A India 60 anosa despois
Alfredo Iglesias Diéguez   
Martes, 21 de Agosto do 2007

 O 15 de agosto de 1947, a India proclamaba a súa independencia; era unha das primeiras colonias que lograba a súa independencia logo de que a Organización das Nacións Unidas recoñecese o dereito á autodeterminación dos pobos na súa carta fundacional de 1945.

[Galicia Hoxe]

O 15 de agosto de 1947, a India proclamaba a súa independencia; era unha das primeiras colonias que lograba a súa independencia logo de que a Organización das Nacións Unidas recoñecese o dereito á autodeterminación dos pobos na súa carta fundacional de 1945.

Naqueles anos, posteriores á fin da II Guerra Mundial, a periferia do sistema mundial, que neses anos se consolidaba arredor dun centro hexemónico euro-norteamericano, iniciaba un profundo proceso de descolonización: fundación da Liga Árabe en 1945, independencia das colonias europeas en Asia, triunfo do Exército de liberación e proclamación da República Popular China... Neste contexto é, quizais, no que cómpre valorar os éxitos e fracasos dos sesenta anos de democracia india, a maior democracia do mundo.

Efectivamente, a India é hoxe un dos estados máis poboados do mundo (1.130 millóns de habitantes), que goza dunha taxa de crecemento económico que a sitúa entre as principais potencias emerxentes do mundo e dunha democracia consolidada, malia que en diversas ocasións os seus xefes de goberno ou líderes nacionais sufriron brutais atentados e ás actividades dunha guerrilla ás veces moi activa, consecuencia dunha inestabilidade política evidente; porén, fronte a eses logros obxectivos, a India está atravesada por profundas desigualdades.

Reflexo destas desigualdades é o modelo de crecemento social da India: 836 millóns de persoas viven na India con menos de 20 rupias diarias (77% da poboación), unha situación dramática se consideramos que o limiar da pobreza se sitúa nas 12 rupias diarias; fronte a estes millóns de pobres, a India é un dos países nos que máis está a medrar a poboación multimillonaria, para a que se constrúen hoteis de luxo e para a que existe un luxoso mercado que afasta os alimentos básicos dos sectores máis desfavorecidos da poboación.

Daquela, se os aspectos sociais son o gran fracaso da India, o principal éxito foi a consolidación dun sistema democrático que sobreviviu a varias tentativas autoritarias, un feito que como salienta o historiador Ramachandra Guha se debe á primeira xeración de políticos que construíron as bases da India moderna, unha India na que existe unha participación política notable dos sectores máis desfavorecidos da poboación e na que, o pasado 25 de xullo accedeu unha muller á xefatura do Estado, logo de que outra muller, Indira Gandhi, gobernara o país ao longo de varios anos en distintas ocasións.

Agora ben, quizais o feito máis salientable da moderna India é a consolidación dun goberno comunista democrático no estado de Kerala, que logo de máis de cincuenta anos de existencia é un dos estados da India no que existen menos desigualdades sociais, unha maior taxa de alfabetización, un maior grao de escolarización da poboación adulta, unha maior esperanza de vida e menores taxas de desemprego, que sitúan ese estado nun aceptable nivel de desenvolvemento humano, sinalando quizais a vía que ten que seguir a India para erradicar a pobreza e as desigualdades sociais. •


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >