
Martes, 28 de Agosto do 2007

 Barack Obama, expresouse sobre Cuba. Pronunciouse a favor da eliminación das sancións económicas inhumanas impostas pola administración Bush en 2004 e 2006 que separan desapiadadamente ás familias cubanas.

[Argenpress]

O 21 de agosto de 2007, o candidato demócrata ás eleccións presidenciais de 2008 de Estados Unidos, Barack Obama, expresouse sobre Cuba. Pronunciouse a favor da eliminación das sancións económicas inhumanas impostas pola administración Bush en 2004 e 2006 que separan desapiadadamente ás familias cubanas (1). Estas medidas draconianas, destinadas a afogar economicamente á illa co obxectivo de derrocar ao goberno cubano, limitan as viaxes dos cubanos de Estados Unidos ao seu país de orixe a 14 días como máximo cada tres anos se cumpren dous requisitos: teñen que conseguir unha autorización do Departamento de Estado e dispoñer polo menos dun familiar directo en Cuba, segundo a nova definición de Bush, ou sexa, avós, pais, irmáns, fillos, cónxuxe. Así, un cidadán estadounidense de orixe cubana xa non ten dereito a visitar aos seus curmáns, tíos e sobrinos que quedaron no país (2).

Obama tamén denunciou as restricións sobre as remesas que os cubano-americanos poden mandar ás súas familias (100 dólares ao mes como máximo). "Trátase á vez dunha cuestión estratéxica e humanitaria. Esta decisión [...] tivo un impacto profundamente negativo sobre o benestar do pobo cubano", sinalou. Como presidente, "outorgarei aos cubano-americanos dereitos ilimitados para visitar ás súas familias e mandar cartos á illa", prometeu (3).

O senador de Illinois tamén fixo partícipe da súa disposición a entablar conversacións bilaterais co goberno da Habana, "normalizar as relacións e suavizar o embargo que presidiu as relacións entre os nosos países durante os últimos cinco decenios". Obama é o primeiro candidato á presidencia que evoca un posíbel levantamento do estado de sitio económico contra Cuba. Trátase aquí dun enfoque sumamente construtivo aínda que se poida lamentar certo cheiro colonialista que emana das súas palabras, como o ilustra a súa vontade de impoñer certas condicións a unha nación soberana (4).

Felipe Pérez Roque, chanceler cubano, saudou a iniciativa de Obama. "Estas declaracións expresan o sentimento maioritario de Estados Unidos", declarou, condenando ao mesmo tempo o ensañamento "bárbaro e anacrónico" da administración Bush cara ao seu país (5). Tamén subliñou que as medidas restritivas violaban os dereitos constitucionais dos cidadáns estadounidenses á libre circulación (6).

Pola súa banda, a candidata demócrata Hillary Clinton, botando o ollo ás subvencións da extrema dereita herdeira do antigo réxime de Fulgencio Batista, cualificou o punto de vista racional de Obama de "irresponsábel e francamente inxenuo" (7). Pronunciouse a favor do mantemento das sancións económicas permanecendo fiel á herdanza do seu marido, Bill Clinton, que asinou a insensata lei Helms-Burton en 1996 con carácter retroactivo e extraterritorial destinada a dar o golpe de graza á revolución cubana. "Está a favor do embargo e da nosa política actual cara a Cuba", declarou o seu voceiro, Mo Elleithee (8).

A inmensa maioría da comunidade cubana de Estados Unidos e da opinión pública desexan ardentemente o levantamento das sancións económicas que afectan gravemente ao nivel de vida da illa. O bloqueo imposto a Cuba desde 1960 ilustra a incapacidade de Wáshington de recoñecer a independencia da nación caribeña. Ademais, foi totalmente ineficiente. O goberno de Fidel Castro propuxo varias veces á Casa Branca un diálogo baseado no respecto mutuo. Pero até agora, o veciño do norte, que se nega a perdoar a afrenta sufrida en 1959 cando Cuba liberouse definitivamente do tutelaxe estadounidense, sempre o rexeitou.

Jen Psaki, voceiro de Barack Obama, resumiu o problema nestes termos: "Ao cabo, este sufraxio é unha elección entre o mantemento de políticas do pasado que fracasaron [...] e [a vontade de] facer borrón e conta nova e elaborar un novo enfoque da diplomacia global". É de esperar que a razón e o sentido común prevalezan para que desapareza para sempre o cruel e inxusto castigo do que é vítima a poboación cubana.

Notas:
1) Barack Obama, « Our Main Goal : Freedom in Cuba », The Miami Herald, 21 de agosto de 2007.
2) Colin L. Powell, Commission for Assistance to a Free Cuba, (Washington : United States Department of State, mai 2004). www.state.gov/documents/organization/32334.pdf (sitio consultado el 7 de mayo de 2004), pp. 40-41.
3) Barack Obama, « Our Main Goal : Freedom in Cuba », op. cit.
4) Ibid.
5) Reuters, « Cuba�s Foreign Minister Applauds Obama Stance on Sanctions », 22 de agosto de 2007.
6) The Associated Press, « Cuban Official : Obama Ochoes U.S. Sentiment », 22 de agosto de 2007.
7) Laura Calls For Lifting U.S.-Cuba Travel Limits For Family », The Associated Press, 21 de agosto de 2007.
8) Beth Reinhard & Lesley Clark, « Candidates Bring Cuba Into Race », The Miami Herald, 22 de agosto de 2007.
9) Ibid.

 
< Ant.   Seg. >