| Salvemos Corrubedo, salvemos O Courel, salvemos Galicia |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Xoves, 23 de Agosto do 2007 | |
É, xa que logo, o momento de dicir abonda; é o momento de loitar polas alternativas a esta desfeita, de loitar por outro modelo de crecemento, por outro modelo de desenvolvemento económico do país; é o momento de pór freo a destrución ecolóxica, xa que logo económica, de Galicia.“A situación do territorio galego é catastrófica”, así comezaba o manifesto lido no transcurso da manifestación que baixo o lema ‘Galiza non se vende: Terra viva e vida digna para tod@s’ percorreu as rúas de Santiago de Compostela o pasado 6 de maio; “dende A Guarda a Ribadeo, dende O Courel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida”, seguía máis adiante. Desgrazadamente, esa afirmación constata unha evidencia da que abondan as probas: o caos urbanístico, o feísmo arquitectónico e moitas das prácticas agresivas co medioambiente relacionadas coa explotación mercantilista do espazo físico galego. Velaí están as prácticas que poden provocar a destrución ecolóxica de Galicia, unha destrución que ás veces confundimos con progreso. Velaí están as ameazas que asexan a Corrubedo, ao Courel e a outros tantos lugares do territorio galego: os intereses privados que perseguen elevados beneficios empresariais, esquecendo que seremos nós quen asumiremos os estragos que provocarán, como explicaba Xosé Manuel Beiras no artigo “SOS Courel III. As alternativas”. A ninguén se lle escapa, supoño, que os beneficios que xere a piscifactoria en Corrubedo e as canteiras de lousa no Courel irán a mans duns investidores privados que se enriquecerán coa destrución duns recursos que nos pertencen a todos. Non nos enganemos, as supostas vantaxes que se anuncian como consecuencia deses dous proxectos que pretenden arrasar Corrubedo e O Courel non son máis que o fume que oculta unha gran verdade: os postos de traballo que se poden crear nesas comarcas non compensarán o estrago desas dúas grandes reservas biolóxicas que, como sinalaba recentemente Manoel Santos, serán castigadas por terse conservado virxes ao longo dos tempos. Ademais, eses postos de traballo poden ser creados noutras actividades de maior interese ecolóxico e social, tanto no Courel como en Corrubedo; razón pola que defendemos a solidariedade territorial e a redistribución da riqueza. Así pois, fronte ao modelo de explotación predadora que impera no sistema capitalista, que considera que o lucro particular conduce ao benestar xeral, a cidadanía ten a palabra e o deber de reclamar outro modelo de país; un modelo baseado na planificación central e democrática das actividades económicas e do urbanismo, polo que cómpre que a cidadanía poida participar na toma de decisións políticas e na xestión dos asuntos públicos. Un modelo, ademais, que se afaste radicalmente da lóxica destrutiva do capitalismo, que considera que os recursos naturais son de propiedade privada, para achegarnos a un modelo económico de crecemento ecolóxico e solidario. É, xa que logo, o momento de dicir abonda; é o momento de loitar polas alternativas a esta desfeita, de loitar por outro modelo de crecemento, por outro modelo de desenvolvemento económico do país; é o momento de pór freo a destrución ecolóxica, xa que logo económica, de Galicia.• | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

É, xa que logo, o momento de dicir abonda; é o momento de loitar polas alternativas a esta desfeita, de loitar por outro modelo de crecemento, por outro modelo de desenvolvemento económico do país; é o momento de pór freo a destrución ecolóxica, xa que logo económica, de Galicia.